Roberto Rivas: "Son inocente, o que si incita á violencia son os desafiuzamentos"

Roberto Rivas, ante os xulgados rodeado de compañeiros © StopDesafiuzamentosACoruña

Rodeado por compañeiros do corpo de bombeiros e activistas de Stop Desafiuzamentos, Roberto Rivas, sancionado por "alteración da orde pública" tras negarse a colaborar no desaloxo de Aurelia Rey na Coruña, expresou este xoves a súa "repulsa" pola sentenza xudicial que avala a multa e rexeita o seu recurso contra a infracción que lle atribuíu a Subdelegación do Goberno. Ante os mesmos xulgados onde tivo lugar a vista na que se reafirmou esta sanción, asegurou que a "acata" pero que non comparte a opinión da maxistrada e o discorrer dun proceso que considera "unha covardía e hipocrisía desde o comezo e ata o final".

"Ninguén se atreveu a sancionarme polo que fixen; déronlle a volta para multarme por incitar á violencia, algo que non ocorreu"

"Péchase un círculo no que ninguén se atreveu a sancionarme polo que fixen porque o único que intentei expresar coa miña acción foi que os bombeiros non deben colaborar nos desafiuzamentos; o que fixeron foi darlle a volta e sancionarme por alteración das masas e incitar á violencia e a altercados públicos", asegurou Roberto Rivas, que considera "indignante" un proceso xudicial no que se intentou "defender con argumentos, imaxes e testemuñas". "Non fomos quen de que a xuíza amosase algo de empatía ou de que as leis nos desen a razón", engadiu, polo que advirte que non cre no proceso e que non seguirá adiante con el. "Non vou recorrer; son culpable de non participar nun desaloxo e acatarei a condena dun xuíz ou de calquera organismo que me sancione por iso, pero son totalmente inocente de incitar a ninguén a nada e moito menos á violencia", reafirmou.

Rivas foi moi duro coa sentenza e insistiu en que o seu xesto -negarse a cotar a cadea que impedía o paso da comisión xudicial á vivenda e erguer un cartel de Stop Desafiuzamentos- só "pretendía expresar que os bombeiros non debemos realizar eses labores". "Non son quen de defenderme nesta xustiza que viviemos hoxe", insistiu tras lembrar que dos mesmos xulgados ante as que fixo as declaracións "moitos políticos saen impunes e sorrintes, mentres outra xente, activistas ou eu mesmo sufrimos unha represión diaria". "Alguén nos sinala co dedo e nos culpabiliza mentres asistimos á covardía de xuíces que acatan atestados policiais sen rigor nin contemplación ningunha", manifestou ante varios medios.

Roberto Rivas acusou os xuíces de "acatar atestados policiais sen rigor" e insiste en que os informes dos axentes "están dirixidos"

Porque Roberto Rivas insiste en que os atestados policiais "están dirixidos". "Non me cabe ningunha dúbida", asegurou quen recoñeceu ter "recapacitado moito" logo de comprobar como o segundo informe, escrito mes e pico despois, rectificaba o primeiro acusándoo de alterar as masas, un aspecto que no caso do deputado do BNG Francisco Jorquera foi duramente criticado por outra maxistrado, que absolveu o político e acusou os axentes de mudar a súa versión para inculpalo. "Cheguei a pensar que igual a miña reacción si provocara unha reacción violenta, pero non foi así porque o que aquí se obvia é que logo de marchar nós, pasou case unha hora na que a xente ficou na rúa pacificamente; foi cando voleu outra dotación de bombeiros que colaborou cortando a cadea cando a xente se alterou. A xuíza óbviao e non fala da realidade do que alí aconteceu", engadiu.

O bombeiro advirte que a xuíza "obvia" que a xente "se alterou" unha hora despois de marchar el ao colaborar outro compañeiro no desaloxo

"Non preciso de ningún xulgado, xuíz nin tribunal que acredite a miña inocencia. Durmo tranquilo e teño a conciencia tranquila porque non incitei á violencia e non son culpable do que se me sanciona; a sociedade xa xulgou e ten convencemento do que pasou", reafirmou Rivas, que considera todo "bastante inxusto".

Ademais, quixo agradecer "todo o apoio recibido" dos seus compañeiros, dos movementos sociais e da cidadanía e anunciou que na web de Stop Desafiuzamentos e a través dunha conta da banca ética Fiare habilitouse xa unha conta para que a xente poida colaborar no pagamento das multas, pero "non só na dun bombeiro, senón nas que recibiron todas as persoas que foron sancionados nese día inxustamente e que teñen que facer fronte ás sancións".

Stop Desafiuzamentos abre unha campaña para que a cidadanía colabore no pago das multas ao bombeiro e a outros activistas sancionados

"Desde aquí fago un chamamento a que se colabore, pero con todos e a través de pequenas achegas que non supoñan un grande esforzo", finalizou Rivas entre aplausos e logo de lembrar que "o que realmente incita á violencia son os desafiuzamentos en si mesmos". "Iso si que altera a sociedade e non calquera tipo de acción individual ou colectiva que se faga para defender os que van botar das súas casas", rematou entre o apoio do colectivo coruñés contra os desaloxos, cuxo voceiro, Héctor Tejón, asegurou que "a única alteración das masas é a infamia de botar a xente á rúa". 

Roberto Rivas, ante os xulgados rodeado de compañeiros © StopDesafiuzamentosACoruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.