A Xunta sinala 800 comunidades de montes con incumprimentos graves, unha de cada catro

Actividade escolar no Día da Árbore nun monte veciñal en Covelo © CMVMC de Covelo

Este domingo 22 a Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común (ORGACCMM) convoca en Compostela unha manifestación en demanda dun política forestal "para un Medio Rural vivo". A marcha, apoiada por ADEGA, APDR, Atrifoga, CIG, FRUGA e SLG, reivindica a continuidade dos montes veciñais, denunciando as modificacións lexislativas introducidas polo PP o pasado mes de decembro, que facilitan o proceso para entregarlles a empresas privadas a xestión de montes comunais. Este tipo de propiedades ocupan na actualidade 665.000 hectáreas en Galicia, unha terceira parte dos terreos forestais e case unha cuarta parte do territorio total do país.

A Xunta prevé a incorporación de montes comunais ao Banco de Terras "cando se declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación"

A través da lei de acompañamento aos orzamentos, o PP modificou en solitario varios artigos da Lei 13/1989 de montes veciñais en man común. Entre outras cousas, a Xunta prevé a incorporación de montes comunais ao Banco de Terras "cando se declare un monte veciñal en estado de grave abandono ou degradación", unha declaración que se fará en virtude duns "indicadores obxectivos" que serán fixados polo propio Goberno galego. O Banco de Terras poderá, ademais, ceder "o uso e aproveitamento dos montes veciñais" a unha empresa privada por un período de 50 anos, un contrato que unha asinado non poderá ser revogado pola comunidade de montes, aínda que solucione os problemas que deron pé á declaración de abandono.

A análise de Medio Rural sitúa a cando menos 800 comunidades nunha situación irregular

Poucos días antes desta manifestación vén de coñecerse unha análise realizada pola Consellaría de Medio Rural sobre o cumprimento das súas obrigas legais por parte das comunidades de montes de Galicia. Unha análise que sitúa a cando menos 800 comunidades (case unha de cada tres) nunha situación irregular. A información foi requirida pola comisión parlamentaria de estudo dos incendios forestais e buscaba coñecer cantas comunidades estaba "correctamente xestionadas", cantas non estaban legalmente constituídas ou cantas carecían de instrumento de ordenación.

Na súa resposta, Medio Rural detalla varios criterios: se constan ou non os estatutos no Rexistro, se consta que se reunise algunha vez a Asemblea veciñal, se a súa Xunta Reitora está caducada ou vixente e se a comunidade cumpriu coas cotas de reinvestimento esixidas pola Lei de Montes (un 40% de todos os ingresos xerados). O Goberno galego sinala que un total de 586 comunidades que suman 47.259 hectáreas non están constituídas, pois ou non teñen estatutos ou non comunicaron as súas contas, ingreso e reinvestimentos nos últimos cinco anos. Medio Rural subliña que a esta cifra poderían sumarse outras 214 "cun baixo cumprimento das súas obrigacións legais" que, entre outras cousas, teñen unha Xunta Reitora cun mandato caducado ou presentaron as súas contas por última vez no ano 2012. 

Un total de 1.581 comunidades con 460.336 hectáreas xestionadas cumpren con todas as súas obrigas legais, ao criterio do Goberno galego

O Goberno galego destaca, pola contra, un grupo de “comunidades correctamente xestionadas”, que cumpren "estritamente coas súas obrigacións": teñen estatutos, xunta reitora en vigor e presentaron a última comunicación económica no ano 2016. Son un total de 1.015 comunidades que xestionan 287.436 hectáreas. A Xunta engade a este grupo outras 566 (con 172.900 hectáreas de terreo) que presentaron as súas contas no 2015, sumando un total de 1.581 comunidades con 460.336 hectáreas xestionadas que ao criterio do Goberno galego cumpren con todas as súas obrigas legais.

Na información facilitada por Medio Rural figuran outras 688 sobre as que a Consellería non realiza máis apreciacións, ao non cumprir con todos os requirimentos pero tampouco situarse entre as máis incumpridoras. Trátase na súa maioría de comunidades cos seus estatutos en regra, pero cuxa Xunta Reitora xa non está vixente ou que, si o está, presentaron as súas contras por última vez nos anos 2013 ou 2014.

"A Xunta está agardando a que estas comunidades queden sen recambio demográfico para entregarlle a súa xestión ás empresas", denunciaba Xoán Carlos Morgade hai uns días

En entrevista con Praza Pública, Xosé Carlos Morgade (presidente da Comunidade de Montes de Mourente e máximo responsables de Iniciativa Comunales) sinalaba que "eu creo que vai ser moi difícil asaltar as comunidades de montes nas zonas máis poboadas de Galicia", pero alertaba de que "o problema está nas zonas máis rurais, nas que queda pouquiña xente e xente moi maior, ademais. E a Xunta está agardando a que estas comunidades queden sen recambio demográfico para entregarlle a súa xestión ás empresas". "Quérenlle impoñer ás comunidades de montes un modelo empresarial, cando unha comunidade de montes nunca será unha empresa", engadía. De igual xeito, Xosé Alfredo Pereira (presidente da ORGACCMM) denunciaba que "debe ser Galicia o primeiro país civilizado no que a infracción dun precepto legal deste tipo implica non só unha sanción (o que é comprensible), senón sanción máis roubo de terras. O PP quere roubarlles o monte veciñal ás comunidades de montes".

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.