'Fariña', o libro que narra a historia do narcotráfico galego, secuestrado por orde xudicial

Nacho Carretero CC-BY-SA Praza Pública

Unha xuíza de Collado Villalba (Madrid) acordou o secuestro cautelar do libro Fariña, obra na que o xornalista galego Nacho Carretero debulla a historia do narcotráfico en Galicia. A maxistrada Alejandra Fontana adoptou esta medida a petición do ex-alcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar, quen demandou en xaneiro o autor coruñés e a editorial Libros do KO por suposta vulneración do seu dereito ao honor.

O ex-alcalde --que aparece citado no libro por supostos vínculos co narcotráfico galego-- logrou como medida cautelar o secuestro do libro e que se prohiba a impresión e comercialización de novos exemplares dunha obra que vai pola décima edición e que leva tres anos no mercado, cuns 80.000 exemplares vendidos. Na súa denuncia, pedira medio millón de euros de indemnización, rectificación pública, difundir a falsidade do que se afirma na obra sobre el e a desaparición do seu nome.

Alfredo Bea denunciara hai un ano a Carretero e a editorial por suposta vulneración do seu dereito ao honor

"Decatámonos hoxe. Estamos sorprendidos. Non entedemos nada. Aínda hai unha vista posterior, así que preferimos non dicir nada. Estamos confusos e sentimos unha indefensión total. Imos esperar a ver que ocorre nos próximos días", explicaron fontes da editorial Libros do K.O., que acaba de lanzar 10.000 exemplares máis á venda dunha obra que vai ser publicada este ano en galego pola editorial Xerais. Manuel Bragado, director do selo galego, aclara que non recibiron "notificación ningunha" sobre a retirada da obra e que estudarán "en que medida" pode afectar esta decisión xudicial á saída á venda a finais do vindeiro mes de marzo da versión galega. "Estamos sorprendidos; esperaremos a que os avogados que levan o caso tomen as medidas oportunas", aclara. 

Pola contra, a xuíza desestimou a súa pretensión de frear a emisión da serie de televisión producida sobre esta obra e que ten previsto estrearse este ano en Antena 3. Neste caso, sostén que a data de emisión da serie é incerta, así como o guión da mesma, polo que sería desproporciona do paralizar a súa emisión.

As medidas cautelares implican o secuestro del libro e que se prohIba a impresión e comercialización de novos exemplares

No caso do libro, a maxistrada cre que a medida está amparada na eficacia da tutela xudicial, xa que se finalmente a sentenza fose favorable ao demandante, teríase seguido producindo o dano moral sobre el. Para a xuíza, o contido do libro e as supostas imprecisións denunciadas polo ex-alcalde grovense outorgan base suficiente para, sen prexulgar o fondo do asunto, atender a súa petición.

A xuíza, por último, determina que o demandante debe depositar unha caución de 10.000 euros para responder dos posibles danos e prexuízos que a medida cautelar supoña para o patrimonio do demandado. En canto os abone, Fariña sería secuestrado; mentres, segue á venda e xa está esgotado en numerosas librarías. 

"O dano deste secuestro para a editorial é moi grande e podería ser irreparable", di Carretero

"Respecto a decisión pero non me deixa de sorprender porque é unha medida moi prexudicial", declarou Nacho Carretero na Cadena SER. "É un roto para a editorial porque tería que retirar das librerías os miles de exemplares que acaba de imprimir e poderían pasar tres ou catro meses ata que haxa sentenza firme; para unha editorial pequena é un dano moi grande e que podería ser irreparable", explica quen aclara que Alfredo Bea só sae reflectido en dúas liñas do libro para referirse a feitos que "foron probados". 

"As miñas avogadas están preocupadas polo futuro do libro e sorprendidas porque non é moi usual unha medida así. Nunca oíra falar do secuestro dun libro e a primeira vez que pasa tócalle ao meu", engadiu quen insiste en que no libro foi "especialmente cauteloso". "Non hai moito debate no que pasou; o libro é xornalístico", explica sobre Fariña, o libro máis vendido en Amazon España desde este pasado martes. 

