0 Gardados para despois

Cinco anos despois da catástrofe do Monte Pindo, o espazo está lonxe de recuperarse

Redacción | @prazapublica

O 11 de setembro de 2013, hai cinco anos, comezaba a arder o Monte Pindo, en Carnota, un incendio que poucas horas despois xa arrasara máis que mil hectáreas, segundo os datos facilitados naquel momento pola Xunta. "O lume foi intencionado, para evitar que se declarase parque natural", denunciaba o alcalde Ramón Noceda (BNG). "Levamos tres anos intentando que se aprobe unha declaración de parque natural para que se coide. E a administración, por unha merda de cartos, non o fai. Dicíannos nalgunha reunión que non había cartos para avanzar na declaración de parque natural. Pois agora perdeuse o que nunca se debeu de perder". A actividade dos incendiarios reproduciuse nos días seguintes, dúas, tres veces e o lume acabou arrasando case por completo o espazo natural do Monte Pindo (2.300 hectáreas queimadas) e provocando prexuízos importantes tamén nos bancos marisqueiros. "O Monte Pindo é o paradigma do lume iniciado por un chisqueiro pero alimentado por anos de desidia política", resumía Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Cal é a situación do Monte Pindo cinco anos despois? No ano 2014 Tomás Fernández-Couto, secretario xeral de Medio Rural e Montes, afirmaba que "o incendio foi devastador" pero que "contra 2018 estará xa recuperado". Porén, dende a asociación Monte Pindo Parque Natural falan dunha "perda irreversíbel de calidade ecolóxica do espazo, e a pesar dos chamamentos desesperados do movemento veciñal" e denuncian que neste tempo o eucalipto e a acacia, entre outras especies invasoras, se estenderon pola zona, ameazando ademais a supervivencia de especies que en Galicia só se poden atopar no Pindo, coma o carballo anano. A entidade denuncia que a Xunta "non fixo ningún tipo de intervención seria no lugar", tan só actuacións "estéticas" que abrangueron "tan só o 0,16% do arrasado". "E moito menos unha vez que se apagaron as cámaras e o interese mediático: non volveron pola zona", engaden.

"5 anos despois, esta é a realidade: A Xunta gastou na extinción 14 veces máis que en prevención. Mentras tanto o eucalipto, gran aliado desta administración, é o dono de todo. O criminal ou a criminal que acabou con todo, segue libre e indemne. E a protección e os recursos que levamos esixindo desde hai xa 3 mil días, seguen pendentes", resumen dende a entidade. "Nada cambiou polo inmobilismo dunha administración que ve no seu medio natural unha das súas últimas prioridades, e verán tras verán volvemos atoparnos coa mesma escena, sexa en Lariño, no Invernadeiro, nas Fragas do Eume, ou no Courel", advirten, mais engaden que "o único que mellorou foi a conciencia social, pois xa non vemos os incendios coma algo normal e inevitábel senón a consecuencia da falta de prevención".

Así mesmo, critican que o Goberno galego bloqueou a actividade das entidades sociais que nos meses posteriores á catástrofe se autoorganizaron para traballar na protección e na recuperación deste espazo natural. "Polo evidente interese ecolóxico do espazo, e ante o desleixo da administración autonómica e a súa (falta de) xestión rocambolesca do desastre, a sociedade civil reaxiu coma poucas veces antes ante un incendio, dando desde o minuto cero mostras de indignación e fartura de ver o lume saltar case cada día do verán ás páxinas dos periódicos e os avanzos informativos, e ante o que xa non estaba disposta a resignarse", lembran.

A Xunta ordenou paralizar o proxecto civil para recuperar o Monte Pindo, o que levara aos impulsores da iniciativa a denunciar que "nin fan, nin deixan facer". "Esta reacción espontánea e similar no plantexamento inicial á reacción popular contra o desastre do Prestige na década anterior, foi cortada de raíz", explican dende a asociación Monte Pindo Parque Natural. "A Xunta prohibiu literalmente calquera tipo de intervención no espazo degradado, chegando a ameazar con sancións a todo aquel que se presentara no lugar coa intención de reverter e axudar a recuperar coas súas mans limpas o que unhas mans sucias destruíra. Antes deunos tempo a sementar 2500 castiñeiros, 1050 carballos, e protexer 5,73 hectáreas de solo con gramíneas", destacan.

Este macizo granítico de 350 millóns de anos de antigüidade acolle no seu escaso substrato vexetal unha biodiversidade única. A Asociación Monte Pindo ten catalogadas xa preto de 800 especies, das que 150 contan con algún nivel de protección ou interese pola súa singularidade. Porén, este espazo que estaba chamado a converterse no primeiro Parque Natural da Costa da Morte e no sétimo de Galicia segue sen acadar esta ou outras novas figuras de protección.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.