Doentes de hepatite tentan evitar que o Ministerio de Sanidade fiche a cargo do Sergas investigada por atrasar tratamentos

Doentes de hepatite protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O pasado 27 de marzo a Consellería de Sanidade deu en admitir que a subdirectora xeral de Farmacia, Carolina González-Criado, se dispuña a abandonar o Servizo Galego de Saúde "a petición propia" con rumbo ao Ministerio de Sanidade, "cedida para a realización dun estudo relacionado coa área farmacéutica". No entanto, fontes do departamento do Goberno central recoñeceron, como informou José Precedo para eldiario.es, que o destino final de González-Criado será ocupar a Subdirección Xeral de Calidade do Medicamento no propio Ministerio. O feito de que este movemento se produza mentres a directiva segue investigada por presunto homicidio imprudente na causa xudicial polo atraso de tratamentos de hepatite indignou a plataforma que representa os doentes, colectivo que tenta evitar que o nomeamento chegue a producirse.

A Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C mantivo nas últimas semanas contactos cos grupos da oposición parlamentaria galega e tamén do Congreso coa intención de tentar incrementar a presión política sobre esta designación. En senllas xuntanzas cos responsables da área sanitaria de En Marea, PSdeG e BNG -Eva Solla, Julio Torrado e Montse Prado-, coas deputadas no Congreso Pilar Cancela (PSdeG) e Ángela Rodríguez (En Marea), así como co voceiro sanitario de Ciudadanos na Cámara Baixa, Francisco Igea, o colectivo reclamou "que adopten as medidas que estean ao seu alcance" para "evitar o nomeamento". Os partidos comprometeron iniciativas ao respecto mentres a Plataforma continúa a súa acción cunha carta dirixida á ministra de Sanidade, Dolors Montserrat.

González-Criado está a ser investigada por presuntos delitos de prevaricación e homicidio imprudente

"Os grupos parlamentarios cos que contactamos, claramente e sen excepcións, definiron como un escándalo e algo inadmisible a posibilidade de que a señora González-Criado sexa nomeada", afirma a presidenta da plataforma, Elena Rivas, quen asina a carta remitida a Montserrat. "Non podemos -di a misiva- máis que mostrar a nosa perplexidade", xa que ata agora responsable farmacéutica do Sergas "se atopa incursa" como investigada -antiga imputación- "no procedemento penal (...) por delitos de prevaricación en nove casos, posteriormente ampliados a 12", e por outros seis casos de presunto homicido imprudente". "A instrución dura xa dous anos" nos que os cargos investigados pediron o arquivo, mentres que o xuíz instrutor segue a acordar novas probas, resaltan.

A presidenta da Plataforma advirte á ministra Monserrat de que o nomeamento "sería un apoio político explícito" e pide que non se produza, cando menos, ata a fin das pescudas xudiciais

A propia plataforma, resalta Rivas, está persoada no procedmento como acusación popular e "ten a intención de solicitar a apertura de xuízo oral" en canto rematen as dilixencias pendentes nun proceso que, lembran, arrincou cunha denuncia da Fiscalía. "Quere isto dicir -advirten á ministra- que existe unha alta probabilidade de que nun prazo non moi afastado se poida acordar a apertura de xuízo". Neste contexto, resaltan, as persoas "prexudicadas" polo atraso dos tratamentos de hepatite séntense "doídas" por que González-Criado "se vexa promocionada profesionalmente". 

"Pregámoslle que reconsidere a decisión de calquera posible nomeamento ou designación da señora González-Criado para posto ou cargo ningún no seu Ministerio", cando menos "mentres non se conclúa a instrución xudicial en marcha", xa que o contrario "sería un apoio político explícito a quen presuntamente delinquiu no exercicio das súas funcións", conclúe a carta da Plataforma. "Dende o moemnto en que o xuíz ditou a apertura de dilixencias" o colectivo de afectados pediu a dimisión tanto de González-Criado como de Félix-Rubial, director xeral de Asistencia Sanitaria no momento dos feitos e actual xerente da área sanitaria de Vigo. A permanencia de ambos en postos públicos, afirma a presidenta da plataforma, é "intolerable" mentres o caso non quede aclarado.

González-Criado e o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.