No Parlamento, e como cuestión previa, a portavoz do BNG, Ana Pontón, asegurou que se "secuestra un libro porque fala dos vínculos entre o narcotráfico e o PP". "É moi alongada a sombra do financiamento irregular do PP, a verdade é que señor Feijóo, vendo o que está pasando, creo que hai paseos en iate pola ría de Arousa que non están suficientemente explicados”, díxolle ao presidente da Xunta. 

 

A escura historia de Alfredo Bea

O asunto vén de xaneiro de hai un ano, cando Alfredo Bea demandou a Carretero por unhas afirmacións nas que lle atribúe a comisión de delitos relacionados co narcotráfico galego polos que fora condenado pola Audiencia Nacional no ano 2005 pero máis tarde absolto.

Os avogados de Bea Gondar argumentaron a denuncia no feito de que esa sentenza da Audiencia Nacional contra o ex-político --por branqueo de cartos procedentes do narcotráfico-- fora recorrida en casación ante o Tribunal Supremo, que en abril de 2006 absolvera o condenado anteriormente.

Os avogados de Bea Gondar argumentan que no libro fálase dunha condena da Audiencia Nacional da que fora absolto o ex-rexedor

Concretamente, o Supremo anulara unha condena de varios anos de cadea imposta pola Audiencia Nacional a cinco galegos que foran relacionados cun alixo de 2.000 quilos de cocaína supostamente desembarcada en Cambados en 1990. Eran Manuel González Crujeiras, Carallán, e José Santórum Viñas, O Can, condenados a oito anos; José Luis Fernández Veiga, O Francés, e José Parracho Castro; e o propio Bea Gondar, ao que se lle impuxeran catro anos.

Un defecto de forma na declaración dunha testemuña provocou que Bea Gondar quedase libre

Para o alto tribunal, a súa decisión estaba xustificada no feito de que a condena estivese baseada no testemuño do arrepentido Fernández Veiga sen ter realizado as comprobacións básicas, ademais de haber imprecisións no relato dos feitos probados por parte da Audiencia Nacional, que na súa sentenza acusaba a Bea Gondar de ser quen proxectara traer a cocaína desde Suramérica a Galicia. Xa que logo, un defecto de forma deixou libre a Bea Gondar, que mesmo fora elixido rexedor aos poucos días de ser detido por orde do xuíz Baltasar Garzón

Alfredo Bea Gondar foi figura clave de UCD na provincia de Pontevedra. En 1983 foi elixido alcalde por Convergencia de Independientes de Galicia, pero pouco despois pasou xunto a todos os concelleiros a Alianza Popular, embrión do actual PP. Volveu ser elixido alcalde do Grove en 1991 como cabeza de lista da Agrupación Vecinal Independiente (AVI), pero non chegou a exercer. Fora o primeiro concelleiro da lista máis votada e a falta de acordo entre as seis formacións políticas no Concello propiciara a súa proclamación malia estar xa detido. Aos tres días, fóralle retirada a condición de rexedor electo ao considerar todos os grupos que a súa ausencia no acto da toma de posesión era inxustificada. Estaba internado no cárcere de Alcalá-Meco por orde do xuíz Baltasar Garzón, e en prisión preventiva como sospeitoso de implicación nun delito de narcotráfico.

A historia de Alfredo Bea é unha das moitas que en 'Fariña' se contan sobre as relacións entre o narcotráfico e cargos políticos, principalmente da dereita

En 2005 foi condenado pola Audiencia Nacional por un delito de branqueo de capital procedente do narcotráfico do que logo foi absolto polo Tribunal Supremo. A súa historia é unha das moitas que no exitoso libro de Nacho Carretero se contan sobre as relacións máis ou menos estreitas entre o mundo do narcotráfico e diferentes cargos políticos -principalmente da dereita, da AP ou do PP- en Galicia.

"Ata a operación Nécora, houbo unha total pasividade [co narcotráfico] por parte do Estado, e a culpa foi dos políticos galegos que estaban en conivencia co narcotráfico", dicía Carretero nesta entrevista con Praza.gal sobre un libro cheo de anécdotas, de lectura áxil e que trata sen complexos da conivencia de políticos e policía, da permisividade da cidadanía ou da banalización da farlopa ou o perico que deixaron unha xeración perdida no país.

Podes mercar 'Fariña' na tenda de Praza.gal

Capa de 'Fariña', de Nacho Carretero © Libros del KO

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.