- 25 vilas e cidades galegas acollerán mobilizacións feministas o 8M
- Unha folga de xornalistas, de avogadas, de mestras, de deportistas, de investigadoras...
Son home e quero apoiar a folga do 8 de marzo; como podo facelo? Moitos varóns poden estar a facerse esta pregunta. Para eles, os movementos feministas que impulsan o paro laboral, de coidados, estudantil e de consumo convocado para este xoves publicaron nas últimas semanas unha serie de recomendacións e consellos, que se poderían resumir en dous: axuda as túas compañeiras (na casa, nos labores de coidados, e tamén nos postos de traballo) para permitirlles a elas facer folga e, ademais, tenta non ser protagonista. E un terceiro, seguramente: continúa a facer isto mesmo os outros 364 días do ano, que o 8 de marzo sexa un punto de inflexión e non só unha data ritual e aproveita este día para reflexionar sobre as situacións de desigualdade que se seguen a dar en todos os ámbitos,
"Facemos un chamado a todos os homes aliados e solidarios coa causa da igualdade a que participen apoiando a Folga nun segundo plano, exercendo as tarefas do fogar, coidados e outros traballos que normalmente desenvolven as mulleres da súa contorna; acompañando, sen protagonismos, tamén as accións que se desenvolvan nese día ou á cola nas manifestacións", dise na web folgafeminista.org, que dende comezos de anos fornece de materiais ás persoas que queiran colaborar na folga. De igual xeito, Paula Ríos (PFG ) destacaba en entrevista con Praza que "é preciso que os homes, a outra metade da sociedade, formen parte desta mudanza social. Pedímoslles que estean nun segundo plano, pero que neses días sexan eles os que realicen as tarefas de coidados, unhas tarefas que están infravaloradas socialmente, pero que son as únicas que garanten a vida e a reprodución da vida".
Noutras mensaxes, que están a ser difundidas nas redes sociais, anímase aos homes a encargarse dos seus fillos e fillas -se se é pai- e, en xeral, de todas as tarefas de coidados no fogar ou de axuda a outras persoas dependentes, que habitualmente recaen en maior medida nas mulleres. De feito, insístese en que este comportamento se reparta de forma equitativa todos os días do ano. Tamén se suxire que, mesmo sen ter fillos e fillas, pode ser unha boa idea ofrecerse como coidador para as túas amigas, veciñas ou compañeiras de traballo.
Pídese que se facilite que as súas compañeiras de traballo poidan ir á folga, facéndose cargo das súas tarefas. E o mesmo se se é estudante, "facilitándolles ás túas compañeiras os apuntes de clase". Aos mestres, demándaselles que non pasen lista nas clases dese día ou que non apunten as faltas das alumnas que decidan facer folga.
Tamén se lembra a importancia de difundir a folga e as súas razóns entre os familiares, veciños ou compañeiros de traballo, tanto en persoa coma nas redes sociais.
Finalmente, lémbraselles aos homes que acudan ás concentracións e manifestacións convocadas para ese día que se limiten a "escoitar", evitando ocupar os primeiros postos e, sobre todo, pretender liderar ou dirixir o movemento.