A folga nas Urxencias do CHUS: "Os servizos mínimos evidencian que o persoal é deficitario"

Mobilización nas Urxencias do Clínico de Santiago CC-BY-SA CIG-Saúde
Publicidade
Publicidade

Arredor dun cento de traballadores e traballadoras de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago concentráronse na mañá deste pasado luns no centro sanitario. Foi a primeira das mobilizacións que levarán a cabo cada primeiro día de semana logo de convocar unha folga indefinida para reclamar máis persoal, un plan funcional e protocolos que garantan unha mellor atención aos doentes e evitar así os colapsos que acotío se producen neste servizo. No mesmo día cesou no seu posto o coordinador do servizo, Francisco Rascado, que presentou a súa dimisión irrevogable un ano despois de chegar ao posto.

No primeiro día da folga dimitiu o coordinador do servizo, que levaba un ano no posto

O paro do persoal convocado pola comisión de centro do CHUS foi "maioritario" e únese ao convocado tamén polo sindicato médico O'Mega para os facultativos. Ambos lévanse a cabo todas as semanas desde as 8 horas da luns á mesma hora do xoves e ambos son apoiados pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, que leva anos denunciando a falta de medios, a saturación e os continuos problemas nas Urxencias do Clínico. No entanto, a folga visualizarase unicamente coas protestas e as reivindicacións que --tamén en forma de folletos-- os convocantes fan ante todos aqueles que visitan o centro sanitario. 

A Xunta decretou uns servizos mínimos do 100%; a comisión de centro cre que a medida evidencia "que o cadro de persoal é deficitario"

A Xunta decretou uns servizos mínimos do 100% o que "provoca que ninguén poida exercer o seu dereito á folga", tal e como explica Camilo Agulleiro, presidente da comisión de centro. No entanto, para os convocantes esta medida supón tamén "a demostración e o recoñecemento de que o cadro de persoal é deficitario e de que se precisa máis xente". 

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS leva moito tempo denunciando unha situación caótica, con colapsos cada pouco en Urxencias, doentes nos corredores, horas de espera e unha "manifesta" falta de medios e persoal para un hospital con importante afluencia.

Desde a comisión do centro coincídese en reclamar solucións, polo que reclaman maior dotación de persoal para unha "mellor asistencia sanitaria" e en beneficio nos doentes. Ao tempo, reclaman un plan funcional que elabore protocolos de actuación que eviten a "saturación" e que os pacientes se amoreen nos corredores en lugar de "subir á planta o máis axiña posible ou marchar para a casa se non é preciso o ingreso". 

Mobilización nas Urxencias do Clínico de Santiago / CC-BY-SA CIG-Saúde

A situación, denunciada tantas veces, provocou tamén unha maior concienciación, especialmente entre os usarios. Este luns, varios deles e moitos médicos apoiaron a concentración convocada pola comisión de centro. A mobilización rodeou en manifestación o hospital, para rematar concentrándose no vestíbulo da entrada principal do centro sanitario, nunha acción que se repetirá cada luns de non haber unha solución que satisfaga aos afectados. "Hai ganas porque a xente é consciente da situación precaria que se dá aquí", insiste Agulleiro. 

Polo momento, a comisión de centro do CHUS non ten noticias da xerencia desde a xuntanza do pasado xoves, na que malia que a dirección recoñeceu as eivas a oferta non contentou aos convocantes dunha folga que continúa. De cumprirse as expectativas, haberá unha nova reunión a finais desta semana da que aínda non hai novas. 

A xerencia do hospital recoñece a necesidade de aumentar o persoal pero a súa oferta é considera "insuficiente" polos traballadores

A comisión segue a esixir dotar de persoal suficiente todos os colectivos do hospital para "desconxestionar o servizo e prestar unha asistencia de calidade”. A necesidade de máis persoal semella xa unha necesidade recoñecida por todas as partes, por suposto polos médicos, que a través de O'Mega esixen máis compañeiros, zona exclusiva de observación de doentes encamados e outra de pacientes con doenzas leves, ademais da priorización das intercosultas que se xeran en Urxencias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Despece

Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.