A Lei do Solo, o Plan Director da Rede Natura 2000, a Lei de Ordenación da Minería de Galicia e ata o Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia. Son o conxunto de normativas que expertos medioambientais e colectivos ecoloxistas cualifican como "as pezas dun puzzle que encaixan perfectamente ben" para porlle unha alfombra vermella ás minas a ceo aberto no país.
"Unha lei da minería nada garantista, unha interpretación por parte do PP vergonzante, unha Lei do Solo que llo permite todo e un plan de Rede Natura que o impulsa. Todo vai na mesma dirección e coa mesma intención". No sentido de facilitar proxectos mineiros a esgalla e "co risco de converter, desta vez si, Galicia nunha mina". Así o asegura a plataforma Salvemos Cabana, que vén de denunciar que a Xunta poderá autorizar proxectos mineiros como o de Corcoesto en zonas de especial protección a nivel europeo "de aprobarse nos termos actuais o Plan Director da Rede Natura 2000".
"Corremos o risco de converter, desta vez si, Galicia nunha mina", advirte Salvemos Cabana
Debullando a análise que expertos realizaron para esta plataforma, este plan "fará vulnerables extensións territoriais ata agora protexidas" que se poden estender de xeito potencial a un total de 59 Zonas de Especial Conservación (ZEC), así como tamén a 16 Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA), "en clara incompatibilidade coas directrices de conservación propostas no artigo 22".
Segundo o documento publicado esta semana no DOG, a Rede Natura considérase "área de exclusión á hora de planificar e autorizar novas actividades e aproveitamentos mineiros a ceo aberto". Non obstante, e con carácter excepcional, tamén aclara que se poderán "autorizar novas actividades extractivas a ceo aberto" naquelas áreas que sexan consideradas como "zonas con potencial mineiro polo Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia" ou que queden incluídas nun "concello mineiro" tal como está definido na Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia. Unhas normas que emendan a maior para favorecer a actividade empresarial mineira.
O Plan Director da Rede Natura veta minas a ceo aberto, agás que a zona sexa considerada potencial mineira no plan sectorial ou estea nun "concello mineiro" como o que define a lei da minería
Os grupos contrarios á minería contaminante, Contramínate nomeadamente, levan tempo advertindo que o PXOM de Cabana de Bergantiños segue incluíndo o proxecto mineiro de Corcoesto. Tamén dunha Lei do Solo que inclúe menos protección para o medio e a posibilidade de legalizar minas e canteiras sen licenza, así como dun plan sectorial que permite autorizar proxectos mineiros en calquera lugar especialmente protexido.
E agora chega o Plan Director da Rede Natura, que nin tan sequera exclúe os parques eólicos, encoros e minas, xa que se permitirá unha ampliación de facto a través da "actualización" de licenzas. Mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría prohibida, será posible en espazos protexidos.
O Plan Director concreta que as explotacións mineiras que estiveran en activo antes da súa aprobación poderán seguir en funcionamento "dentro das condicións da súa autorización ou outorgamento" e que "a viabilidade das explotacións mineiras solicitadas con anterioridade á entrada en vigor do presente plan, así como a ampliación das explotacións que se atopen en activo no dito momento, quedará supeditada ao procedemento de avaliación ambiental". En definitiva, calquera das zonas de maior valor ecolóxico de Galicia será susceptible de "ser intervida pola industria extractiva", tal e como denuncia Salvemos Cabana, que cre que tamén "abre as portas á legalización encuberta de decenas de explotacións que actualmente están a operar de xeito irregular".
"Cando comezamos a loita contra a mina de Corcoesto, nin se modificar a Lei do Solo, nin había Plan Director da Rede Natura nin PXOM en Cabana", advirte a plataforma
"Cando comezamos coa loita contra a mina de Corcoesto, nin había modificación da Lei do Solo, nin Plan Director da Rede Natura, nin PXOM en Cabana... Agora o proxecto está teoricamente cancelado, á espera da suspensión definitiva da DIA, pero se non é en Bergantiños, a lexislación pode acabar permitindo que se intente en calquera outro lugar", advirten desde a plataforma, que alerta que o verdadeiro problema está na lei mineira. "De non reformarse, calquera compañía con forza financeira abonda pode teimar en minas como a que se prevía", insisten.
A cuestión, segundo denuncian, é que nin tan sequera a teórica protección salva os espazos protexidos. Unha ou outra lei admiten excepcións que dan vía libre á minería a ceo aberto en calquera zona. Por iso, Salvemos Cabana xa anunciou que denunciará "canto antes" en Europa "a barbarie e o perigo que supón a normativa autonómica fronte aos obxectivos da propia Rede Natura", principal instrumento para a conservación da natureza na UE e cuxa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e os tipos de hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda da biodiversidade ocasionado polo impacto das actividades humanas.
Adega xa o advertira ao afirmar que o documento fai "regra" do que debería ser unha excepción, considera como permitido "o que debera ser autorizábel" e como "autorizábel o que debera estar prohibido", co obxectivo de "baleirar de contido as proteccións ambientais".