Case 100 aldeas máis ficaron abandonadas en Galicia o ano pasado e xa son 2.000

Aldea na Fonsagrada © aldeasabandonadas.com

Se cada vez que morre un vello (ou unha vella) pérdese unha biblioteca enteira, cando unha aldea fica abandonada desaparece un mundo enteiro. En Galicia hai case dous mil núcleos de poboación deshabitados (1.949), segundo os datos do Nomenclátor do INE correspondentes a 2017, unha cifra que non deixa de crecer e que no último ano se incrementou en case un cento de novas aldeas abandonadas, dende as 1.865 de 2016. Outras 982 teñen só un habitante e 1.168 teñen dous, núcleos que en moitos casos poden quedar deshabitados nos vindeiros anos, pois unha boa parte está poboada por persoas de idade avanzada.

Galicia conta cun total de 30.246 entidades singulares de poboación, case a metade de todas as que existen no Estado Español (61.674); 10.356 corresponden a núcleos e outros 20.626 están definidos como poboamentos diseminados. Porén, o 70% da poboación galega concéntrase xa no 6% do territorio do país.

Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras septentrionais. Algunhas comarcas do interior de Pontevedra e do sur de Lugo tamén suman un bo número de núcleos sen habitante ningún. Ortigueira, As Pontes, Muras, Ourol, A Lama, Viveiro, Palas de Rei, As Somozas, Sober, A Cañiza, Vilalba, Friol ou Pantón están entre os concellos con máis aldeas abandonadas.

Aldea en Pantón © aldeasabandonadas.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.