- As peaxes da AP9 subirán outro 1,9% de forma inminente
- Oito autoestradas construídas á vez que a AP-9 volverán á xestión pública nos próximos anos
En 1979, hai case 40 anos, inaugurouse o primeiro treito da AP-9. A vía que debería vertebrar boa parte de Galicia pertence á primeira xeración de autoestradas que se construíu en España, vías de peaxe que entraron en funcionamento nesa década dos setenta, a cabalo entre os últimos anos da Ditadura e os primeiros da democracia, e que foron xestionadas por empresas con concesións duns 30 ou 35 anos, en ocasións prorrogadas, coma a galega. A concesión orixinal chegaba ata o 2012, e foi posteriormente ampliada en tres ocasións (ata o 2013, 2023 e, finalmente, 2048).
Os 91 quilómetros entre Armiñón (Áraba) e Burgos tiñan un custo de 12 euros para os turismos
A maior parte desas primeiras concesións están a piques de rematar e nos vindeiros anos asistiremos a unha sucesión de noticias que darán conta do regreso á xestión pública de importantes autoestradas. Nese momento, as distintas administracións poderán decidir se seguir cobrando peaxe (que reverterían nas arcas públicas) ou convertelas en vías gratuítas.
Iso é o que vai suceder, de inmediato, na AP-1 entre Burgos e Eibar, que inaugurou os seus primeiros treitos un ano antes que a AP-9 (en 1978) e cuxa concesión privada finalizará o vindeiro 30 de novembro. Ao día seguinte, 1 de decembro, o treito de autoestrada entre Burgos e Armiñón, preto de Vitoria-Gasteiz (91 quilómetros, cun custo actualmente de 12 euros para turismos) comezará a ser gratuíto. Aínda que os restantes treitos continuarán a ser de pago, o conxunto da viaxe entre Bilbao e Burgos ou Donosti e Burgos abaratarase notablemente.
A AP-1 inaugurou o seu primeiro treito en 1978, un ano antes que a autoestrada galega e finalizará a súa concesión o vindeiro 30 de novembro, 30 anos antes
O regreso da AP-1 á xestión pública será a primeira dunha serie de finalizacións de concesións privadas de autoestradas de primeira xeración, máis ou menos contemporáneas da AP-9. Xa en 2003 a AP-8 entre Irún e Bilbao -aberta en 1971- regresou á xestión pública (aínda que continúa a ser de pago). A AP-4 entre Sevilla e Cádiz e a AP-7 entre Tarragona e Alacante (ambas o 31 de decembro de 2019) serán as seguintes. Continuarán a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona (ambas o 31 de agosto de 2021). Nas AP-2, AP-4, AP-7 aínda non se sabe se desaparecerán tamén as peaxes, aínda que a decisión adoptada entre Burgos e Vitoria-Gasteiz senta un importante precedente.
A AP-1 foi adxudicada en 1974 e aberta en 1984. Aínda que a súa concesión debería ter rematado xa en 1994, tres prórrogas alongaron este período ata este 2018, un total de 44 anos. Mentres, a AP-9 continuará a ser privada ata o ano 2048, cando acumulará case 70 anos de concesión dende a inauguración do seu primeiro treito.
O novo accionista maioritario do grupo propietario da AP-9 é Globalvia, unha transnacional controlada por fondos de pensións de Canadá, Holanda e Reino Unido que vén de adquirir por 723 millóns as accións que posuían Sacyr, Abanca e Kutxabank. Esta operación puxo fin ao derradeiro vínculo galego na propiedade da AP-9.