0 Gardados para despois

A folga nas urxencias do Clínico intensifícase cun peche de 24 horas

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A folga nas urxencias do Hospital Clínico de Santiago de Compostela continúa e intensificarase nos vindeiros días. Logo doutra infrutuosa reunión entre o comité de folga e a xerencia do centro, o persoal decidiu en asemblea continuar as protestas e levar a cabo un peche de 24 horas o vindeiro mércores 19 de decembro, ademais de convocar a unha manifestación para a semana despois de Reis. 

Como ocorre coas mobilizacións que tamén se están levando a cabo nos PAC, a sanidade galega pide máis persoal, máis medios e mellores condicións laborais para mellorar tamén a atención á cidadanía. Tamén nas urxencias do Clínico, que levan anos xa denunciando o colapso e as precarias condicións do servizo, un conflito que nas últimas semanas provocou a marcha de varios dos membros do equipo directivo do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). 

O persoal considera insuficiente a oferta de reforzo de persoal que ofrece a xerencia e mantén as mobilizacións e anuncia un peche

É xa a cuarta semana de folga no Clínico, onde os servizos mínimos do 100% fan difícil a visibilización do conflito, que o persoal logra con mobilizacións e concentracións. 

Na reunión deste luns, a xerencia insistiu na súa última proposta de aumentar o persoal con dous médicos, cinco enfermeiros e cinco auxiliares de enfermería. Pero ademais, propuxo ademais habilitar un espazo en urxencias que se abriría cando fose necesario e para o que se contrataría persoal a maiores no caso de que se precisase. No entanto, e tal e como aclara o comité de folga, os traballadores reunidos en asemblea rexeitaron a proposición, que consideran insuficiente. 

"Desconfían de que acabe por non abrirse nunca e que se repitan os problemas; o que reclaman é que todos os ocos de urxencias deben abrirse e ser dotados de persoal", explican desde o comité de folga duns traballadores que se volveron concentrar. Ademais, e malia que a xerencia asume xa que é necesario ampliar o persoal, a asemblea acordou intensificar as protestas e levar a cabo un peche de 24 horas o 19 de decembro e cuxa fórmula aínda teñen que determinar. Xa este mércores, haberá unha concentración diante do Sergas ás 12 horas. 

A xerencia ofrece habilitar un espazo extra en urxencias pero que só se abriría se fose necesario e para o que se contrataría persoal a maiores

En canto ao persoal médico, tamén de folga, os avances tampouco son suficientes. "Limítanse a ofrecer dúas internidades pero para estabilizar dúas persoas dentro do calendario de corenta rotantes, polo que non supón aumento de efectivos", din desde o sindicato O'Mega, que asegura que sobre a problemática dos doentes pendents de ingreso a dirección só ofrece 2axilizar o que poidan". 

Así, o persoal médico mobilizado reclamará agora abrir outra mesa de negociación pero directamente coa Consellería de Sanidade. "A de agora non soluciona nada", explican. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.