0 Gardados para despois

O histórico narco Manuel Charlín volve ser detido nun operativo contra o tráfico de "miles de quilos" de cocaína

Redacción | @prazapublica

No ano en que o secuestro do libro Fariña e a súa adaptación en forma de serie televisiva devolveron ao imaxinario colectivo persoas e momentos clave dos anos en que estourou o narcotráfico en Galicia, dous daqueles capos que, segundo a Xustiza, pasaron do tabaco de batea á cocaína, volveron ser prendidos. O pasado febreiro era detido Sito Miñanco por tráfico de drogas e branqueo apenas dez días antes de volver ser xulgado por outro caso. E este 8 de agosto volveu caer Manuel Charlín xunto a un dos seus fillos, Melchor, e máis dunha vintena de persoas en todo o Estado nunha operación na que foron incautados "varios miles de quilos de cocaína", segundo a subdelegada do Goberno central en Pontevedra, Maica Larriba.

O operativo dirixido polo xulgado de instrución número 4 de Vigo, sobre o que pesa o segredo sumarial, tivo na súa cerna a interceptación dun "barco cargado de cocaína" preto das illas Açores e que tiña Galicia como destino. Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cifran en 19 as persoas detidas en terra, entre elas Charlín pai e fillo en Vilanova de Arousa, e sete no mar -catro delas no barco cargado coa droga e tres, noutro que ía ao seu encontro-. Os catro tripulantes do barco cargado coa substancia estupefaciente pasaron xa a disposición xudicial nun procedemento realizado a través dun teléfono por satélite e para eles foi ditada orde de prisión. Prevese que o resto de detidos queden a disposición do xulgado o venres.

A operación contra a chegada a Galicia dun alixo dunhas dúas toneladas de cocaína saldouse coa detención de 26 persoas, entre elas o patriarca dos Charlín e o seu fillo Melchor

Non será ata a vindeira semana cando o barco chegue, remolcado, a un porto das Illas Canarias, onde será examinada en detalle unha carga que se estima que supera as dúas toneladas de cocaína. Mentres continuará en marcha unha operación canalizada a través do Grupo de Resposta Especial apra o Crime Organizado (Greco) e que, no caso galego, tivo como escenario de detencións e rexistros, ademais de Vilanova, localidades das comarcas da Arousa, Salnés e Barbanza como Cambados, Vilagarcía, Ribeira, Ribadumia ou Boiro. Na vila boirense, segundo transcendeu, un dos detidos é o propietario dun coñecido local hosteleiro da localidade.

Manuel Charlín levaba ata agora oito anos fóra do cárcere

A detención de Manuel Charlín Gama, de 85 anos, chega oito anos despois da súa última saída da cadea. Aínda que o seu rostro ficou historicamente ligado á Operación Nécora, o certo é que naquel macroproceso de 1994 quedara absolto, se ben apenas un ano despois volveu caer noutra operación dirixida polo ex-xuíz Baltasar Garzón. Nesoutra ocasión si rematara cunha condena en 1999 a vinte anos de prisión por un alixo de 600 quilos de cocaína. En 2003 engadiríase a esa condena outra de trece anos por branqueamento de capitais. 

Unha das últimas aparicións públicas do patriarca dos Charlíns producírase a pasada primavera, cando concedera unha entrevista televisiva ligada á emisión da serie Fariña. Pouco despois, o 11 de abril, Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, os dous detidos este mércores, sufriron un asalto na súa casa de Vilanova, agresión pola que tiveran que ser hospitalizados.

Chegada a porto do barco que ía ao encontro do cargueiro que transportaba a droga

Chegada a porto do Sempre Cacharelos, o barco abordado na operación antidroga na que volveu caer Manuel Charlín e que, segundo a Policía, ía ao encontro do remolcador que transportaba a cocaína. É un pesqueiro legal cuxos mariñeiros foron arrestados por "estar en plena connivencia coa organización" dos narcos, din os investigadores.

Imaxes difundidas pola Policía

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.