Os axentes medioambientais e forestais da Xunta están en folga dende o pasado día 1, pero con dificultades para facer ver a súa reivindicación. O Goberno galego impuxo á parte deste persoal que depende da Consellería de Medio Rural uns servizos mínimos do 100% e, para os que dependen de Medio Ambiente, un 20% que a xuízo dos propios traballadores non garante a súa seguridade no servizo. Diante do que consideran uns servizos mínimos "desiguais e abusivos", que o Tribunal Superior de Xustiza vén de rexeitar modificar, este corpo segue a tentar facer ver as súas reivindicacións, tanto as máis inmediatas como as de fondo que, din, pasan por reforzar o servizo público en eidos tan sensibles do seu traballo como a vixilancia e dirección da extinción de incendios, especialmente proclive ao "negocio" privado.
Segundo o comité de folga, conformado pola CIG e UGT, a mobilización segue adiante malia aos atrancos porque, din, non concordan co acordo laboral que a Xunta "pretende" impoñer. Tras a vaga de incendios de outubro de 2017, lembran, a Administración amosou disposición a "abrir a negociación para a mellora das condicións de traballo que levaba sendo reclamada dende 2008". No entanto, a proposta non os convence: "segue mantendo un gran exceso horario, 17.000 horas anuais", estipula gardas de doce horas durante o verán, aumenta a xornada nocturna no inverno e "non garante" que osa xentes poidan descansar 48 horas seguidas. Falta tamén, ademais, unha proposta en mateira de segunda actividade e redución da idade de xubilación.
Os servizos mínimos instaurados por Medio Rural e Medio Ambiente, avalados polo TSXG, dificultan a visibilidade da folga
Mentres o Goberno galego asegura ter unha postura negociadora, o comité de folga coida que, no fondo, "obvia ou menospreza o traballo na xestión forestal", así como a "vixilancia preventiva e a educación ambiental na loita contra os incendios" e mais a investigación do propio lume, "eliminando de todo as brigadas de investigación". Esta circunstancia, unida a que as subas salariais estarían "vinculadas unicamente á extinción de incendios", lévanos á concluír que o Executivo camiña cara ao "desmantelamento efectivo deste servizo público de defensa e protección do patrimonio natural", no canto de "igualar funcións e tarefas de axentes cara ao mantemento do servizo" e "retribuír as especificidades do traballo en todas as súas vertentes".
Os axentes coidan que o problema non é económico: "Vemos inxentes cantidades de diñeiro en drons, cámaras ou para o Exército", din
O problema, coidan os sindicatos, no é económico. "Vemos inxentes cantidades de diñeiro en drons, en cámaras, en material da Axencia Galega de Emerxencias, no Exército", de aí que "sorprenda" que "non se acepten as reivindicacións a prol da mellora" deste servizo público, encargado entre outros aspectos da "dirección técnica da extinción" dos incendios. "Canto máis atomizado" estea o dispositivo e "máis empresas dependan do lume, máis problemas para desmontar a vinculación entre negocio e incendios", advirten. "Só queremos -conclúen- dignidade profesional". A estas reivindicacións uníase este xoves o PSdeG a través do seu deputado Juan Díaz Villoslada, que tras reunirse cunha delegación dos axentes censurou a "grave irresponsabilidade" que, ao seu xuízo, supón que a Xunta manteña "completamente atrancadas as negociacións en pleno período de alto risco de incendios".
Silencio en torno aos incendios no verán de 2018
Nas últimas semanas producíronse incendios en concellos como Sober, Monforte, Fisterra, Oia ou Punxín que foron revelados polos axentes, pero dos que a Xunta non informou
De incendios, precisamente, é do que tamén reprochan os axentes que non fale a Xunta no que vai de verán. Non en van, resaltan, as canles oficiais coas que o Goberno galego informa sobre o impacto do lume nos montes do país levan caladas dende o inicio do devandito período de alto risco, o 1 de xullo. Esa é a data, por exemplo, na que a conta oficial do 085 emitiu a súa última mensaxe pública, cando menos ata este 9 de agosto. Se ben é certo que o impacto do lume este verán non semella estar sendo tan elevado como noutros, non o é menos que os propios axentes desvelaron nos últimos días que se produciron incendios en concellos como Sober, Monforte, Fisterra, Oia ou Punxín dos que Medio Rural non informou.
Información de incendios na web de Medio Rural no verán de 2006 e un dos partes diarios que difundía a Consellería na etapa do bipartito
O Goberno galego mantén así por décimo verán consecutivo a política informativa instaurada dende o retorno do PP ao poder, baseada en non divulgar a totalidade de todos os focos e revelar, a priori, só aqueles que supere as 20 hectáreas ou que poñan en perigo á poboación. En caso contrario, a Consellería responsable só informa dun incendio se alguén pregunta especificamente por el en concreto. Este modelo informativo contrasta co mantido durante a etapa do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, cando o departamento daquela dirixido por Alfredo Suárez Canal ofrecía dúas veces ao día -ás 13:00 e ás 19:00- un parte completo con todos os incendios, ademais de datos acumulados por mes e ano e a súa evolución temporal.