0 Gardados para despois

'Mapa do Patrimonio Mineiro': oportunidade de futuro ou estratexia do 'lobby' europeo?

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A finais do pasado mes de abril, o Instituto Geológico y Minero de España (Igme) presentou na Casa de Galicia de Madrid o primeiro Mapa do Patrimonio Mineiro de Galicia. O documento fai referencia a case cen minas galegas abandonadas e das que se seleccionaron 35 que conservarían importantes valores de cara ao futuro e que deberían ser recuperadas como atractivo turístico. Ese é o argumento que defende un estudo que ve nestes xacementos esquecidos unha oportunidade económica para o país.

O Mapa do Patrimonio Mineiro de Galicia ve nas minas abandonadas un atractivo turístico e socioeconómico para o futuro

O Mapa está impulsado polo proxecto Atlanterra -iniciativa entre rexións atlánticas europeas de dez membros entre organismos gobernamentais, administracións locais e organizacións relacionadas coa minaría de Irlanda, Gales, Francia e Portugal- e a rede Green Mines e está financiado con fondos europeos FEDER. Atlanterra conta con interesantes propostas como a investigación de antigos xacementos romanos, pero segundo denuncia Salvemos Cabana, tamén serve de "caixón de xastre para lexitimar todo tipo de proxectos causantes de efectos devastadores sobre o medio ambiente".

Segundo o colectivo contra a megaminería contaminante, Atlanterra comparte teorías e conceptos que adoitan ser empregados por Euromines, o todopoderoso lobby europeo mineiro que tamén presionou a prol da mina de Corcoesto en Bergantiños, así como doutros numerosos proxectos. Tal e como advirte Salvemos Cabana, "parte do concepto erróneo da denominada 'paisaxe mineira" e insiste na idea de que a explotación mineira "transforma a paisaxe natural en 'paisaxe industrial', e tras o seu peche, na denominada 'paisaxe cultural". Esas son as mesmas ideas que aparecen na web do xigante grupo de presión, que teima no concepto de patrimonio mineiro como "oportunidade para unha ampla gama de experiencias educativas para as escolas, institucións de educación superior e o público" ao achegar "a posibilidade dunha maior conciencia pública e o respecto pola industria mineira e os seus procesos".

Salvemos Cabana advirte da vinculación do proxecto co lobby mineiro e cre que "lextima todo tipo de proxectos causantes de efectos devastadores"

"Son unha extensa cadea de eufemismos que poden servir para ocultar as graves consecuencias que acotío acompañan á actividade das industrias extractivas", denuncia Salvemos Cabana, que lembra que o Mapa "considera un patrimonio auténticos desastres ocasionados pola industria mineira en zonas de Galicia como a comarca de Valdeorras, a mina de Touro ou o Monte Neme, entre outros".

De feito, o Mapa del Patrimonio Minero de Galicia inclúe como exemplo unha referencia directa á situación causada polo sector louseiro en Ourense afirmando que "a mestura de zonas abandonadas de explotación de lousa con canteiras en actividade, constitúen paisaxes mineiras de ladeiras descarnadas". Pero obvian, segundo denuncia Salvemos Cabana, que na comarca de Valdeorras "máis de 30 quilómetros cadrados da Serra do Eixo convertéronse en descomunais entulleiras que superan os 400 metros de altura, secando varias decenas de quilómetros de tres afluentes do Sil e que a zona non admite ningún tipo de restauración posible". "O lema da rede Green Mines de 'xestión ambiental sostible dos espazos degradados pola actividade mineira' non deixa de ser unha falacia e un mero lema propagandístico a favor da industria", din.

O documento destaca as posibilidades dos xacementos abandonados pero "obvia" casos como a destrución na comarca de Valdeorras

Salvemos Cabana considera que tanto o proxecto Atlanterra como a rede Green Mines, impulsores da publicación, "forman parte dunha estratexia de marketing financiada con fondos estruturais comunitarios e apoiada polo lobby europeo da Gran Minaría (Euromines) que nalgúns casos pode servir para lexitimar a nivel da UE as aberracións ambientais cometidas polas industrias extractivas".

Porque, aínda que o Mapa procura obxectivos beneficiosos como "aproveitar o patrimonio das áreas mineiras abandonadas para contribuír ao seu desenvolvemento socioeconómico" a través "da promoción do turismo cultural e de natureza (xeoturismo), a divulgación da cultura e tradicións asociadas ás actividades mineiras, e a xestión sostible deste patrimonio histórico-cultural e natural", o caso é que os colectivos contra a megaminería contaminante ven nel unha lexitimación dos desastres provocados pola actividade extractiva esaxerada e sen control das últimas décadas en Galicia.

"É unha estratexia de márketing financiada con fondos estruturais comunitarios e apoiada polo 'lobby' europeo da gran minaría"

A plataforma insiste na vinculación destes proxectos co lobby Euromines e lembra que foi este grupo de presión o que defendeu a mina de Corcoesto en Bruxelas acompañado por alcaldes da zona ou que o científico que avalou o impacto do proxecto de Edgewater nas augas da comarca de Bergantiños tamén viaxou con este grupo á capital europea na procura de apoios.

"O mapa permite visualizar a potencialidade dun patirmonio que podería utilizarse como recurso xeoturístico con capaciade para atraer visitantes", dixo na presentación do Mapa Ángel Ferrero, un dos seus autores e ex director do Igme en Galicia. A guía recoñece máis de trinta puntos de interese turístico mineiro: catro na Mariña, un nas Pontes, tres na comarca de Bergantiños, dúas no Deza, catro na área de Vigo ou máis de dez na provincia de Ourense, entre outras.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.