0 Gardados para despois

Asembleas de traballadoras e estudantes estenden a folga do 8M na universidade

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A universidade será un dos lugares nos que a folga xeral de mulleres deste xoves terá un maior impacto. Non só por tratarse dun espazos máis feminizados (máis do 60% do alumnado son mulleres, máis da metade do persoal de administración e servizos, máis do 40% do persoal docente e investigador), senón porque tanto alumnas como traballadoras levan tempo organizándose para levar a cabo os paros estudantil e laboral convocados.

Este luns constituíuse en Compostela unha Asemblea de mulleres traballadoras da USC, que acordou sumarse ao paro do 8 de marzo, facendo un chamamento a todas as mulleres da USC a sumarse á folga de 24 horas, laboral, de coidados e de consumo. A Asemblea reiterou que "temos plena cobertura legal para secundar a folga de 24 horas" e sinalou que "diante das dúbidas suscitadas polas informacións diversas, e en ocasións ambiguas, que parecen dar a entender que só están legalmente convocados os paros de dúas horas por quenda" procedeu a consultalo coa Xerencia da USC, "quen confirmou a plena legalidade e aplicabilidade na USC da folga de 24 horas". A Asemblea está a animar tamén aos traballadores varóns para que apoien o paro "a través das medidas que o Movemento Feminista está a propoñer para tal fin" e colabora coa Asemblea aberta de mulleres estudantes da USC de cara ás mobilizacións.

Outro dos acordos adoptados foi acudir ao acto institucional que a USC celebra o 7 de marzo, ás 11 horas, no Salón Nobre de Fonseca "con pegatinas que nos permitan utilizar ese foro para estender o chamamento á folga". E, igualmente, participar na concentración (12 horas, Praza Roxa) e manifestación (20 horas, Praza Oito de Marzo) convocadas en Compostela o 8 de marzo.

"A folga ten que servir de catalizador para reactivarnos, organizarnos en asemblea e responder ao pulso da mobilización feminista de base, non para liderala senón para ser parte dela e non quedar fóra da revolución deste século"

Finalmente, a Asemblea aprobou un Manifesto das mulleres traballadoras da USC que destaca que "A USC para coa folga feminista porque somos maioría. A USC para porque as mulleres que traballamos nela sufrimos o mesmo machismo que no resto dos sectores laborais e sociais", salientando o teito de cristal que dificulta os ascensos (só hai un 22% de catedráticas, por exemplo), a ausencia de conciliación real "que prexudica máis ás mulleres" ou o acoso sexual e laboral, denunciando que "nos últimos tempos na universidade teñen sido coñecidos xa demasiados casos de homes que se senten no dereito de 'importunarnos' cos seus comentarios".

O texto subliña que "durante estes últimos anos, a maioría estivemos adormecidas, centradas no noso traballo diario cheo de cumprimentos de prazos, burocracia, exames, precariedade laboral, procesos de estabilización e promoción, etc. Por iso a nosa universidade deixou de ser a vangarda e o referente no pensamento e reivindicación feminista". "A folga ten que servir de catalizador para reactivarnos, organizarnos en asemblea e responder ao pulso da mobilización feminista de base, non para liderala senón para ser parte dela e non quedar fóra da revolución deste século", engade.

 

As demandas das estudantes da USC

A Asemblea aberta de mulleres estudantes da USC pídelle pola súa banda ao profesorado da universidade que teña en conta o dereito do alumnado a folga, facilitando o cambio de sesións ou prácticas e dando outras opcións para realizalas noutro momento no caso de ser obrigatorias. O estudantado realiza unha serie de reivindicacións específicas, que se unen ás motivacións xerais da folga laboral e de coidados. Entre outras cousas, pídese "establecer mecanismos efectivos de prevención e denuncia das violencias machistas". Tamén mellorar a seguridade nos Campus para previr casos de agresións.

