A universidade será un dos lugares nos que a folga xeral de mulleres deste xoves terá un maior impacto. Non só por tratarse dun espazos máis feminizados (máis do 60% do alumnado son mulleres, máis da metade do persoal de administración e servizos, máis do 40% do persoal docente e investigador), senón porque tanto alumnas como traballadoras levan tempo organizándose para levar a cabo os paros estudantil e laboral convocados.
Este luns constituíuse en Compostela unha Asemblea de mulleres traballadoras da USC, que acordou sumarse ao paro do 8 de marzo, facendo un chamamento a todas as mulleres da USC a sumarse á folga de 24 horas, laboral, de coidados e de consumo. A Asemblea reiterou que "temos plena cobertura legal para secundar a folga de 24 horas" e sinalou que "diante das dúbidas suscitadas polas informacións diversas, e en ocasións ambiguas, que parecen dar a entender que só están legalmente convocados os paros de dúas horas por quenda" procedeu a consultalo coa Xerencia da USC, "quen confirmou a plena legalidade e aplicabilidade na USC da folga de 24 horas". A Asemblea está a animar tamén aos traballadores varóns para que apoien o paro "a través das medidas que o Movemento Feminista está a propoñer para tal fin" e colabora coa Asemblea aberta de mulleres estudantes da USC de cara ás mobilizacións.
Outro dos acordos adoptados foi acudir ao acto institucional que a USC celebra o 7 de marzo, ás 11 horas, no Salón Nobre de Fonseca "con pegatinas que nos permitan utilizar ese foro para estender o chamamento á folga". E, igualmente, participar na concentración (12 horas, Praza Roxa) e manifestación (20 horas, Praza Oito de Marzo) convocadas en Compostela o 8 de marzo.
"A folga ten que servir de catalizador para reactivarnos, organizarnos en asemblea e responder ao pulso da mobilización feminista de base, non para liderala senón para ser parte dela e non quedar fóra da revolución deste século"
Finalmente, a Asemblea aprobou un Manifesto das mulleres traballadoras da USC que destaca que "A USC para coa folga feminista porque somos maioría. A USC para porque as mulleres que traballamos nela sufrimos o mesmo machismo que no resto dos sectores laborais e sociais", salientando o teito de cristal que dificulta os ascensos (só hai un 22% de catedráticas, por exemplo), a ausencia de conciliación real "que prexudica máis ás mulleres" ou o acoso sexual e laboral, denunciando que "nos últimos tempos na universidade teñen sido coñecidos xa demasiados casos de homes que se senten no dereito de 'importunarnos' cos seus comentarios".
O texto subliña que "durante estes últimos anos, a maioría estivemos adormecidas, centradas no noso traballo diario cheo de cumprimentos de prazos, burocracia, exames, precariedade laboral, procesos de estabilización e promoción, etc. Por iso a nosa universidade deixou de ser a vangarda e o referente no pensamento e reivindicación feminista". "A folga ten que servir de catalizador para reactivarnos, organizarnos en asemblea e responder ao pulso da mobilización feminista de base, non para liderala senón para ser parte dela e non quedar fóra da revolución deste século", engade.
As demandas das estudantes da USC
A Asemblea aberta de mulleres estudantes da USC pídelle pola súa banda ao profesorado da universidade que teña en conta o dereito do alumnado a folga, facilitando o cambio de sesións ou prácticas e dando outras opcións para realizalas noutro momento no caso de ser obrigatorias. O estudantado realiza unha serie de reivindicacións específicas, que se unen ás motivacións xerais da folga laboral e de coidados. Entre outras cousas, pídese "establecer mecanismos efectivos de prevención e denuncia das violencias machistas". Tamén mellorar a seguridade nos Campus para previr casos de agresións.
Demándase "introducir a perspectiva de xénero en todas as asignaturas, ademais dunha materia específica de Xénero". Reclámase "promover a paridade nos órganos de goberno da comunidade educativa". Tamén facilitar a conciliación laboral e familiar das estudantes ou "poñer produtos de hixiene feminina a disposición das estudantes". Igualmente, pídese "analizar de forma crítica" a masulinización das carreiras técnicas e a feminización daquelas relacionadas cos coidados". Critícase tamén o teito de cristal que existe na Universidade; "somos maioría nas aulas, pero minoría nas Cátedras e no campo da Investigación".
Organización tamén na Universidade de Vigo
Profesorado, PAS e estudantes da Universidade de Vigo adoptaron tamén unha serie de acordos en asemblea, comezando polo apoio expreso á folga de 24 horas para este 8 de marzo, recomendando que no caso de non poder facer folga de 24 horas se opte cando menos polo paros parciais de dúas horas por quenda. A Asemblea anima a participar en todas as mobilizacións feministas programadas e convocou así mesmo unha concentración no Campus Lagoas-Marcosende diante da Reitoría ás 12 horas deste xoves; no acto, aberto a toda a comunidade universitaria, pídeselles ás e aos participantes que leven "tuppers e cacerolas para facer moito ruído".
"A folga feminista é un instrumento axeitado para contribuír ao urxente cambio social que transforme a vida das mulleres e do mundo no que vivimos co fin de situar os coidados e o benestar das persoas como obxectivo do reparto da riqueza"
Ademais, a Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo aprobou a pasada semana un comunicado apoiando a folga do 8M que considera que "a folga feminista é un instrumento axeitado para contribuír ao urxente cambio social que transforme a vida das mulleres e do mundo no que vivimos co fin de situar os coidados e o benestar das persoas como obxectivo do reparto da riqueza". E que entende que "o sistema patriarcal actual favorece múltiples discriminacións contra as mulleres, sendo a máis grave a violencia machista, polo que as reivindicacións e as razóns polas que se convoca a folga feminista son xustas e están perfectamente lexitimadas". O texto lembra que "o sistema educativo é transmisor de estereotipos de xénero que xeneran as desigualdades" e que a Universidade "debe ser unha institución comprometida co progreso social e responsable da promoción de valores igualitarios para acadar sociedades máis democráticas e xustas".