- VÍDEO | "Fuxide, correde, bulide": alerta veciñal e chamada á mobilización contra a mina de Touro
- VÍDEO | A empresa promotora lanza unha campaña de propaganda a prol da mina e afirma que a apoia unha "maioría silenciosa"
Todos os ríos e regatos que arrodean a antiga mina de cobre de Touro e O Pino están contaminados. Confírmao Augas de Galicia cos datos das analíticas realizadas en todos os puntos de control da contorna dunha explotación mineira que agora quere reabrir Cobre San Rafael, participada pola multinacional Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, malia o forte rexeitamento social. Os resultados das análises, solicitados pola entidade ecoloxista Adega o pasado 9 de abril, son demoledores e engaden máis presión á Xunta ante a mobilización cidadá e política que lle reclama que denegue a autorización para o novo proxecto megamineiro previsto.
Augas de Galicia confirma nos resultados das analíticas solicitadas por Adega a contaminación de todos os ríos da contorna da antiga mina de Touro
"Ante estes resultados de Augas de Galicia, a Xunta de Feijóo non será tan insensata de aprobar o Proxecto Touro, non si? Beatriz Mato [conselleira de Medio Ambiente] tamén o debe ter claro. Quen contaminou, que pague", apurouse a manifestar a plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non nas redes sociais unha vez coñecidos os datos. Os datos non lles sorprenden aos seus membros.
"O que sorprende dos datos é que a Xunta non tomase medidas cando coñecía de sobra a situación", di a plataforma contraria á mina
Rubén Souto, un dos voceiros da plataforma e veciño da zona, aclara que son "moi conscientes" do que teñen porque o levan "vivindo desde que pechou a anterior explotación", no ano 1986 e logo de 13 anos de traballos. "Houbo colectivos que denunciaron anos esta contaminación, os altos niveis de metais pesados nas augas e os vertidos; que saian á luz non nos sorprende, o que sorprende é que Augas de Galicia e a Xunta non tomasen medidas antes se coñecían de sobra a situación", explica.
Pola contra, os donos dos terreos analizados negan a información de Adega. A propia Explotaciones Gallegas, xunto a outras tres firmas máis, aseguran nun comunicado que "a presenza dalgúns metais nas augas débese á propia litoloxía do terreo, non á antiga actividade mineira" e insisten en que "en ningún caso o cadmio, arsénico, mercurio e chumbo poden proceder da mina porque non existen niveis anómalos no xacemento dos mesmos". Para estas compañías, Augas de Galicia "tan só remitiu numerosos datos de mostraxe que foron interpretados de maneira tendenciosa e nesgada por Adega".
As empresas donas dos terreos analizados negan que a Xunta certifique a contaminación
Para a entidade ecoloxista, pola contra, o resumo do achegado polo organismo público dependente da Xunta é que "a práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga explotación mineira de Touro-O Pino amosan contaminación por metais pesados e alta acidez, afectando a calidade das augas superficiais e soterradas nunha extensión mínima de 65 quilómetros cadrados na contorna da mina, cando menos dende os últimos 10 anos". Xa que logo, unha advertencia do que foi e do que podería pasar cunha nova megamina de ampla extensión.
"A práctica totalidade dos cursos de auga amosan contaminación por metais pesados e alta acidez"
Os resultados facilitados por Augas de Galicia a Adega refírense ás analíticas realizadas nos puntos de control de vertidos, de aforo, de calidade das augas ou captacións, entre outros. Todos eles son negativos, o que "constata", segundo a entidade ecoloxista, "o fracaso dos supostos tratamentos de rexeneración", xa que moitas das antigas instalacións mineiras "seguen a ser unha fonte continua de contaminación das augas superficiais e sorterradas", sendo a "principal fonte de contaminación por metais pesados na bacía do río Ulla".
No mesmo sentido se expresa a plataforma Mina Touro O Pino Non."Cobre San Rafael teima en vendernos que a rexeneración foi correcta e exemplar, cando estes datos demostran o contrario; a contaminación xa foi denunciada moitas veces, pero a súa constatación chega agora dun organismo público e oficial, que é quen ten que vixiar que non pase", explica Souto.
