Protestas nas rúas e fachenda na Xunta. Mentres centos de persoas apoiaban en Compostela a protesta da Coordinadora Galega de Anpas do Rural en contra dos recortes no ensino público que se ceban co interior de Galicia, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presumía dun inicio de curso, este mesmo mércores, "impecable" e criticaba tanto as mobilizacións como a alcaldes que, na súa opinión, encirran os pais para que se manifesten. Pero Vázquez non fixo estas declaracións nun centro escolar, inaugurando o curso a pé de aula, como é tradición. O conselleiro, como o presidente da Xunta, evitaron protagonizar unha visita deste tipo esquivando, deste xeito, as posibles esixencias de nais e pais.
Malia ás denuncias que chegan das familias do rural, o titular de Educación asegura que neste curso "só se pecharon doce escolas unitarias" e engade que os agrupamentos de alumnos son "moitas veces a única alternativa" para "manter as escolas do rural nun momento de grave crise económica". Ademais, Vázquez reclámalles ás "alcaldías e a todos os partidos" que "colaboren" en lugar de, segundo el, "buscar a confrontación neste momento preelectoral", empregando "a certas asociacións".
A resposta chegáballe ao conselleiro dende a compostelá Praza do Obradoiro, onde se concentrou a peregrinaxe reivindicativa antes de poñer rumbo á sede da Xunta. "Tamén nos recortaron hai uns anos, cando estaba o bipartito, e tamén protestamos", lembra unha das voceiras da coordinadora de Anpas, Noelia Maceda. "Nós somos pais e nais, non somos políticos", subliña, nun contexto no que, censura, quen "paga" as decisións da Consellería son "os nosos fillos e fillas". "Din que hai crise e quen a sofre somos nós, á educación quen a rescata?", pregúntase. "Queremos que nos rescaten a nós" porque "os nosos cartos teñen que estar empregados no noso futuro e nos nenos do rural", os cales "aínda que sexan poucos" teñen "os mesmos dereitos que calquera outro". "Pero o que están facendo é agrupalos e deixalos sen mestres". "Son nenos, non números", engade.
Jesús Vázquez ve intereses electorais tras a marcha e a voceira das Anpas lémbralle que "tamén protestamos contra o bipartito"
Nesta liña incide tamén o propio manifesto da mobilización, lido en San Caetano nun acto que combinou a reivindicación coa música. Moitos pícaros do rural, advirten, "quedarán este curso con menos profesores, sen o dereito a determinados especialistas e agrupados de catro a cinco niveis nunha mesma aula". "Estamos ante unha clara situación de discriminación onde non se está a garantir o dereito á igualdade de oportunidades para os nenos e nenas da montaña e do rural", aseguran, tras queixarse da "falta de medios" no interior para a escola pública.
Ademais, os pais pregúntanse "que se fai para que os nenos e nenas non desaparezan da montaña e do rural" e advirten de que "a triste realidade é que a infancia e a mocidade son xa especies en perigo de extinción na Galicia rural". "As administracións, lonxe de protexernos, atácannos sen piedade", quéixanse. "O peche dos colexios, ao que nos están abocando, é o golpe de graza para que o rural, definitivamente desapareza", engaden.
Apoios sindicais e políticos
Entre pancartas como "por un ensino de calidade", "estades a matar o ensino público" ou "conselleiro, para o privado hai diñeiro", os representantes das Anpas e o alumnado recibiron o apoio de representantes das principais forzas sindicais e políticas do país. Dende a CIG Ensino o seu secretario nacional, Anxo Louzao, exemplifica no recorte de "preto de 1.000 profesores" a "liquidación" do ensino público que, ao seu xuízo, persegue o Goberno. "A consellería desmantela os servizos no ábmito rural para que fuxa a poboación" amparándose na crise e isto, advirte, sucede "mentres se dedican 1.000 millóns máis ao ensino privado concertado". "Estamos ante un consellerio que actúa como membro de honra da patronal da escola privada concertada", afirma.
Jorquera: "Non hai país no mundo que construíse o seu progreso dende o abandono do rural"
Á importancia do mantemento da infancia e da mocidade no rural referiuse tamén o candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, que secundou a marcha acompañado por outros dirixentes nacionalistas como a voceira parlamentaria da formación, Ana Pontón, ou a responsable educativa do grupo nacionalista no Hórreo, Carme Adán. "Non hai país no mundo que construíse o seu progreso dende o abandono do rural", di Jorquera, para quen ao "desmantelamento de sectores produtivos básicos" o Executivo do PP une "o desmantelamento de servizos públicos igual de básicos para o futuro do rural". "Temos un exemplo nos recortes no eido educativo" xa que "a escola pública rural é fundamental para manter o futuro do rural" e para "evitar a súa desertización".
Pola banda socialista acudiron ao Obradoiro o deputado José Luis Méndez Romeu e o ata agora voceiro do PSdeG en Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, que sentará no Parlamento na vindeira lexislatura. Ademais de lamentar a política educativa da Xunta no ámbito rural Romeu estende a súa crítica ao conxunto do ensino onde, exemplifica, cada familia ten que achegar "arredor de 60 euros máis por rapaz" no inicio deste curso por culpa de medidas como a fin da gratuidade dos libros de texto, decidida "polo mesmo Goberno do señor Feijóo que en tres anos suprimiu 2.500 postos de profesor".