A Real Academia Galega (RAG) alerta da creba da transmisión lingüística interxeracional e da conseguinte caída no uso do galego, sobre todo entre a xente máis nova. A entidade difundiu este mércores, co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016, unha nova publicación do Seminario de Sociolingüística que debulla a situación social da lingua galega para "identificar as tendencias que marcan a súa evolución nas últimas décadas".
A RAG advirte de que "non pode deixar de expresarse en ton de alarma"ante os "usos minguantes do galego pola xente máis nova"
O traballo advirte da "crecente ruptura da transmisión interxeracional e duns usos minguantes do galego por parte da xente máis nova, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos". Por iso, a RAG asegura que está na "obriga" de "lanzar a voz de alerta, unha voz que quere ser alentadora, pero que non pode deixar de expresarse en tons de alarma”. Así se expresa o coordinador do Seminario de Sociolingüística, o académico Henrique Monteagudo, que aclara que a entidade non pretende "alimentar un discurso pesimista sobre o futuro do galego", pero que non pode "deixar de sinalar os riscos que corre o noso idioma”.
A análise, un resumo e unha actualización de Lingua e Sociedade. A evolución sociolingüística 1992-2013, reflicte unha sociedade bilingüe cunha “vitalidade incuestionable” da nosa lingua, con máis de 1,3 millóns de galegofalantes habituais, pero esta cifra "non pode ocultar que o signo das tendencias é negativo, sobre todo cando se introduce o factor tempo".
O galego é a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou máis anos, pero o 34% das que están entre os 5 e os 65 anos
Así, entre a poboación xeral, o perfil máis frecuente é o das persoas que empregan como lingua habitual o galego (31 %) ou tanto o galego como o castelán (42 %), e os datos do CIS de 2016 amosan que o galego é a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou máis anos, fronte ao 30,7% que teñen como lingua inicial o castelán ou o 23,6% con ambas. Pero se na análise se ten en conta a poboación máis nova, desde os 5 anos, e se detén nos 65, a lingua inicial maioritaria empeza a ser o castelán (38% fronte ao 34% do galego e o 28 % de ambas), que é tamén o idioma que emprega habitualmente unha maior proporción nesta ampla franxa de idade que conta coas xeracións máis novas.
Estes resultados, advirte o estudo, ofrecen un prognóstico do que pode acontecer a curto prazo nos usos lingüísticos se a situación non experimenta “un drástico cambio, e sen necesidade de aplicar complicadas fórmulas matemáticas”. De feito, as xeracións máis novas están xa protagonizando “un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos”.
A RAG advirte de que a xente nova protagoniza “un proceso acelerado de monolingüización en castelán a un ritmo que non se prevía"
E cales son os motivos da creba da transmisión interxeracional do galego? O traballo explica que "esta ruptura non é consecuencia tanto das decisións das familias", senón que máis ben procede de “aspectos relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria”, nomeadamente no ámbito escolar e de maneira especial en determinados contextos semiurbanos. Non hai moito, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, culpara as familias de que infancia e mocidade falen menos galego. Pero foran moitos os golpes ao idioma propio que nada tiñan que ver coa educación na casa.
Sobre o papel da escola, aínda que se evidencia que a institucionalización deu avances positivos, como demostra a crecente competencia para ler e escribir en galego desde os anos noventa, sinálase tamén que co último decreto neste eido, o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos. Segundo datos do IGE, apenas o 18% dos nenos e nenas aprende a falar en galego; segundo as estatísticas da Mesa pola Normalización Lingüística, o 40% dos centros de Educación Infantil das cidades non usa o galego para nada.
"A ruptura da transmisión interxeracional non é consecuencia tanto das decisións das familias, senón de aspectos relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria”
Ante esta mellorable situación, a RAG apela ao conxunto da sociedade e en especial aos seus líderes políticos, económicos e sociais para garantir o futuro do galego. “Cómpre recoñecer as dificultades do presente e os erros do pasado, pero sobre todo é imprescindible un compromiso sincero, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do Goberno e do conxunto das institucións galegas e dos distintos axentes sociais”, conclúe Henrique Monteagudo.