Demándase "introducir a perspectiva de xénero en todas as asignaturas, ademais dunha materia específica de Xénero". Reclámase "promover a paridade nos órganos de goberno da comunidade educativa". Tamén facilitar a conciliación laboral e familiar das estudantes ou "poñer produtos de hixiene feminina a disposición das estudantes". Igualmente, pídese "analizar de forma crítica" a masulinización das carreiras técnicas e a feminización daquelas relacionadas cos coidados". Critícase tamén o teito de cristal que existe na Universidade; "somos maioría nas aulas, pero minoría nas Cátedras e no campo da Investigación".

 

Organización tamén na Universidade de Vigo

Profesorado, PAS e estudantes da Universidade de Vigo adoptaron tamén unha serie de acordos en asemblea, comezando polo apoio expreso á folga de 24 horas para este 8 de marzo, recomendando que no caso de non poder facer folga de 24 horas se opte cando menos polo paros parciais de dúas horas por quenda. A Asemblea anima a participar en todas as mobilizacións feministas programadas e convocou así mesmo unha concentración no Campus Lagoas-Marcosende diante da Reitoría ás 12 horas deste xoves; no acto, aberto a toda a comunidade universitaria, pídeselles ás e aos participantes que leven "tuppers e cacerolas para facer moito ruído".

"A folga feminista é un instrumento axeitado para contribuír ao urxente cambio social que transforme a vida das mulleres e do mundo no que vivimos co fin de situar os coidados e o benestar das persoas como obxectivo do reparto da riqueza"

Ademais, a Comisión de Igualdade da Universidade de Vigo aprobou a pasada semana un comunicado apoiando a folga do 8M que considera que "a folga feminista é un instrumento axeitado para contribuír ao urxente cambio social que transforme a vida das mulleres e do mundo no que vivimos co fin de situar os coidados e o benestar das persoas como obxectivo do reparto da riqueza". E que entende que "o sistema patriarcal actual favorece múltiples discriminacións contra as mulleres, sendo a máis grave a violencia machista, polo que as reivindicacións e as razóns polas que se convoca a folga feminista son xustas e están perfectamente lexitimadas". O texto lembra que "o sistema educativo é transmisor de estereotipos de xénero que xeneran as desigualdades" e que a Universidade "debe ser unha institución comprometida co progreso social e responsable da promoción de valores igualitarios para acadar sociedades máis democráticas e xustas".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As xornalistas galegas demandan #IgualdadeDePrensa

Un grupo de profesionais galegas da comunicación e o Colexio de Xornalistas veñen de lanzar a campaña #IgualdadeDePrensa coa que neste 8 de marzo queren denunciar a persistencia de desigualdades de todo tipo nos medios galegos. A iniciativa quere denunciar a brecha salarial ou o teito de cristal existente na profesión, critica a obriga de moitas mulleres de levar a cabo unha dobre xornada (no emprego remunerado e no fogar) e as eivas en conciliación e corresponsabilidade, e tamén a discriminación ou estereotipos que se manteñen nos contidos publicados polas distintas cabeceiras. Dende a pasada semana está en marcha no conxunto do Estado a campaña #LasPeriodistasParamos, que supera xa as sete mil sinaturas.

A campaña está impulsada por Margarita Ledo -a primeira decana da Facultade de Xornalismo-, Tareixa Navaza -o primeiro rostro que nos narrou noticias en galego por televisión-, ou Ana Expósito -a xornalista de medios galegos con máis experiencia na cobertura de conflitos internacionais-, entre outras (Aida Pena, Fernanda Tabares, Valeria Pereiras, María Yáñez, Lara Graña, Diana López Varela, Cristina Huete...). Nela participan directoras de xornais, como Ana Pardo de Vera (Público) ou Carmen Merelas (La Opinión) e tamén reporteiras a pé de rúa. 

Con esta iniciativa, aberta a que se sumen todas as profesionais galegas da comunicación que o desexen (empregando a etiqueta #IgualdadeDePrensa), as xornalistas buscan reivindicar a súa propia voz. Conclúen que "a cultura machista é esa ignominia na que agroman as agresións, e pode ser combatida coa boa influencia dos medios. Pero para acabar cos roles, a hipersexualización e  os prexuizos sexistas cómpren as gafas de ver da formación, que aínda escasea en xornais, emisoras e cadeas de televisión".