Efectos da contaminación nun regato na contorna da antiga mina de Touro / © Mina Touro O Pino Non
Contaminación en todas as augas da contorna da mina
Os datos que achega Augas de Galicia sobre as estacións de control de calidade demostran a elevada contaminación. No que ten que ver coas augas soterradas, por exemplo no rego de Pucheiras, a calidade ambiental é moi baixa pola presenza de substancias das denominadas prioritarias en canto á calidade das augas. Achouse cadmio e níquel, ademais de superarse as medias anuais de cobre e zinc e unha alta acidez. Hai tamén cantidades doutros metais que superan os valores fixados para as augas de consumo.
"A contaminación por metais pesados das augas soterradas esténdese no tempo até a actualidade, xa que recentes ensaios realizados entre 2017 e 2018 seguen amosando altas cantidades de cobre e zinc (substancias preferentes)", lembra Adega.
"A contaminación por metais pesados das augas soterradas esténdese no tempo até a actualidade"
Do mesmo xeito, os resultados da estación que monitoriza a captación de augas superficiais para consumo humano amosan que se superaron en dous anos (2010 e 2013) os niveis de cadmio, ademais de darse valores altos noutras substancias contaminantes en 2016. No río Lañas, pola súa banda, tamén hai datos que amosan recentes picos de pH ácido en 2017 e superación dos valores paramétricos de aluminio e manganeso, o que requiriría dunha intensa depuración das augas para un posible consumo humano.
En canto aos datos do río Ulla, detéctanse picos de ferro en 2008 e 2013, aínda que Adega destaca que os datos analíticos neste caso son insuficientes para valorar a calidade das augas e a súa evolución no tempo ou situación actual.
No que ten que ver coas mostraxes de vertidos, os datos facilitados por Augas de Galicia demostran, segundo Adega, que "unha enxurrada de metais pesados baixa desde a mina ao Ulla". Así, aparecen importantes concentracións de cobre e zinc, ademais de cantidades de aluminio e manganeso tamén por riba dos valores paramétricos en todos os puntos. Moitos destes datos negativos déronse en ana´lises recentes e corresponden ao curso medio do río, a máis de 10 quilómetros das antigas cortas mineiras.
Adega aclara que os datos das analíticas demostran que "unha enxurrada de metais pesados baixa desde a mina ao Ulla"
Ademais, a bacía do río Brandelos tamén conta cunha "intensa contaminación por substancias preferentes, fundamentalmente cobre e zinc", así como unha elevada acidez, así como outras moitas substancias daniñas nun río que drena tanto a antiga corta de Bama como a de Arinteiro. No caso do río Lañas, que drena unicamente esta úlitma corta, a problemática é similar. Ademais, os resultados analíticos das "canles sometidas a tratamentos de rexeneración”, tal e como indica Augas de Galicia, amosan a persistencia de altos niveis de metais pesados mesmo despois dos supostos “tratamentos”, como aclara Adega.
A plataforma veciñal contra a mina amosa a súa "incerteza" ante o informe que debe emitir a Xunta sobre o novo proxecto
Os resultados, segundo aclara a entidade ecoloxista, non fan máis que confirmar as analíticas que a propia Adega realizou en 2017 en dous puntos e "debuxan unha preocupante situación". "A contaminación das bacias fluviais que drenan as antigas cortas de Bama e Arinteiro é patente, abranguendo uns 65 km2 de territorio", lembran.
"Confírmase o que leva anos sendo denunciado, pero o que nos causa incerteza é pensar por que non se ten actuado antes para subsanar os problemas e en que tipo de informe vai emitir a Xunta sobre o novo proxecto, visto o visto", din desde a plataforma Mina Touro O Pino Non, colectivo que xunto coa Plataforma en Defensa da Ría de Arouse e outras moitas entidades chaman á manifestación coa que intenterán "encher" o Obradoiro o vindeiro domingo 10 de xuño.