0 Gardados para despois

A UE mantén a vixilancia sobre a mina de Corcoesto malia a paralización do proxecto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A UE mantén a vixilancia sobre a mina de ouro de Corcoesto, malia a paralización temporal do proxecto por parte da Xunta de Galicia e a pesar de que o PP intentou este mesmo luns que se pechase o expediente aberto na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, onde unha representación da plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e a asociación Petón do Lobo interveu para alertar dos elevados riscos económicos, humanos e medioambientais da iniciativa de Edgwater.

A Comisión de Peticións mantén o expediente aberto pola mina de Corcoesto ata que se confirme a súa paralización definitiva

A Comisión de Peticións examinou ademais o informe remitido pola plataforma, e elaborado pola USC, na que se alerta da subestimación da mobilidade real do arsénico na mina prevista, no que se demostra como se minimizan os efectos que este elemento químico tería sobre a saúde e o medio ambiente e no que se alerta do incumprimento da lexislación comunitaria en materia de residuos mineiros, o que non impediu que a empresa obtivese da Xunta a Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Ana Martina Varela, secretaria da asociación Petón do Lobo, e a ex eurodeputada do BNG Ana Miranda, en representación da plataforma, foron as encargadas de alertar dos "graves impactos" que tería esta mina de ouro na comarca de Bergantiños que, como lembraron, depende economicamente, e principalmente, do sector forestal, agrícola, gandeiro, pesqueiroo e turístico que sería afectado. Advertiron da destrución de case 400 hectáreas de superficie  forestal, o uso de 1,5 toneladas diarias de cianuro, o consumo de miles de millóns de metros cúbicos de auga, a xeración de 17 millóns de toneladas de residuos de lixiviación cianurados e de 190  millón de toneladas de entullos que contaminarán a terra.

As plataformas solicitaron que a Comisión Europea cumpra co mandato do Parlamento, que solicitou a prohibición de cianuro nas explotacións mineiras

Ademais, Ana Miranda lembrou que os gobernos, como o caso da Xunta, "préganse aos intereses de empresas" como Edgewater e recordou que esta denuncia chegou tamén por parte da comunidade científica da USC. Tamén pediu que a Comisión Europea faga cumprir a petición do Europarlamento, que en 2010 instou a prohibir o uso do cianuro neste tipo de explotacións, algo que só aplicaron tres Estados. Insistiu, por outra banda, en que se cumpra a emenda á revisión da Directiva de Impacto Ambiental, que exixe ás minas a ceo aberto a autorización previa da Comisión e aumentará os requisitos e o control sobre iniciativas como a de Cabana de Bergantiños. Os proxectos megamineiros pasan así do Anexo II, onde non era nin obrigatorio o informe de impacto ambiental, ao Anexo I, onde se precisa dun permiso da Comisión. "De cumprise esta lexislación, a mina non se pode explotar de novo e non terá tampouco consecuencias para os cidadáns", advertiu a ex eurodeputada do Bloque.

A Xunta informou á Comisión de que "tramita os procedementos para unha resolución derrogatoria" da mina de ouro

No debate, unha representante da Comisión Europea aclarou que se solicitara información ás autoridades españolas sobre o cumprimento da normativa europea neste proxecto de Corcoesto e asegurou que a Consellería de Medio Ambiente e a de Economía da Xunta comunicaran que o proxecto non fora autorizado e que o Goberno galego "está tramitando os procedementos para unha resolución derrogatoria", polo que, "non se viu infracción ningunha da lexislación europea". Esta información non fora incluída no dossier da xuntanza.

Foi daquela cando o eurodeputado do PP e vicepresidente da Comisión de Peticións, Carlos Iturgaiz, solicitou que se pechase o expediente aberto porque "se non hai autorización da Xunta, non hai caso". "Non debemos enlearnos; a resposta da Comisión Europea é moi clara e moi taxante e isto non dá máis de si". O mesmo solicitou o europarlamentario popular galego Francisco José Millán Mon, que insistiu en que o proxecto presentado "non vai prosperar" e que, en todo caso, suxeriu "esperar á suspensión definitiva para dar por pechado o expediente". "O cianuro non está prohibido na UE, senón tan só en tres países", advertiu.

Carlos Iturgaiz pediu pechar o expediente porque o caso "xa non dá máis de si"

Pero a opinión da maioría dos presentes no coincidiu. Antolín Sánchez Presedo, eurodeputado socialista, cre que "se debería manter o tema aberto ata que se saiba que hai unha resolución definitiva" e asegura que "non todo vale nas actividades económicas". "Calquera proxecto debe cumprir escrupulosamente a lexislación europea", dixo, mentres que Iñaki Irazabalbeitia, de Aralar, lembrou que a DIA "ten unha vixencia de cinco anos", polo que avogou por manter a vixilancia tras agradecer "a presión social da cidadanía e a confianza nas institucións europeas malia o euroescepticismo actual".

Willy Meyer, europarlamentario de IU, dixo confiar en que "non se realicen este tipo de explotacións en ningún lugar da UE" e esperou que a decisión da Xunta "non sexa conxuntural, senón definitiva". Logo de todas as intervencións, e como vicepresidente da Comisión de Peticións, confirmou que se decidiu "que a petición quede aberta para seguir facendo ese seguimento ao proxecto" de Corcoesto.

