Loita de sinaturas e argumentos pola mina de Corcoesto

Pintada nun sinal de tráfico contra a mina de Corcoesto © Corcoesto Si

Loita de sinaturas e loita de argumentos. A plataforma Salvemos Cabana vén de presentar na Consellería de Economía e Industria e no Parlamento de Galicia máis de 23.000 sinaturas contra o polémico proxecto mineiro a ceo aberto de Corcoesto. Son firmas recollidas desde o pasado verán a través do enderezo web www.ouroimpuro.multired.net e coordinadas desde change.org. O colectivo -que foi recibido por parlamentarios de AGE na Cámara- destaca, "ante calquera tipo de controversia que poida ser creada desde o ámbito favorable á empresa", que os apoios teñen "plena validez a nivel público", ao xestionarse a través dun sistema informático protexido contra calquera tipo de fraude.

Neste mesmo día, a plataforma favorable á mina, Corcoesto Si, entrega case 5.500 sinaturas recollidas "de puño e letra en Galicia e na comarca de Bergantiños", aínda que Chelo Ferreiro, voceira da plataforma, recoñeceu na Radio Galega que moitos dos apoios chegaron de "xente que está entregando currículos de forma desesperada" para traballar no proxecto. Fixeron a entrega logo de que preto de vinte persoas percorresen os 50 quilómetros que separan Cabana de Compostela a pé para presentar as firmas e reivindicar a apertura inmediata da mina e a creación de postos de traballo na zona.

"Calquera traballo que me dean, sexa por un ano ou por dez, é suficiente", di a voceira de Corcoesto Si

"Estamos a favor da mina porque estamos desesperados por traballar; queremos un futuro digno e non emigrar", insistiu Ferreiro na Radio Galega. "Calquera traballo que me dean, sexa por un ano ou por dez, é suficiente", engadiu a voceira de Corcoesto Si ao ser preguntada polas posibles graves consecuencias socioeconómicas que podería traer á mina para o futuro da comarca de Bergantiños. "Ningunha empresa che vai asegurar cinco anos nun traballo; que se abra dunha vez a mina", repetiu. "Poden ser dez anos de emprego; se logo marchan, xa buscaremos choio noutro sitio", di.  

Ademais, Chelo Ferreiro considera que "ten que fiarse" dos estudos levados a cabo pola Xunta. "Se eles lle dan o visto e prace á mina é porque é viable", asegura, tras aclarar que a empresa mineira "ten un proxecto de rehabilitación e os permisos correspondentes". "Se noutras zonas funcionou, aquí tamén o pode facer", engadiu tras criticar a "división" que hai na comarca entre as persoas favorables á mina e os opositores. "A división meteuna a política", xustificou a voceira de Corcoesto Si, que cre que o proxecto mineiro "é compatible" coa actividade agrogandeira da bisbarra.

Ademais, tamén na Radio Galega, un asesor de Edgewater, a empresa mineira, insistiu en que "nun país occidental e moderno" proxectos como o da mina de Corcoesto "están totalmente controlados e non representan ningún perigo para a pobación", aínda que recoñeceu que, "como en toda actividade humana, o risco existe, aínda que baixísimo".

A empresa di que os riscos son mínimos pero asume que a mina "é un veciño molesto para a cidadanía"

Así, aclarou que as balsas con residuos tóxicos que quedarán na zona tras os traballos "serán de material seco e estarán moi ben seladas", aínda que tamén asumiu que "non se pode dicir que as minas non sexan un veciño molesto para a cidadanía". "É inevitable o uso de maquinaria pesada e o traslado de materiais", advertiu.

En defensa do proxecto, a empresa insiste en que "aumentará a actividade económica na zona" e que tan só "entre o 10% e o 15% dos empregos" serán para xente de fóra da comarca, da que se incorporarán traballadores para os traballos de construción e tamén posteriormente para a actividade mineira.

En canto ás críticas, Edgewater di que lle parecen "mal" aquelas "que son exclusivamente políticas ou que negan calquera tipo de actividade", pero si que acepta as que "proveñen da preocupación normal da xente". "Os únicos países emerxentes nestes tempos de crise son ou os que teñen man de obra barata, que non é o que queremos aquí, ou os que explotan os seus recursos naturais", concluíu.

Deputados de AGE reciben a Salvemos Cabana tras a entrega das sinaturas no Parlamento © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.