Facenda impón novas sancións a emigrantes malia anunciar que se retiraban

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Facenda está a impoñer novas multas aos emigrantes retornados por non ter declarado as pensións do estranxeiro, aquelas das que a propia Axencia Tributaria lles asegurara durante anos que estaban exentos. E todo a pesar de que hai pouco máis dun mes o Goberno central prometera retirar estas sancións e anunciara que esta excepción se recollería no proxecto de lei de reforma do IRPF que se atopa en trámite no Congreso.

A vaga de sancións continúa malia que o Goberno central anunciou que retiraba as multas

A sorpresa chega agora para estes mesmos emigrantes retornados, que ven como se lles están a comunicar sancións polos mesmos feitos que se lles prometera perdoar logo de meses de presión e mobilización social na rúa. Tamén para novos afectados que reciben agora as cartas. "Dadas as especiais circunstancias do colectivo social afectado [...] estímase necesario establecer por razóns de xustiza e cohesión social [...] a posibilidade de regularizar voluntariamente, coa exclusión de sancións, recargos e intereses, ou en caso de que as actuacións da Administración Tributaria xa concluísen, establecer a condonación das sancións, recargos e intereses xirados". Así reza o proxecto de lei, o que suporá anular as multas e devolver os cartos a quen as pagase a partir de xaneiro de 2015.

Segundo confirma a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (Cnger), tan só un mes máis tarde de que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, anunciase a medida, seguen a chegar multas e sancións que se prometeran anular. A explicación que lles dá a Axencia Tributaria é que os procedementos ordinarios de Facenda continúan mentres a reforma da lei siga en trámite parlamentario. Algunhas cartas a novos afectados chegaron aos poucos días do anuncio de Montoro.

"O normal sería que paralizasen as sancións e non que seguisen con elas para logo ter que nos devolver os cartos"

"Sempre fan as cousas mal, é surrealista. Eles mesmos fixeron unha proposta de de lei e aínda non saban como facer as cousas. O normal sería que paralizasen as sancións e non que seguisen con elas para logo ter que nos devolver os cartos", explica a Praza Xosé Lois Leirós, voceiro da Cnger, e que aclara que a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, xa lles advertira de que podería pasar isto. "A propia Xunta nos recoñeceu que non sabían como se ía artellar a medida", insiste, tras lembrar que a chegada destas cartas -que nalgún caso son recibidas por primeira vez- "causa moitos disgustos, sobre todo entre a xente maior".

Porque os emigrantes retornadas non entenden moito (ou nada) esta medida. Consideran surrealista que se lles sigan a reclamar cantidades que lles serán devoltas uns meses máis tarde, ademais de denunciar -como xa fixeran antes- a escasa información que a Administración lles facilita. Ademais, deberán ser os propios afectados os que teñen que acudir ás oficinas de Facenda a solicitar esta devolución e terán que agardar a que a nova normativa entre en vigor, nunca antes do vindeiro mes de xaneiro. Os pensionistas non entenden por que non se paraliza a vaga sancionadora. 

Emigrantes retornados manifestándose na Coruña CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.