1936: A represión que matou a modernización da Galicia rural

Homenaxe no Paseo Marítimo Antonio Blanco de Marín aos fusilados en decembro de 1936 © ARMH de Marín

Nos meses que seguiron ao golpe de estado de xullo de 1936 sete concelleiros de Cedeira foron asasinados polos franquistas, tres deles executados no Castelo de San Felipe (Ferrol) tras ser xulgados por "rebelión militar". Sucedeu o mesmo con oito edís de Boimorto, asasinados en Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames). Ou con seis dos concelleiros de Fene. Ou con cinco representantes municipais da Estrada, xulgados por "rebelión militar" en Pontevedra. E outros cinco representantes públicos de Mugardos ou de Tui. E catro dos concelleiros de Moaña, Bueu ou O Porriño... A represión dos grupos sublevados contra a República foi moi dura nas cidades, pero tamén o foi nas vilas e concellos máis pequenos, tamén nas zonas máis rurais.

Sen chegar aos niveis de Ferrol-Serantes (4 edís asasinados e 14 encarcerados, exiliados ou sancionados) ou Vigo-Lavadores (9 edís asasinados e 4 represaliados doutros xeitos), son moitas as localidades de todo o país nas que unha parte importante dos representantes municipais sufriron unha brutal persecución. Como destacaba o historiador Emilio Grandío hai uns días, ao presentar os resultados da investigación Xeración Perdida sobre a represión franquista nos concellos da provincia da Coruña, as corporacións municipais foron un dos principais obxectivos da represión” en boa medida porque "o novo réxime quixo castigar os responsables das políticas desenvolvidas no período republicano". Especialmente as políticas exercidas a partir de febreiro de 1936, momento en que a Fronte Popular gaña as eleccións.

"Facer política nese momento pasaba, inexorablemente, por retomar as reformas do primeiro bienio naqueles aspectos que competían ás administracións municipais, logo de dous anos de parálise", lemos en Xeración Perdida"Esta xente o que intentaba dende o Concello era facer escolas, mellorar a vida da xente. Chegaron a decidir que todos os meses o Concello dedicaría unha partida mensual de cartos para mercar libros e facer unha biblioteca ambulante por Boimorto. Iso é algo imposible de pensar mesmo hoxe", destacaba hai un tempo Xosé Luis Rivas Cruz Mini, impulsor do proceso de exhumación dos cadáveres dos oito concelleiros da localidade asasinados o 20 de agosto de 1936. En lugares como Boimorto a corporación municipal impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria, enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación importantísima e unha grande actividade. A guerra matou todo iso, porque para iso se fixo o golpe militar que acabou coa democracia. 

A xestión municipal desenvolvida nos meses e anos anteriores ao 18 de xullo de 1936 foi tamén subliñada na homenaxe que se lle tributou en Amoeiro á corporación local republicana, que sufriu directamente a violencia e a represión, comezando polo propio alcalde Castor Sánchez Martínez, asasinado en agosto de 1936. "Antes da súa xestión en Amoeiro non había case escolas, e despois o nivel educativo de Amoeiro chegou a ser superior mesmo ao que os rapaces podían recibir en Ourense, grazas a mestres coma Rafael Alonso, que foi asasinado. Mestres como Alonso Rodríguez Ansias, que escapou e que viviu emparedado na súa casa 28 anos. Impulsaron o Estatuto de Autonomía, crearon cantinas escolares para os nenos que non podían comer...", sinalaba o actual alcalde, Rafael Rodríguez.

"A maior parte dos asasinatos foron dirixidos contra líderes sociais, persoas que estaban cambiando a sociedade. A revolución xa estaba feita, estaba facéndose, unha revolución no ámbito educativo, no mundo agrario, nas iniciativas empresariais"

E o mesmo sucedeu por exemplo nas homenaxes de Teo ou Ames. "O franquismo xerou un discurso sobre que as represalias foron debidas en moitos casos a enfrontamentos persoais e envexas ou a que só se dirixiu contra as persoas moi significadas politicamente, militantes e dirixentes de partidos. É un discurso falso: a maior parte dos asasinatos foron dirixidos contra líderes sociais, persoas que estaban cambiando a sociedade. A revolución xa estaba feita, estaba facéndose, unha revolución no ámbito educativo, no mundo agrario, nas iniciativas empresariais", destaca Xavier Simón, do Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo.

Galicia era un territorio maioritariamente republicano en xullo de 1936. Porén, o feito de que os sublevados controlasen moi rapidamente Galicia contribuíu a silenciar esta realidade. "Mentres que noutras zonas, como Navarra, Salamanca ou Valladolid, había un apoio social moito máis amplo ao golpe de Estado, en Galicia había unhas importantes masas de afíns á república, como quedara claro nas eleccións de febreiro de 1936, que deron como resultado dúas Galicias: unha na que gañaron os partidos de esquerda e outra que apoiou as forzas tradicionais. Iso é o que fixo que os franquistas utilizasen a Galicia como un laboratorio de determinados ensaios de control social que despois aplicaron noutros territorios a medida que o exército nacional os ía conquistando", explica Julio Prada.

 

A violencia para matar a semente

No verán e no outono de 1936 foron asasinados ou executados os alcaldes de Arzúa, Ares, Boiro, Cabanas, Cambre, Fisterra, Monfero, Vilasantar, Cuntis, Pazos de Borbén, Tomiño, Vilaboa, Marín, Moaña, Lalín, A Guarda, A Estrada... Unha xeografía do terror que se estendeu dende a Galicia mariñeira á labrega, dende as vilas aos concellos máis rurais. "As cidades son sempre o foco, onde mellor se ven os cambios, pero nunha Galicia que seguía sendo maioritariamente rural nos anos 30, no rural tamén se vían grandes cambios e unha gran actividade de asociacionismo político e sindical, pero igualmente cultural e mutualista, elementos que articulan a sociedade civil", explicaba aquí o historiador Antonio Míguez

"Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país"

"Empregan a violencia para eliminar directamente a esas persoas que os golpistas consideran os seus inimigos, para asasinalas, pero tamén para eliminar ese entramado que hoxe chamariamos sociedade civil. O golpe é un golpe contra toda a tradición liberal que arranca no século XIX, contra todo o que sería a modernidade. O seu traballo é tan radical e tan intenso que en boa medida borran todo iso, borran mesmo a memoria de que todo iso existira", engade Míguez. “O poder cambiara de mans coa vitoria da Fronte Popular. Os golpistas tiñan présa, porque o réxime republicano parecía que funcionaba", apunta igualmente Grandío.

"Os mortos e os que quedaron o único que fixeron foi soñar cunha ilusión, cun futuro distinto e esa ilusión foi afogada, matada e dunha maneira moi dura, moi violenta", dicía Xosé Luís Rivas ao falar sobre a corporación de Boimorto que fora asasinada. "Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país", engadía.

Castor Sánchez, alcalde de Amoeiro asasinado en 1936 © Concello de Amoeiro
Manuel Rodríguez Sangiao, alcalde de Cuntis asasinado, nos seus anos de servizo militar © AELG
Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames
Causa militar © Proxecto Nomes e Voces

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.