Sen saída á folga na Xustiza galega: Rueda di que as demandas son "inasumibles"

Mobilización do funcionariado de Xustiza en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Un mes e unha semana despois de comezar a folga e cun seguimento semellante e constante por parte dos traballadores, o conflito na Xustiza galega sitúase nunha calexa sen saída. Na última reunión, o pasado venres, a Xunta volveu subir a oferta de incremento salarial que dixo que nunca subiría e os representantes do persoal cederon de novo rebaixando as esixencias desa suba no complemento autonómico. O Goberno ofreceu 105 euros de aumento ao mes, 1.260 euros máis ao ano, para todos os corpos e despois de varios incrementos. O comité aceptou rebaixar as súas pretensións ata os 190 euros máis mensuais, pero aclara que "non baixará" desa cifra. Mesmo hai entre o funcionariado posturas dispostas a retomar as negociacións na proposición anterior de 225 euros "ante a prepotencia e o desinterese por se volver reunir" do conselleiro Alfonso Rueda, que este martes insistiu na petición "inasumible" dos empregados públicos.   

 As asembleas dos traballadoras amosan a súa "determinación" por continuar coa folga e non baixar da última proposta de 190 euros máis ao mes

Neste luns, nas asembleas realizadas nas sete cidades, os traballadores amosaron a súa "fortaleza" e "determinación" para continuar cunha protesta que acumula 24 días efectivos de paro, uns 15.000 xuízos suspendidos segundo o persoal --unha cifra que a Xunta rebaixa á metade-- e unha perda salarial de máis de 1,5 millóns entre o funcionariado. "Hai quen aposta por subir as cantidades da nosa última proposta ante a posición do Goberno, que marchou o venres da xuntanza sen poñer data para un novo encontro, e as palabras de Rueda", din fontes do comité de folga. O vicepresidente da Xunta asegurara que xa se deran "pasos dabondo", que vía o final da folga moi lonxe e acusara os sindicatos de desmarcarse cunha nova reivindicación salarial. As centrais non só o negan, senón que avisan que recuperar as peticións anteriores suporía volver aos 225 euros máis mensuais, unha opción que non descartan. 

Este martes insistiu nas súas palabras ao pedir "responsabilidade" aos sindicatos e reiterar que a última proposta do Executivo autonómico sitúa os funcionarios de Xustiza galegos "na media" salarial que demandaban. "Se nos piden cifras inasumibles, non poderá haber unha solución", asegurou tras engadir que que a Xunta "fixo as súas ofertas e cumpriu con todo o que se pide". 

"Se nos piden cifras inasumibles, non poderá haber unha solución", di o vicepresidente da Xunta

Rueda incidiu en que se o que ocorre é que cando a Xunta expón "como acordo",o que "se está pedindo" por parte dos sindicatos e logo "non o hai", tocará preguntarse "se as reunións valen para algo máis que para seguir prolongándoas eternamente". Ademais, volveu acusar os representantes dos traballadores de levar a cabo "unha folga de contido económico". 

Rueda asegura que a Xunta xa ofertou aos sindicatos "aquilo que se pedía"

"Esta situación debe acabar", di Rueda que manifestou que "non hai dúbida" da vontade negociadora da Xunta, polo que volveu pedirlle aos funcionarios xudiciais que analicen "o que propuxo a Xunta" para "constatar que é aquilo que se pedía". Todo iso, antes de instar os representantes sindicais a ter "responsabilidade" como "está a ter a Xunta".

Entre o funcionariado hai quen non descarta recuperar a reivindicación anterior, de 225 euros, ante a "prepotencia" de Rueda

"Nós cedemos máis ca eles", advirten os traballadores en asemblea. Polo momento, son 85 euros mensuais para cada traballador o que separa a Xunta e funcionariado. Desde o persoal advírtese de que a cantidade onde se podería chegar a un acordo é o complemento autonómico do que gozan os seus compañeiros en Cantabria, nunha media de 620 euros ao mes. Iso suporía arredor deses 190 euros máis mensuais que reclaman para todos os corpos da Administración de Xustiza en Galicia, un total duns 2.700 traballadores. 

"Non nos sentimos para nada asfixiados, senón máis convencidos", aseguran desde o comité de folga ao seren preguntados polo prolongamento do conflito. Mentres a Xunta adoita situar o seguimento da folga no 40% do persoal --este martes reduciuno ao 35%--, obviando os servizos mínimos e as baixas xustificadas, o funcionariado fala sempre de arredor do 80%. Sexa como for, os propios datos da Administración recoñecen que son máis de 1.000 os funcionarios que secundan o paro cada xornada. Segundo os seus últimos datos, as cifras mantéñense nun nivel semellante aos das últimas semanas. 

Neste mesmo martes, os traballadores de Xustiza volveron mobilizarse, como en Santiago, ante os xulgados, onde declararon catro membros das empresas que subministraron o ERTMS á liña de tren, no proceso polo sinistro ferroviario de Angrois. Malia a folga, as declaracións das testemuñas leváronse a cabo malia o atraso no seu inicio. 

O persoal de Xustiza advirte de que non dará "nin un paso atrás" cunha folga que continúa cun seguimento constante

O berro do funcionariado de Xustiza, ante os medios que acudían tamén para cubrir as declaracións no proceso xudicial polo accidente do Alvia, foi claro: "Nin un paso atrás". Ademais, lucían carteis nos que instaban a Alfonso Rueda a negociar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.