0 Gardados para despois

O Ministerio de Sanidade ficha unha das responsables do Sergas imputada por homicidio no caso da hepatite

José PrecedoJosé Precedo | @joseprecedo


O Ministerio de Sanidade fichou a unha dos dous altos cargos da Xunta de Galicia imputados por homicidio imprudente por atrasar fármacos da hepatite C "por razóns orzamentarias" a seis pacientes que acabaron morrendo. Carolina González-Criado, a quen se investiga ademais por un delito de prevaricación nun xulgado de Santiago e que ocupou durante os últimos anos o posto de subdirectora xeral de Farmacia, deixa o Goberno galego para incorporarse ao Ministerio que dirixe Dolors Montserrat.

O seu primeiro labor será realizar un estudo sobre a área farmacéutica -iso é o que figura no cesamento a petición propia na Consellería de Sanidade que se fará efectivo á volta de Semana Santa- pero fontes do Ministerio admiten que o seu destino definitivo será o posto de subdirectora xeral de Calidade do Medicamento en substitución de Carlos Lens. De momento, incorpórase ás ordes da directora xeral de Farmacia do Ministerio, Encarnación Cruz, que tomou posesión o pasado maio.

O primeiro labor de González-Criado será realizar un estudo sobre a área farmacéutica, pero fontes do Ministerio admiten que o seu destino definitivo será o posto de subdirectora de Calidade do Medicamento

Fontes da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia admiten que "marcha a petición propia, cedida para a realización dun estudo relacionado coa área farmacéutica" pero aseguran que non teñen noticias sobre se despois se incorporará á organigrama do Ministerio.

Carolina González-Criado é unha personaxe clave no sumario do caso da hepatite que se investiga no xulgado de instrución número 3 de Santiago polo seu papel nos procesos que atrasaron os tratamentos desta enfermidade en Galicia, segundo o escrito inicial do Ministerio Público, "por razóns orzamentarias". Trátase da primeira causa penal aberta en España por mortes supostamente relacionadas cos recortes na área de sanidade.

A cargo da Xunta segue imputada tras declarar na causa aberta que se segue no xulgado número 3 de Santiago e na que figuran informes de médicos que alertaron os seus superiores de que varios hospitais galegos estaban a prescribir fármacos "non adecuados" a pacientes con hepatite por non dispor do Sovaldi, un medicamento que daquela tiña un prezo moi alto.

A denuncia da Fiscalía partiu dos escritos presentados por médicos do Sergas que trataban doentes de hepatite e que ratificaron eses testemuños ante o xuíz

O caso nacera  dunha denuncia da Fiscalía, adiantada por eldiario.es, que partiu dos escritos presentados por varios médicos da sanidade galega que trataban a enfermos de hepatite e que ratificaron eses testemuños ante o xuíz.

O sumario detalla como desde a administración galega na que González-Criado era a subdirectora xeral de Farmacia atrasáronse os tratamentos para tentar que varios deles fosen asumidos gratuitamente por un laboratorio privado que se ofreceu a financiar os medicamentos para 300 pacientes en toda España. Tres dos pacientes morreron sen recibir os medicamentos que os seus médicos lles recetaran. A outro tres chegáronlles demasiado tarde.

Tanto González-Criado como o outro alto cargo do Servizo Galego de Saúde investigado, Félix Rubial, rexeitaron ante o xuíz en febreiro de 2017 que se negase o tratamento do Sovaldi a ningún dos pacientes que acabaron perdendo a vida. En realidade, polo que están a ser investigados é polas demoras na aplicación deses fármacos, que segundo a Fiscalía e a acusación foi a causa que orixinou os falecementos. Tras escoitar os argumentos dos dous mandos do Goberno galego, o xuíz do caso mantivo a imputación.

A denuncia, adiantada por eldiario.es, levantou un gran rebumbio en Galicia, onde a oposición reclamara insistentemente o cesamento da anterior conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, aos mandos do sistema de saúde cando sucederon os feitos, e dos dous altos cargos investigados. O presidente, Alberto Núñez Feijóo, sempre apoiou a eses mandos do seu Goberno e mesmo chegou a dicir que lle parecía ilóxico que "por dous ou tres pacientes" se vinculasen esas mortes ás súas políticas de austeridade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A plataforma de afectados considera "unha provocación" o nomeamento de González-Criado

A Plataforma Galega de  Afectados pola Hepatite C (PGHC) considera "unha provocación e unha afronta ás vítimas" que Carolina González-Criado "non só non sexa cesada, senón que se vexa promovida a un cargo institucional de máis alto cargo". O colectivo que liderou as protestas contra o atraso e a falta de medicamentos e que denunciou moitos dos casos agora investigados nos xulgados di sentirse "indignada" tras coñecer que subdirectora xeral de Farmacia do Sergas pase a ocupar un posto no Ministerio de Sanidade. 

A Plataforma Galega de  Afectados considera "unha provocación" o nomeamento da alto cargo investigada

Así, a plataforma considera de "enorme gravidade" que tanto esta imputada como o outro investigado no caso, o ex-director xeral de Asistencia Sanitaria e actual xerente do Álvaro Cunqueiro, Félix Ruibal, "non só non sexan cesados", como o colectivo "leva tempo esixindo", senón que sexan ascendidos. 

O ex-presidente da PGHC e membro da xunta directiva que coordina a personación da entidade na causa aberta, Quique Costas, cre que “o mero feito de que se estea contemplando ese nomeamento" non pode ser vivido polo colectivo "máis que como unha provocación, un pagamento polos servizos prestados". "Que lle están pagando? Se cadra servir de escudo a responsabilidades penais e políticas que se sitúan máis arriba ou o feito de teren exercido as súas funcións na xestión da Hepatite C de xeito presuntamente delictivo? Par nós trátase dun escándalo de grandes magnitudes", di. 

O colectivo considera o ascenso de González-Criado "un pagamento polos servizos prestados"

Pola súa banda, a presidenta da plataforma, Elena Rivas, amosou tamén a súa indignación por un nomeamento que é “unha afrenta ás vítimas e ás súas familias, que ven impotentes como a presunta responsable desas mortes é premiada por iso". "O que demostra é unha inconcibible falta de sensibilidade por parte do Ministerio”, asegura que anunciou que o colectivo vaise poñer en contacto cos grupos  parlamentarios da oposición, tanto no Parlamento como no Congreso, para uqe adopten iniciativas en ambas cámaras "esixindo explicacións por este nomeamento anunciado" e instándolles a que "intenten frealo".