O Valedor dá outro pau á mina de Corcoesto ao reafirmar a invalidez da autorización ambiental

Manifestación contra a megaminaría en Compostela CC-BY-NC-SA GZFotos

A multinacional Edgewater teima en seguir adiante co seu polémico proxecto mineiro en Corcoesto, pero todo son atrancos. Malia que buscou socio e que di negociar con Sacyr, a negativa que a Xunta lle deu xa unha vez parece definitiva, por moito que o Goberno galego lle manteña vixente a Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Para o Valedor, a autorización ambiental non existe, está caducada e é papel mollado. Dixérao xa, pero ante a falta de resposta do Goberno galego, volveullo reafirmar á plataforma Salvemos Cabana.

O Valedor reafirma a invalidez da autorización ambiental da Xunta e dálle un novo golpe á promotora de Corcoesto

O Alto Comisionado remitiu un informe no que confirma que no caso de que Edgewater pretenda retomar o proxecto "a única posibilidade é a presentación dunha nova solicitude" na que "terían que se coñecer todos os detalles, tamén os de carácter ambiental". O Valedor vai máis aló e aclara que "mesmo se a empresa pretende presentar un mesmo proxecto, as consecuencias xurídicas serían idénticas, posto que o anterior foi formalmente rexeitado por razóns de fondo". Xa que logo, a multinacional non ten nin tan sequera o trámite máis complicado de conseguir.

O Valedor deixa patente o seu criterio, tal e como expuxo no seu momento como resposta ás 628 queixas recibidas contra o proxecto mineiro. Nelas e no informe dirixido ao Parlamento de Galicia correspondente a 2013 sinalaba que "dado o rexeitamento global ao proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite deste, entre eles a avaliación ambiental" pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ao aprobación do proxecto e este non comenzara a executarse (artigo14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008)".

"Se Edgewater pretende retomar o proxecto, a única posibilidade é a presentación dunha nova solicitude", di o Valedor

Por iso, "o feito de que iso fose así" foi o que levou ao Alto Comisionado "a non facer unha análise de fondo da avaliación e a DIA", pois se o proxecto mineiro "non tivese concluído da forma indicada habería que ter valorado nas queixas os diferentes aspectos inadecuados da DIA".

O Alto Comisionado lembra tamén que xa trasladara á Xunta a súa resolución unha vez que recibira os informes complementarios e os achegados por diversas fontes, "como a propia promotora do proxecto ou as organizacións ambientais". Neles observáranse "determinadas actuacións aparentemente non adecuadas no proceso" pero, tal e como aclara o Valedor, a través de sede parlamentaria coñeceu o rexeitamento ao proxecto por parte da Administración, "xa non resultaba preciso formalizar as actuacións que se poderían deducir".

Salvemos Cabana pide que se "retire de inmediato" a autorización ambiental que a Xunta mantén vixente

Ante esta reafirmación, Salvemos Cabana volve exixir que se retire a autorización ambiental. "Tan só cabe retirar de inmediato a DIA do proxecto de Corcoesto, tal e como indica o Real Decreto Lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro ao que se refire o Valedor, e que non deixa lugar a equívocos ao indicar con claridade as condicións de caducidade obrigatoria deste tipo de autorizacións".

Porque aínda que de xeito ordinario as declaracións de impacto ambiental teñen un prazo de validez de cinco anos, a mencionada normativa sinala que "a DIA do proxecto ou actividade caducará se unha vez autorizado ou aprobado o proxecto non se tivese comezado a súa execución no prazo fixado pola comunidade autónoma" e que "en tales casos, o promotor deberá iniciar novamente o trámite de avaliación ambiental do proxecto".

Nunha entrevista en El País, o presidente de Edgewater, George Salamis, aínda presumía a pasada fin de semana de liderar un proxecto "aprobado pola Xunta en 2012 baseado nos máis exixentes principios de respecto ao medio ambiente" e que tamén cumpriría o seu "socio español". Hai menos de dous meses, a Consellería de Economía confirmaba tamén que a condición de proxecto industrial que o Goberno lle dera á mina de Corcoesto tampouco estaba vixente. Sen a DIA tampouco, parece imposible que o temido proxecto saia adiante. Pero a multinacional teima nel. 

Alberto Núñez Feijóo, na web de Edgewater CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.