0 Gardados para despois

A mina de Cementos Cosmos que pasa por riba de todo

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Cementos Cosmos pasa por riba de todo e de todos. A compañía tiña previsto reiniciar hoxe mesmo os traballos na canteira de Vilavella, en Triacastela, situada boa parte dela sobre o xacemento rupestre de Cova Eirós. Farao oficialmente -aínda que algún labor xa se veu realizando nestes últimos días- logo de obter a licenza municipal que non tiña e que provocou que a explotación se mantivese parada durante os últimos dez meses. Agora volve malia que a súa reapertura conta con varios expedientes en contra por afectar a varias localidades, a un tramo do Camiño de Santiago, a un río e ao considerado único santuario rupestre de Galicia. E grazas en parte aos informes favorables que si lle dá a Xunta e que nin colectivos ecoloxistas nin moitas outras entidades logran comprender.

A Xunta dálle o visto e prace a unha explotación censurada por diversas entidades

Cosmos, pertencente ao grupo brasileiro Votorantim, mantivera un enfrontamento hai agora case un ano. Antigos traballadores e veciños da zona detiveron quince camións que ían camiño da planta que ten na provincia de León ao indicarlle a administración municipal que non tiña permiso para extraer unha caliza que é clave para esta cementeira pola súa calidade. Que seguise sacando material logo de que practicamente desmantelase a actividade na planta de Oural en Sarria non sentou ben entre uns traballadores que denunciaran as intencións da empresa en plena negociación do ERE. Quedara sen unha licenza municipal coa que xa conta desde que comezara este mes de agosto.

Cosmos explotou a mina a ceo aberto de maneira ilega e con licenzas provisionais durante décadas

Moito antes, e durante catro décadas, a cementeira explotou a mina a ceo aberto de maneira ilegal e con licenzas provisionais. A disposición transitoria 12ª do Lei do Solo, feita no seu día para legalizar canteiras ilegais, permitiulle volver aos traballos. Agora, a intención é abrir tamén de forma temporal a produción de clínker no Oural, pero só durante un mes. Ao tempo, a canteira volverá á actividade continua e reactivaranse unhas extracións que están a ser criticadas por diversas e variadas institucións, así como por asociacións veciñais e grupos ecoloxistas.

A plataforma Salvemos Cabana foi quen deu a última voz de alarma, tras denunciar que a Xunta emitiu "informes favorables" para esta actividade mineira en Triacastrela malia as "reticencias" mostradas polo Comité Asesor do Camiño de Santiago e a pesar das irregularidades sancionadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), entre outras moitas eivas que se pasaron por alto.

O Comité Aesor do Camiño advirte da "incompatibilidade" dos traballos na mina coa conservación dos valores culturais da zona

Salvemos Cabana tivo acceso ao expediente público no que por escrito o Comité Asesor do Camiño advertiu das "afeccións" que a explotación mineira pode provocar sobre un trampo do Camiño Francés que, como lembra, é "itinerario cultural europeo". "A operación extractiva a grande escala a ceo aberto, cunha evidente presenza visual nun considerable tramo do Camiño, implica que non se deberan levar a cabo labores de explotación en terreos incluídos no ámbito de protección do territorio histórico", alertou este Comité no devandito expediente, no que volve advertir da "incompatibilidade" destes traballos "coa conservación dos valores culturais do Camiño nas condicións nas que están descritos".

Malia todo isto, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou favorablemente sobre a actividade mineira de Triacastela, algo que Salvemos Cabana e outras entidades ven "incomprensible". Pero hai máis, xa que un informe da CHMS con data do 16 de xullo faise referencia ao expediente sancionador a Cementos Cosmos por executar, "sen contar coa preceptiva autorización deste organismo en concas, de obras na canteira situada sobre a Cova de Eirós, consistindo nun ensanche e recrecido dun camiño na zona de policía do río Teixido". Aínda que este expediente xa caducou, a Confederación avisa de que iso "non exclúe a posibilidade de iniciar a correspondente acción sancionadora, ao non ter prescrito a infracción e a relativa á realización de danos ou prexuízos que resulte procedente, ou de reparación das cousas que tiña antes de producirse a infracción”. Ademais, estudarán tamén “se procede a apertura dun novo expediente sancionador".

