0 Gardados para despois

Un terzo da mocidade nacida nos 90 non ten na familia ningún referente lingüístico en galego

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"A familia como medio de reprodución do galego está perdendo presenza. Agora mesmo, na xeración Z arredor dun 35% dos mozos e mozas xa non ten ningún tipo de referente familiar". O preocupante dato foi adiantado este pasado xoves por Xaquín Loredo, membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG), durante unhas xornadas en Catalunya. Coincide co último informe publicado pola RAG, no que se alertaba da creba da transmisión interxeracional da lingua propia, así como noutas moitas análises, como a que vén de facer pública a Universidade de Vigo, que aclara que a mellora nos competencias non vai acompañada dun maior uso do idioma entre a mocidade

"A familia como medio de reprodución do galego está perdendo presenza", advirte a RAG

Con xeración Z, Loredo refírese ás persoas nadas entre 1990 e 1999 e máis concretamente ao grupo de idade que tiña entre 15 e 24 anos cando se recolleron os datos, en 2013. O especialista avanzou estas cifras nas xornadas La recerca sociolingüística en l'àmbit de la llengua catalana, do Institut d'Estudis Catalans, e supoñen un adianto da análise na que traballa a RAG, co apoio da Deputación de Pontevedra, no proxecto O galego da mocidade. Quince anos despois, co que busca "coñecer os usos e as percepcións do idioma propio entre a poboación máis nova". 

Este traballo, segundo asegura a RAG, reflicte unha dobre realidade: que o galego perde presenza como referente lingüístico familiar e na comunicación diaria das persoas nadas nos 90, pero que nelas tamén hai un cambio substantivo na percepción social da lingua. Con todo, a Academia aclara que "segue a haber fortes prexuízos contra os trazos fonéticos e prosódicos propios do galego", unha situación que revelaron con claridade varios dos informes publicados polo Consello da Cultura Galega (CCG), nos que se explica como callou o mito da "imposición do galego" entre a mocidade. No entanto, o estudo da RAG tamén advirte de que se empeza a "asociar a lingua galega a valoracións máis positivas, relacionadas coa dimensión competencia-status social". 

O 44,2% da xeración nada nos 80 exprésase oralmente en galego ou máis en galego; na dos 90, supoñen o 33,6%

Loreda aclara que a chegada desta xeración Z veu acompañada tamén dun "cambio socioeconómico, sociocultural e tecnolóxico que modificou a relación coa lingua con respecto a outras anteriores", producindo un aumento substancial na tendencia cara ao monolingüismo en castelán. Se o 44,2% da xeración do milenio (persoas nadas entre 1979 e 1989) se expresa oralmente en galego ou máis en galego ca en castelán, esta porcentaxe descende na xeración Z máis de dez puntos, ao 33,6%, mentres o monolingüismo en castelán se converte entre os seus membros na opción do 33, 8% e a máis frecuente

Así, mentres case o 30% da mocidade nada nos 80% asegura expresarse en galego, na xeración da década posterior esta porcentaxe descende ao 18%. Na banda contraria, aqueles que din expresarse en castelán pasan do 27,5% ao 33,8%. As cifras son coincidentes coas que se tiran do INE: entre 2003 e 2013 reduciuse o número de falantes habituais de galego en todos os grupos de idade, pero moito máis nos e nas menores de 30 anos, onde pasou de 340.000 a 192.000, unha caída do 44%.

"O proceso de substitución lingüística do galego polo castelán vén desenvolvéndose desde hai tempo, pero os marcos sociolingüísticos cambiaron e, polo tanto, tamén as variables subxacentes a este fenómeno, polo que as vías de intervención tampouco poden ser as mesmas", advertiu Loreda na súa intervención en Catalunya. 

Qeu a maioría da mocidade resida en contextos urbanos está a ter xa un "impacto relativo na súa sensación de autoeficacia á hora de expresarse oralmente en galego"

A fenda na transmisión lingüística interxeracional é un dos problemas evidentes, pero tamén que o idioma galego perde presenza como referente na comunicación diaria, xa que boa parte da mocidade nesta franxa de idade reside en contextos urbanos e periurbanos, especialmente de Vigo e A Coruña, "onde teñen menos espazo para desenvolver o seu tempo de ocio en galego". "De feito, isto está comezando a ter un impacto relativo na súa sensación de autoeficacia á hora de expresarse oralmente en galego", salienta. 

Ademais, a RAG desenvolveu unha análise para coñecer se as percepcións sociais arredor dos falantes mudaron. Con esta finalidade, desde o Seminario de Sociolingüística replicouse a proba xa realizada coa xeración do milenio. O obxectivo, explica a Academia, era explorar "as diferenzas entre as valoracións de tipo actitudinal que, de modo indirecto, se realizan sobre unha rapaza e un rapaz que se expresan publicamente nas modalidades lingüísticas máis comúns de Galicia (galego innovador, galego tradicional, castelán con acento galego e castelán sen acento), en virtude de cal poida ser o seu hábitat de residencia, lingua inicial, sexo e lingua habitual".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.