O profesorado que fala galego "impulsa" que o estudantado tamén o use ata nun 75%

Os autores do informe sobre o galego na Universidade de Vigo © Universidade de Vigo

Outra análise que incide na deficiente saúde do galego, na mellora das competencias nel pero no devalo do seu uso cotiá. Desta vez é a Universidade de Vigo quen alerta, tras a publicación dun novo estudo sociolingüístico sobre o emprego do idioma no seu ámbito, vinte anos despois da primeira análise. O informe revela as melloras na actitude cara ao idioma propio e tamén a importancia desta mesma actitude positiva no profesorado: aquel que fala galego "impulsa" que o estudantado tamén o use ata nun 75%.

"Os resultados do uso do galego melloran respecto do estudo de hai 20 anos, pero deberían ter mellorando moito máis”

Os resultados deste Estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na Universidade de Vigo amosan un avance nas dúas últimas décadas na competencia do uso do galego, tanto por parte dos docentes como polo persoal de administración e servizos (PAS) e estudantado. No entanto, esta mellora no coñecemento non se reflicte do mesmo xeito nun incremento do uso habitual do galego na contorna universitaria. "Os resultados melloran respecto do estudo de hai 20 anos, pero deberían ter mellorando moito máis”, coinciden en sinalar os autores.

De fixármonos na lingua habitual de docentes e alumnado, as mudanzas son positivas para o galego, sobre todo no que ten que ver co primeiro grupo. Así, mentres que en 1996 era tan só o 12% dos profesores os que declaraba ter como lingua habitual o galego, en 2017 a porcentaxe sobe case ao 27%. No caso do estudantado, o incremento é duns dez puntos: do 9,9% ao 19,4%, mentres que no caso do castelán, a situación é case idéntica, sendo moi diferente no caso da docencia. 

Os autores destacan que o incremento do uso do galego é xeral, sendo a investigación o único aspecto no que non mellora. Así, constatan que a lingua galega é hoxe “predominante no traballo do PAS” e no caso do alumnado tamén se recolle unha mellora da situación, aínda que o castelán segue a ser predominante. “A actitude da comunidade no seu conxunto é boa”, resumen, pero “é insuficiente o uso do galego na Universidade”.

No que ten que ver co profesorado, o estudo destaca as "actitudes", xa que case o 83 % do profesorado se sente capacitado para impartir as clases en galego, mais só o 46 % se declara disposto a facelo, mentres que un 20 % se declara contrario e un 34 % non se manifesta. Ademais, a porcentaxe de docentes que usan habitualmente o galego é do 54 % e o 8,9 % di que non o usa nunca, fronte ao 26 % e 24 % de 1996, un avance máis que considerable.

O informe destaca que "a actitude e práctica do profesorado é fundamental": cando un docente usa o galego, o alumnado faino ata nun 75%

Neste aspecto, os autores do informe reparan na necesidade de que o profesorado tome conciencia de que "a súa actitude e a súa práctica é fundamental", porque “cando calquera docente utiliza o galego de xeito habitual, o alumnado faino ata un 75 % sempre ou maioritariamente;  se pola contra utiliza o castelán (pero anima a usar o galego o alumnado ), a porcentaxe baixa ao 47 %, o cal reflicte a importancia que ten a actitude do profesorado para o impulso da nosa lingua”.

Con todo, destacan os autores, "segue habendo un predominio do castelán no uso habitual", aínda que, dende 1996 o profesorado que utiliza só o castelán nas clases "pasou do 62 ao 22 % e na redacción dos exames do 69 ao 36 %", insisten. 

No caso do alumnado, a frecuencia de uso do galego é tamén maior. Así, a porcentaxe de estudantado que di usar o galego regularmente ou sempre supera o 31%, fronte ao pouco máis do 20% de hai dúas décadas. O problema chega fóra das aulas e da Universidade, como constatan moitos estudos. Tamén este. 

“Hai 20 anos, no 42 % dos fogares empregábanse as dúas linguas, hoxe son o 12 ou 14 %, polo que a metade dos nenos non escoitan unha palabra en galego ata que chegan á escola”, descaron os autores na presentación do informe. Ademais, a lectoescritura e a escolarización infantil é maioritariamente en castelán, hábitos que se arrastran de etapas anteriores. E iso, recordan, que nos resultados desta análise "aínda non se comezan a sentir de cheo os efectos do decreto do plurilingüismo de 2010". 

"A metade dos nenos non escoitan unha palabra en galego ata que chegan á escola”

No uso habitual entre o alumnado, hai un claro predominio do castelán (63,4 % só castelán fronte a 19,4 % só galego, porcentaxes que
eran 65,3 % e 9,9 % hai vinte anos). Na utilización do galego en diferentes situacións, houbo cambios nas últimas dúas décadas, aínda que "non tan acentuados como nos outros colectivos": desde 1996 os que utilizan sempre ou maioritariamente o galego cos compañeiros de clase pasou do 11,6 % ao 19,9 %, nas relacións administrativas coa Universidade pasou do 25,7 % ao 33,8 %, na redacción de apuntamentos de 5,3 % a 20,3 % e na redacción de traballos de curso do 5,7 % ao 19,2 %. Con todo, o castelán "segue a ser hoxe claramente predominante no alumnado na súa actividade dentro da Universidade de Vigo".

Máis do 22% do profesorado cre que o galego non é un idioma axeitado para a investigación ou que o normativo é "unha lingua inventada"

No que se refire aos prexuízos, destaca como máis do 22% do profesorado asegura que o galego non é un idioma axeitado para a investigación científica, unha porcentaxe practicamente idéntica á que considera que o galego normativo é unha lingua inventada. Nas respostas a estas mesmas cuestións, o alumnado amosa moitos menos prexuízos: menos dun 9% pensa que a lingua propia non é adecuada para a investigación científica e un 13% cre que o idioma normativo é inventado. Ademais, a metade do estudantado considera "insuficiente" o grao de uso da lingua propia na Universidade e só un 2,3 % o considera excesivo.

A conclusión, como explican, é que o informe coincide nos seus datos cos presentados nos últmos anos pola Real Academia Galega (RAG) ou o Consello da Cultura Galega. Nel aprécisase a "mellora" no que ten que ver coa capacidade para "entender, ler falar e escribir en galego", pero tamén amosa “con claridade a tendencia cara ao bilingüismo subtractivo”.

O estudo da Universidade de Vigo insiste na "tendencia cara ao bilingüismo subtractivo" que sofre a sociedade galega

"A RAG xa nos vén advertindo do retroceso que significa para a lingua galega: a redución de horas no ensino primario e infantil, a perda da transmisión interxeracional, o agromar de prexuízos derivado das campañas contra o galego, a falta de espazos de uso social para a mocidade en contornas tan monolingües en castelán como as áreas urbanas...". Avánzase cara a unha desgaleguización, pero estamos a tempo de paralo; as universidades teñen moitas ferramentas para reverter o proceso”, destaca, Xosé-Henrique Costas, do do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e un dos autores do estudo xunto a Antonio Vaamonde, Patricio Sánchez e Ricardo Luaces, do Departamento de Estatística; e Eva Castro, Cristina Rodríguez e Paulo Cabral, da Área de Normalización Lingüística. 

O estudo foi elaborado no curso 2016-2017 a través dun cuestionario realizado a 349 docentes, 252 PAS e 1.586 estudantes, “unha mostra suficientemente grande para que o erro das estimacións non sexa relevante”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.