O antigo cárcere da Coruña abrirá as súas portas o 4 de agosto como centro cultural

Plano do edificio. En amarelo o espazo que se pode utilizar na actualidade © Proxecto Cárcere

En novembro do ano 2016 a cidade da Coruña recuperou o edificio da vella prisión provincial, grazas a unha cesión de dous anos por parte do Ministerio de Interior. Un ano máis tarde resolvíase a convocatoria pública para a xestión do espazo, asignado a Proxecto Cárcere, a entidade que levaba case unha década traballado para a recuperación do lugar. A súa proposta para converter o antigo cárcere nun espazo autoxestionado e de memoria dependía duns traballos de acondicionamento que se veñen desenvolvendo dende hai ano e medio, complicados polo mal estado do inmoble.

Este longo proceso -iniciado en realidade en 2010 co nacemento do Proxecto Cárcere- está a piques de concluír co inicio da actividade pública e regular no espazo, que se presentará o vindeiro sábado 4 de agosto cunha festa. O evento servirá para celebrar o camiño percorrido e para dar conta do traballo realizado, pero tamén para amosar o edificio e informar do funcionamento que terá no futuro. Están xa confirmadas as actuacións de Samuel Galán, Gonçalo Guerreiro, Marcos Casás ou Alba Fernández. Haberá tamén unha Jam Session de Hip Hop e un espectáculo de swing a cargo de Lindy Hop Coruña. Ademais, a programación incluirá teatro e unha presentación sobre a historia do edificio e sobre a súa importancia como espazo de memoria.

Nas últimas semanas as persoas integrantes do colectivo que está a xestionar o lugar estiveron a dar os últimos retoques ao espazo, grazas á axuda de moitos voluntarios e voluntarias que responderon á petición de axuda lanzada semanas atrás. Dende Proxecto Cárcere, Tono Galán destaca que foron moitas as persoas que se achegaron nos últimos meses para saber máis sobre o proceso ou para ver o edificio, entre elas moitos e moitas que estiveron na propia prisión.

En paralelo, integrantes do colectivo mantiveron xuntanzas con representantes do Concello, no marco da Comisión de Seguimento, para completar as tarefas burocráticas que esixe o proceso. O mal estado do inmoble limita de momento o espazo que pode ser utilizado a apenas o vestíbulo de entrada e a unhas poucas estancias, pero optouse por dar comezo á actividade regular para non adiar máis a inauguración. Cómpre ter en conta que a cesión acordada entre o Ministerio do Interior e o Concello da Coruña rematará nuns seis meses e que aínda debe ser negociada unha prórroga. As obras continuarán nos vindeiros meses para poder salvar a estrutura dun edificio que ten unha significación histórica evidente na cidade e para toda Galicia e para garantir a seguridade no resto do inmoble, de xeito que unha superficie máis ampla poida ser posta en uso.

A concesión outorgada a Proxecto Cárcere para que a entidade poida desenvolver o seu proxecto de xestión ten unha duración dun ano a partir da inauguración do espazo. Proxecto Cárcere mantén aberto o convite a todas as persoas que desexen empregar as instalacións, dando forma así a unha programación permanente de actividades, tanto de tipo público (actuacións, obradoiros...) como privado (xuntanzas, espazos para ensaios ou creación cultural...).

 

Interior do edificio, hai uns días © Proxecto Cárcere
Porta de entrada á antiga prisión, coa rampa de acceso xa colocada © Proxecto Cárcere

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.