Miranda lembroulle á Comisión que a Xunta non rexeitou o proxecto polo seu impacto medioambiental, senón por causas económicas

Antes, Ana Miranda volveu lembrar "que a DIA aceptada pola Xunta ten unha vixencia non tempo que lle permitiría á empresa abrir a mina posteriormente" e lembroulle aos eurodeputados que "non se dixo toda a verdade" sobre a polémica porque "o proxecto non se autorizou  porque non había cartos e o prezo do ouro non o facía rendible" e non polo impacto medioambiental ou sanitario. "A DIA non recoñecía hábitats protexidos nin recoñece protección ningunha", engadiu, ras pedir "que se cumpra a decisión do Europarlamento que solicita a prohibició do cianuro". "Debería prohibirse por estas razóns e non polo que dixo o Goberno galego", rematou tras pedir manter aberto o expediente mentres a DIA siga vixente.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O PXOM de Cabana de Bergantiños inclúe a mina de ouro

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez denunciou as "escuras manobras do PP a respecto do en teoría suspendido proxecto mineiro de Corcoesto". En concreto, revela o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Cabana de Bergantiños, en exposición ao público, inclúe esta mina de ouro, tal e como se le no seguimento fragmento da páxina 56:

“As futuras e previsibles actuacións sobre o termo municipal, que poden ter unha significativa incidencia socioeconómica e ambiental son alleas ao PXOM, trátase do solo industrial que contempla o Plan Sectorial de Áreas empresariais de Galicia e o Proxecto Industrial dunha explotación mineira en Corcoesto… En canto á explotación mineira de Corcoesto, que neste intre non conta coa autorización, no caso de que se acade, pode supoñer un impacto económico significativo, pero temporal, ao mesmo tempo, que ao igual que calquera explotación mineira, suporá un impacto ambiental. A avaliación destas duas variables, non sempre compatibles, permitirá adoptar decisións á administración autonómica”.

“O PP quere substituír a vontade popular, que rexeitou contundentemente o proxecto, polos intereses dunha multinacional depredadora”, acusa Sánchez, quen cualifica a Xunta de Núñez Feijóo de "cómplice en todo este proceso neocolonial". No PXOM figura expresamente a delimitación do plan de minaría extractiva de ouro de Corcoesto, malia que a propia memoria admite que non está aprobado. “A maiores, vulnérase manifestamente o artigo 165 da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia, ao cualificar os terreos de sistema xeral, como se fose unha infraestrutura ou unha dotación pública”, engade o parlamentario de AGE. que denuncia que o Executivo galego "delega as súas competencias a prol dos intereses coloniais de multinacionais extractivas".

“E non ten o máis mínimo reparo en enganar á cidadanía ao dicir que suspende o contestado proxecto e logo reinicialo con nocturnidade para evitar a resposta dos agredidos”, resume Antón Sánchez.

Salvemos Cabana pide ao Valedor que interveña "ante a falta de transparencia da Xunta"

A plataforma Salvemos Cabana solicitou o amparo do Valedor do Pobo ante "a falta de transparencia pública no caso Corcoesto", referente á mina proxectada en Bergantiños. A asociación pediu ao Alto Comisionado que esixa á Xunta de Galicia toda a información pertinente sobre se a cancelación do proxecto mineiro se fixo efectiva e sobre a anulación ou non da Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

O colectivo pide o amparo do Valedor ante "a falta de transparencia pública no caso de Corcoesto"

O pasado 15 de outubro, Alberto Núñez Feijóo anunciou publicamente durante o debate do estado da Autonomía que a Consellería de Economía e Industria cancelaba o proxecto mineiro en Corcoesto ante a falta de garantías "financeiras e técnicas".

Desde a Oficina do Valedor do Pobo confirmouse poucos días máis tarde que, tras coñecer a través de manifestacións en sede parlamentaria o rexeitamento do proxecto por parte da Administración, non era preciso formalizar as actuacións derivadas do traballo de investigación realizado sobre as 628 queixas recibidas con respecto ao proxecto mineiro.

Este departamento sinalou que "dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite do mesmo, entre eles a avaliación ambiental". Aínda así, o director xeral de Minas, Bernardo Tahoces sostivo en público en reiteradas ocasións que a aprobación da declaración de impacto ambiental ten validez durante cinco anos de acordo á lexislación vixente, contradicindo o publicado pola Oficina do Valedor do Pobo, segundo comenta a Plataforma nun comunicado.

Esta entidade asegura que a pesar da pretendida "cancelación" do proxecto, até agora non se fixo público por escrito tal feito e que, tras a consulta efectuada á Consellería de Economía e Industria, a resposta por parte do organismo foi que "en función a lei de Ordenación da Minería de Galicia, tan só o outorgamento dos dereitos mineiros ten a obriga de publicarse no DOG".

Fontes próximas á Administración sinalaron que "o procedemento de cancelación ten que facerse público por escrito e de maneira oficial", de novo segundo a Plataforma. Por iso pediuse amparo ao Valedor do Pobo para que "esixa á administración autonómica a clarificación e a transparencia debidas no caso Corcoesto, pois o acceso á información é o que permite saber aos cidadáns como se toman as decisións que lles afectan e baixo que criterios actúan as institucións, permitindo unha mellor fiscalización dos servidores públicos e unha mellor eficiencia das autoridades implicadas".