A Confederación Hidrográfica expedientou a empresa e advírtelle de sancións polas súas infraccións

E iso non é todo, xa que dous terzos da Cova Eirós, o maior santuario rupestre de Galicia, sofren esta canteira enriba e xa sufriron os efectos que alí se realizaron durante anos. As detonacións, tal e como explican a Praza expertos e testemuñas no mesmo xacemento, en nada favorecen o lugar e as pinturas rupestres. De feito, xa hai décadas, as extracións acabaron cunha capa natural que protexía estes debuxos dunha humidade que agora si sofre.

Agora, a Xunta non permite que se realicen voaduras nas inmediacións de Cova Eirós nin doutras que alí se atopan, pero as detonacións na canteira non lle veñen nada ben. O Goberno galego permite a empresa "medidas correctoras e compensatorias", logo dun mal que, como denuncian varias entidades, "xa está feito".

Ademais, a Cova Eirós está considerado como un dos mellores xacementos paleontolóxicos de Europa pola súa riqueza en restos de Ursus speaeus (un tipo de oso das cavernas). Arredor destes restos xa se escribiron unha tese de doutoramento, varios artigos científicos e incluso os restos atopados na cova participaron nunha investigación coordenada dende o Instituto Max Planck de Antropoloxía Evolutiva, en Alemaña, institución senlleira a nivel mundial.

Incluso, na actual campaña de excavacións acaban de atoparse por primeira vez restos cerámicos con decoración no seu interior. "Se non houbese aquí explotación ningunha, Cova Eirós xa estaría protexida de maneira natural como o estivo sempre", explican estas mesmas fontes, que advirten ademais do maior perigo para este xacemento arqueolóxico, o maior e mellor conservado de Galicia. "O problema non é o que ocorra agora, senón a posibilidade de ampliación".

As detonacións e traballos están a afectar a conservación das pinturas rupestres da Cova Eirós

Porque a concesión mineira, que tamén afecta a Rede Natura do LIC Ancares-Courel, vese favorecida tamén polo Plan Director de Rede Natura 2000 de Galicia que permite o mantemento e mesmo a ampliación de minas a ceo aberto xa existentes en zonas protexidas.

 

Un longo historial de denuncias e queixas

Mentres, a mina acumula denuncias e máis denuncias. Hai dous anos Adega alertaba de que a canteira ocupaba ilegalmente parte dun monte comunal, froito dun escuro acordo ao que o concello chegara coa empresa en 1971. Daquela os montes comunais estaban baixo titularidade municipal. Porén, as entidades que denunciaban esta situación aseguran que a compra-venda é de dubidosa legalidade e nula lexitimidade, porque segundo o dereito galego sobre montes comunais, estes son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables.

De igual xeito, alertouse en varias ocasións do prexuízo que a mina podía provocar na Cova Eirós, un dos maiores xacementos arqueolóxicos de Galicia. Ademais da Cova de Eirós, na área están outras dúas covas que aínda non foran estudadas e que poderían ser totalmente destruídas, no caso de que nalgún momento se aceptasen as pretensións da empresa de ampliar a súa explotación. En 2005 Cementos Cosmos solicitou unha reclasificación de recursos para poder estender a súa explotación, concedida en 2008. A Cova da Catuxa e a Cova da Gralleira, as dúas en risco, están aínda sen excavar pero o seu potencia arqueolóxico é altísimo segundo os expertos.

Veciños aseguran que Cementos Cosmos xa fixo desaparecer unha cova de grandes dimensións na década dos 80

Ademais, e segundo confirma veciñanza de Triacastela, Cementos Cosmos xa fixo desaparecer unha cova de grandes dimensións achegada á zona central da explotación na década dos 80 e da que algúns veciños gardan estalactitas na casa.

Agora, é Salvemos Cabana quen volve mostrar a súa sorpresa ante as facilidades que a Xunta está a dar a explotacións coma esta en Triacastela, unha situación que inclúen na denunciada estratexia de favorecer a implantación da megaminería destrutiva en Galicia e logo da paralización dun símbolo como o de Corcoesto. Un proxecto, o da mina de Bergantiños, que malia ser paralizado pola Administración, segue ameazando. O último indicio, tal e como revelou El País, a presenza dun membro da empresa que prevía explotala na cúpula do lobby mineiro que representa a Cámara Mineira.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.