O bombeiro que se negou a colaborar coa comisión xudicial para levar a cabo o desafiuzamento da anciá Aurelia Rey na Coruña terá que pagar unha multa de 600 euros logo de que o xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña desestimase o seu recurso. Xa que logo, a xustiza sanciona a Roberto Rivas co pagamento da sanción por "infracción administrativa" e por "provocación de reaccións no público que alteran ou poden alterar a seguridade cidadá".
A xustiza condena a Roberto Rivas por "provocación de reaccións no público que alteran ou poden alterar a seguridade cidadá"
A sentenza condena o recorrente tamén ao pago das costas, aínda que pode interpoñerse recurso de apelación nos quince días seguintes desde a notificación. Roberto Rivas -que aínda non recibiu a sentenza e que se enterou pola prensa da denegación do recurso- sostén que o procedemento sancionador incoouse en virtude do traslado que o comisario xefe da brigada provincial de seguridade cidadá fixo á Subdelegación do Goberno da declaración escrita dun policía nacional. Así, apela aos seus dereitos fundamentais e ao incumprimento de requisitos para avalar a súa versión.
Roberto Rivas asegura que a policía modificou os atestados policiais para variar o relato do que acontecera naquel intento de desafiuzamento. "Non me entra na cabeza que calquera policía obvie a realidade do que pasou, e máis aínda se é un cargo. Ao final, a súa palabra vale moito máis que a túa polo cargo que ten, pero senta ao teu carón no xulgado e non che pode nin mirar á cara. Fan un atestado e ao mes e medio fan outro poñendo as cousas que, seguramente, lles dixeron desde arriba que tiñan que poñer. Non teñen maneira legal de amolar a alguén pero danlle a volta e buscan o xeito de facelo", declaraba nunha entrevista a Praza.
Roberto Rivas sostén que a policía mudou a versión dos feitos para inculpalo
Hai ano e medio, este bombeiro negouse a colaborar no desafiuzamento da anciá Aurelia Rey cando foi requirido para cortar unha cadea que impedía a entrada ao portal do edificio. Comunicou a súa negativa á policía, puxo o casco e colleu un cartel de Stop Desahucios para erguelo mentres abandonaba a rúa para volver ao camión. "Volveríao facer. Os bombeiros non debemos realizar este tipo de servizos; accedimos ao traballo para facer uns determinados labores, pero entre eles non está botar a xente das súas casas", dixo tras comparecer na vista tras presentar o recurso.
A xuíza, non obstante, dá por "sentado" que "no exercicio do dereito de expresión se produciu unha alteración da orde pública con risco para as persoas, o que exclúe pretender amparar estes feitos no dereito de manifestación invocado". A administración demandada alegou a inadmisibilidade do recurso por "inadecuación do procedemento".
A xuíza dá por "sentado" que "no exercicio do dereito de expresión se produciu unha alteración da orde pública con risco para as persoas"
"O demandante confunde ou pretende confundir a denuncia co atestado, e naturalmente que teñen e deben aparecer diferenzas entre ambos", expuxo a xuíza, que rexeita "indefensión" no bombeiro. Así, resolve que a Subdelegación non vulnerou dereito fundamental ningún e estima que está acreditada a alteración da orde pública.
A xustiza nega que se vulnerasen dereitos fundamentais, algo que si considerou no caso de Jorquera, recoñecendo incluso que a policía mudara a súa versión
Non obstante, hai tan só unhas semanas, unha sentenza polos mesmos feitos resolveuse a favor do voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, xa que o xuíz non considerou acreditado que fose cabeza visible da concentración nin que provocase reaccións no público e condenou a Subdelegación por "vulnerar os seus dereitos fundamentais". No ditame, a xustiza conclúe que a policía mudou a súa versión para acusar o parlamentario no desaloxo de Aurelia, xusto o que argumentou o bombeiro Roberto Rivas, que tamén fixo referencia a cambios na versión policial dos feitos.
Stop Desafiuzamentos prepara xa unha campaña de 'crowdfunding' para colaborar no pagamento da sanción de Roberto e doutros activistas multados
A sentenza contra Rivas é a segunda a favor da Subdelegación do Goberno, logo de outra polos mesmos feitos contra Paulo Simón Manuel Carril Vázquez, membro do Consello Local do BNG na Coruña.
Ante esta situación, o colectivo Stop Desafiuzamentos da Coruña prepara xa unha campaña de crowdfunding a través de internet coa que pretende recadar fondos para colaborar no pagamento da sanción recibida polo bombeiro Roberto Rivas, pero tamén coas que teñen recibidos moitos outros activistas ou cidadáns anónimos por colaborar en diferentes e variadas protestas e concentracións. Ademais, medítase tamén se abrir unha conta para colaboración a través dunha entidade da banca ética. Nesta mesma semana está previsto que se presente esta campaña que comezaría a funcionar na rede os vindeiros días.