0 Gardados para despois

Alerta en ríos e praias pola contaminación por cinzas dos incendios de outubro

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Logo da grave vaga de incendios de agosto de 2006 e despois de que ardesen unhas 80.000 hectáreas en Galicia, as cinzas dos montes queimados que as fortes chuvias do outono arrastraron polos ríos ata o mar acabaron asfixiando toneladas de ameixas e berberechos en varios bancos marisqueiros. En 2013, dous meses despois de que as lapas arrasasen o Monte Pindo, as cinzas asolaron o areal de Caldebarcos-Berberecheira, en Carnota, afectando tamén o marisco tras baixar polos cursos fluviais e as pendentes cuxos solos quedaran sen vexetación polo lume. Era ese chapapote de monte, semellante ás galletas que durante tempo apareceron na costa tras a catástrofe do Prestige e que esta fin de semana volveu en forma de grandes rochas negras a praias como as de Beluso, no Morrazo. Pelotas de madeira, cinzas e terra que chegan pola ría logo de descender dos bosques queimados, a través de escorrentías ou dos ríos, levados polas fortes precipitacións da borrasca Félix. 

Restos de cinzas, madeira e terra apareceron esta fin de semana en praias do Morrazo en forma de bólas

"Temos un problema claro e estamos ante unha situación de risco", di Serafín González, investigador do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Nos vindeiros días cumpriranse cinco meses daquela vaga de incendios que calcinou case 50.000 hectáreas nunha fin de semana en outubro. "A época máis perigosa son os primeiros seis meses tras as lapas e, logo, ata o primeiro ano", di González, que advirte que as consecuencias máis ou menos graves desa contaminación derivada do lume dependen "do fortes que veñan as choivas e as borrascas". "Mentres o solo estea espido e chova forte, a alarma existe", engade. 

"Temos un problema claro e estamos ante unha situación de risco", advirte Serafín González, da SGHN

O pasado mes de decembro, a borrasca Ana arrastrou moitas cinzas de montes quiemados en outubro que contaminaron pozos, mananciais, ríos e rías nas zonas que máis sufriron as lapas. Nas Neves, un dos concellos máis afectados polas lapas, a situación foi especialmente grave daquela. "Afectara moito; a mananciais, a pozos e nos ríos, pero agora todo iso está recuperado", conta Óscar González, tenente de alcalde e presidente dunha comunidade de montes, que asegura que tras estas últimas precipitacións, o feito de que "a vexetación xa medrase algo e a chuvia filtre" e que as condicións "foran peores na costa que cara ao interior" evitou que se volvesen repetir aqueles episodios.

Con todo, o temporal destes últimos días, Félix, teima en levar por diante eses restos, xunto a carbóns e sedimentos, que son arrastrados por zonas arrasadas onde aínda non prendeu a vexetación ou onde as chuvias e o vento foron máis fortes. "Esta contaminación é máis evidente nas praias, pero afecta ao fondo dos encoros, ás lagoas, ás turbeiras...", advirte Serafín González. En ríos, como o Miñor, nos últimos días tamén se puideron apreciar manchas negras e auga turbia. 

A Xunta non detectou problemas nos bancos marisqueiros ou rías pero recoñece que está "alerta" e que vixía con especial atención as desembocaduras do Verdugo e do Miñor

Precisamente, desde a Consellería do Mar aseguran que as desembocaduras do río Miñor e do Verdugo son as zonas onde se están a intensificar os controis para comprobar a posible contaminación por eses restos dos incendios. Polo momento, segundo aseguran a Praza.gal, "non se detectou ningún tipo de vertido" nin problemas nas rías ou banco marisqueiros, pero recoñecen estar "alerta" ante as fortes chuvias das últimas semanas e as que se prevén nos próximos días. 

As posibles consecuencias levan tempo sendo advertidas. É a contaminación por hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) a que se teme, en referencia a ese grupo de máis de cen substancias orgánicas químicas diferentes que se forman durante a combustión incompleta do carbón, petróleo, lixo e outros produtos orgánicos. Moitos HAP, como lembra a SGHN, "son contaminantes orgánicos tóxicos, persistentes e bioacumulables, que en maior ou menor medida teñen --ou se sospeita que teñen-- efectos carcinoxénicos ou mutaxénicos". E estes HAP tamén se orixinan en grandes cantidades durante os incendios forestais, para logo seren arrastrados polas choivas aos cursos e masas de auga.

Varios estudos certifican a contaminación por hidrocarburos aromáticos policíclicos anos despois de incendios en encoros ou ríos

Tal e a afectación que unha recente publicación científica empregou as concentracións de HAP en sedimentos dun lago para elaborar un rexistro histórico de incendios na súa bacía. Ademais, a presenza de HAP en praias e sedimentos de encoros galegos, ben seguro provocados polos incendios, foi analizada por polo menos dous estudos. No de impacto ambiental duha central detectáronse niveis moi elevados de HAP nos sedimentos recollidos ao carón do muro de presa do encoro das Conchas, no río Limia. Nunha investigación sobre os niveis de HAP nos ovos das píllaras das dunas, que crían nas praias do noroeste ibérico, detectouse un incremento de cinco veces na concentración de HAP despois da vaga de lumes de 2006, cuns efectos maiores nos niveis destes hidrocarburos que a marea negra do Prestige.

"É normal que isto aconteza e xa temos advertido moitas veces do perigoso que son os arrastres destes sedimentos logo dos incendios. En zonas con alta pendente e coa perda orgánica de solo que houbo, se non é nunha borrasca será noutra, pero acabarán por chegar as cinzas ás augas", asegura Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, que advirte de que os controis da Xunta "son insuficientes" e que "case sempre son as propias confrarías, no caso dos bancos marisqueiros, e os propios concellos, no das traídas de auga, os que acaban avisando dos problemas derivados dos incendios". 

Xa hai anos, a SGHN solicitara á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Augas de Galicia que na revisión dos plans hidrolóxicos dos ríos galegos se incluíse expresamente a análise sistemática das concentracións de HAP nos sedimentos de todas as masas de auga naturais ou artificiais para "avaliar se existe ou non contaminación e, xa que logo, factores de risco para a calidade das augas, os organismos acuáticos e a saúde humana". A Confederación anunciara que ía incorporar este seguimento nas revisións. Logo, tras a vaga de lume de 2017, a entidade ecoloxista pediu tamén á Consellería de Sanidade que se coordinase cos dous devanditos organismos e cos servizos municipais de augas para analizar as condicións das augas nas zonas afectadas.

Os traballos da Xunta para recuperar os solos e colocar barreiras impediron en moitos casos o arrastre de cinzas, pero os temporais e as fortes chuvias conseguen transportar aínda restos naquelas zonas onde a vexetación aínda é insuficiente e onde a intensidade do lume danou gravemente os solos. O impacto real, como sucedeu noutras ocasións, comprobarase dentro duns meses. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.