A finais do pasado ano, a Xunta foi condenada por ocultar e denegar información sobre as concesións mineiras de Corcoesto. Hai tan só uns días, a ONU vén de advertir o Goberno galego por casos semellantes de "obstaculización" no acceso á información, nesta ocasión baseándose nos problemas con outras explotacións mineiras. A Xunta terá que explicar ante o comité de cumprimento do Convenio de Aarhus por que as autoridades autonómicas impiden o acceso á información ambienttal de diferentes proxectos industriais ou de minas.
As asociacións Petón do Lobo e Ourido do Anllóns reclamaron ante a Convención de Aarhus da ONU pola falta de información da Xunta
O aviso das Nacións Unidas xorde logo de que as asociacións Petón do Lobo e Ouridol do Anllóns cansasen do escurantismo e ocultación respecto de varios proxectos e presentasen ante o comité da Convención de Aarhus da ONU unha reclamación por falta de información e transparencia da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta. Queixábanse da ausencia de resposta ás solicitudes de información das balsas mineiras existentes en Galicia ou das avaliacións de impacto ambiental de iniciativas mineiras como a de San Finx en Lousame ou Varilongo, en Santa Comba.
O pasado 15 de marzo, Nacións Unidas, a través da comisión de cumprimento do Convenio de Aarhus sobre a participación pública en materia de medio ambiente, admitiu a trámite a reclamación que abrangue a política mineira e industrial e de comunicación do Goberno galego. As dúas asociacións advírtenlle ás Nacións Unidas dos "impedimentos" constantes da Xunta á hora de acceder á información, o que supón que esta actitude sexa "un dos principais obstáculos" para os movementos en defensa do territorio.
Nacións Unidas admitiu a trámite a queixa polos "obstáculos" que a Xunta pon para informarse sobre proxectos mineiros
Tanto Petón do Lobo como Ouridol dos Anllóns lembran que a súa queixa ante a ONU chega logo de que esgotasen todas as opcións de comunicación e reclamación coa Xunta, que seguiu "ignorando as solicitudes". Lograron que se admitise a trámite malia a postura da delegación española, que negaba calquera obstáculo e mesmo puxo en dúbida que se optase por todas as vías que ofrece a lexislación galega.
Unha vez máis, o sinalado é o director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces, a quen as asociacións acusan de "ignorar" as resolucións que en ambos proxectos mineiros obrigan a someterse ao trámite de avaliación de impacto ambiental e que a Xunta comezou a ignorar logo do regreso do PP á Xunta en 2009.
"O silencio negativo e os obstáculos e condicionamentos continuados ao acceso da información ambiental dos expedientes mineiros (...) son a práctica habitual" da Dirección Xeral de Minas, que pon "por riba da protección do medio ambiente os intereses económicos e comerciais", ademais de "encubrir actuacións irregulares" das firmas mineiras. Así reclaman os dous colectivos a través do seu representante, o profesor da Universidade de Illinois, dos EUA, Warren Lavey.
O Convenio de Aarhus é un tratado internacional que regula os dereitos de participación cidadá en relación co medio ambiente
O Convenio de Aarhus sobre acceso á información, participación do público na toma de decisións e acceso á xustiza é un tratado internacional que regula os dereitos de participación cidadá en relación co medio ambiente. Foi asinado en 1998 e entrou en vigor o 31 de outubro de 2001.
O Goberno de España ratificou o devandito convenio en decembro de 2004 e dous anos despois, en 2006, aprobou a Lei 27/2006, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente, na que España aplica as súas esixencias. Este acordo recolle un mecanismo de control do cumprimento que permite aos cidadáns denunciar incumplimentos do tratado.