Un informe xurídico avala a nulidade da transmisión do Pazo de Meirás aos Franco

Fachada principal do Pazo de Meirás © Xunta

A transmisión do Pazo de Meirás á familia Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 cando o ditador levaba utilizando o inmoble desde 1938 e para evitar queu pasase a ser parte do patrimonio do Estado. Esa é a principal e contundente conclusión do informe xurídico elaborado por encargo da Deputación da Coruña e que debería ser a base para acudir aos tribunais e solicitar a nulidade desta compravenda e lograr a súa volta ao público ao tratarse dunha propiedade "froito dun negocio ficticio que pode ser anulado”.

A transmisión do Pazo aos Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 cando a familia levaba tres anos usándoo

Xabier Ferreira, coordinador xurídico do estudo e profesor da Universidade de Santiago, explicou en rolda de prensa que acudir aos tribunais é a "acción necesaria" para recuperar o Pazo de Meirás como ben público para a cidadanía e que ese proceso xudicial debería levalo a cabo "calquera persoa ou administración con interese en demostrar que aquela compra-venda non foi tal".

A clave desa posible demanda e sobre a que xira o informe é a anulación do contrato de venda do ano 1941, xunto coa consideración do ben como patrimonio do Estado. 

Tal e como se detalla no documento, os datos históricos indican que a doazón do Pazo de Meirás -a través de coaccións e nun clima de represión en plena guerra civil- concretouse no ano 1938, para aprobarse logo en 1940 a lei do patrimonio nacional e no 41 formalizarse "unha compravenda ficticia" das instalacións. Era o xeito de evitar que fose incorporado como ben público, polo que sería destinado para o uso da xefatura de Estado e non para a familia do ditador Franco, tal e como aconteceu tras a súa morte e tras a recuperación da democracia. 

O informe ve a acción xudicial como "necesaria" para recuperar o Pazo como ben público

A cerna do proceso está nesa compravenda do ano 1941, que se realiza cun prezo baixo de venda e sen entregar o diñeiro perante notario, nunha escritura en que se incorpora unha cláusula pola que non se pode reclamar. “A escritura é ordinaria mais, de facto, en 1941 Franco xa ocupaba un ben que Carmen Polo visitaba con asiduidade e no que diversas institucións acometaran obras de reforma”, explicou Ferreira, remitíndose ao documento privado de doazón de 1938, que fora aceptada polo propio Franco, e que fora anunciada desde A Coruña a Serrano Suñer a través dun telegrama que saíra publicado en prensa.

"Un contrato simulado é formalizar ante notario un contrato cando se está facendo outra cousa; diso estamos a falar"

“En dereito existe a figura de contrato simulado cando dúas persoas formalizan perante notario un contrato cando están facendo outra cousa, e diso estamos a falar. No ano 1941 está comprando unha persoa que xa ten o ben e vendendo unha que xa o fixo”, explicou, polo que abriu a vía a reclamar a “nulidade plena dese contrato” xa que “esa compravenda non existiu e a acción, ao se tratar dun ben público, é imprescriptíbel, inembargábel e inalienábel”, engadiu. 

Por que Franco fixo esta operación se o Pazo xa era da súa propiedade? A razón está, segundo Ferreira, na aprobación en 1940 da Lei de Patrimonio Nacional que incorporaría o Pazo de Meirás como ben público. Xa que logo, o ditador precisaba asinar un contrato de compra para preservar o inmóbel como propiedade privada. 

A operación ficticia de compravenda en 1941 fíxose para evitar que o Pazo pasase a ben púbico tras a aprobación meses antes da Lei de Patrimonio Nacional

“Na nosa opinión o ben, froito deses negocios ficticios, deberá formar parte do Patrimonio Nacional”, concluíu Xabier Ferreira para o que a “opción necesaria é acudir aos tribunais de xustiza”. “O tribunal terá que valorar se o telegrama do gobernador civil da Coruña a Ramón Serrano Suñer que dicía que se facía entrega do Pazo a Franco é falso ou unha realidade. A min xérame unha convicción clara e contundente de que iso aconteceu”, engadiu Ferreira, quen confía en que finalmente o ben reverta ao dominio público.

O informe completo e definitivo será presentado o vindeiro 1 de marzo na reunión do grupo promotor da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, conformada por varias entidades e administracións públicas. Será en medio dunha forte demanda social e política a favor da reversión ao público do inmoble, que o pasado venres unha inmobiliaria cántabra incorporou ao seu catálogo para poñelo á venda por 8 millóns de euros.  A empresa amosa diversas imaxes do pazo, do seu interior e das leiras lindeiras e, adicionalmente, divulgou un vídeo no que combina o aspecto actual do recinto con imaxes do NO-DO sobre as estancias de Franco nel.

O Concello de Sada amosa a súa "satisfacción" ao coincidir a posición do informe coa comisión de expertos e o propio Concello

Ademais, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, advertiu de que a decisión de adiantar algunhas conclusións do informe debeuse á necesidade de contribuír “a asentar a posibilidade de reverter o ben ao ámbito público”, ademais de anunciar “ás persoas que queiran participar na súa compra, dos problemas que ten a propiedade, froito dunha apropiación ilícita”.

Coñecidos os resultados do informe, o goberno municipal de Sada expresou a súa "satisfacción" de que o informe xurídico "coincida coa posición e demandas xa expresadas polo Concello e defendidas na Comisión de expertos" celebrada o pasado luns en Santiago. “Que existe esa coincidencia, tanto na ilicitude e nulidade radical do título fraudulento da propiedade de Franco, como na vía xudicial civil e na demanda de que
as distintas administracións deben defender, é unha boa nova para Sada e Galiza enteira”, declarou Benito Portela, alcalde de Sada.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.