A Xunta obvia as denuncias por discriminación racista en varios locais nocturnos

Manifestación contra o racismo CC-BY-NC-SA Álvaro Herraiz San Martín

A Axencia Galega de Turismo pechou o expediente polo que pretendía investigar a discriminación racista sufrida por varias persoas en locais de ocio nocturno da Coruña. Tras a denuncia presentada por SOS Racismo sobre a devandita discriminación, este organismo dependente da Presidencia da Xunta pechou en pouco tempo a investigación, argumentando que o que había en realidade era unha "contradición entre as partes" e non un acto discriminatorio por parte dalgúns locais que xa foran denunciados noutras ocasións por impedir a entrada a persoas de orixe latina, magrebí ou africana.

A Axencia Galega de Turismo pechou o expediente ao considerar a discriminación "unha contradición entre as partes"

"É unha irresponsabilidade por parte das institucións. Isto supón contribuír á invisibilización dunha realidade que estes organismos deberían ter en conta, poñendo as ferramentas necesarias para protexer e garantir os dereitos de tódalas persoas", denuncia SOS Racismo Galicia, que cre que era "evidente" que os propietarios destes locais "non ían recoñecer abertamente unhas políticas de admisión racistas e xenófobas". "Pero é competencia de Axencia de Turismo de Galicia e organismos semellantes levar a cabo investigacións exhaustivas sobre estes abusos e non simplemente despachar estes feitos como se fosen un simple malentendido entre particulares", asegura.

A denuncia xurdiu dunha investigación realizada a principios do pasado mes de xuño. "É unha festa privada". Con esta frase fóralles negada a entrada a tres parellas estranxeiras en dous locais de ocio da Coruña, unha discriminación racista que non é nada anormal en numerosos bares e discotecas galegas e do Estado pero que o colectivo SOS Racismo puido comprobar con detalle a través daquel estudo enmarcado nun proxecto da Federación Estatal da ONG e subvencionado polo Ministerio de Emprego.

Dous locais da Coruña negáranlle a entrada a tres parellas estranxeiras sen motivo ningún e aludindo a unha "festa privada" que non era tal

No caso da Coruña, foran dous dos cinco locais visitados os que prohibiran a entrada a todas as parellas estranxeiras, ao tempo que si permitían o acceso ao grupo "autóctono" e con rasgos físicos de orixe europea. Todo, malia que a súa vestimenta e imaxe era semellante ao do resto dos acompañantes en todos os casos. No pub Studio 54, da zona do Orzán coruñés, a escusa foi a de case sempre. "Hai unha festa privada", dixéronlles os porteiros ás tres parellas de orixe estranxeira. Mentres, os rapaces galegos que colaboraron no estudo entraron sen problema ningún. As queixas do grupo por esta discriminación non serviron de nada e nin tan sequera lle foi entregada á parella magrebí a folla de reclamación exixida, que si se lles facilitou ao denominado "grupo de control".

Algo semellante ocorreu no Dux Coruña, local situado nun centro de ocio ao carón do peirao. Negouse a entrada ás tres parellas estranxeiras. "Porque non me dá a gana; se non estás de acordo pide unha folla de reclamacións", explicáronlles no local. O grupo de control galego, cun vestiario e cunha imaxe similar ao resto de persoas que os acompañaban, si puido entrar. Os testemuños dos participantes neste estudo fan máis evidente aínda a discriminación racista, que lembran que adoita producirse neste tipo de locais e noutros lugares. Así ocorreu tamén en Donostia, Madrid ou Zaragoza e con argumentos semellantes. "É unha festa privada".

"Dixéronme que non entrabamos porque non lles daba a gana ou non lles saía dos collóns", explicaba a Praza un dos afectados

Praza Pública entrevistara a unha das persoas ás que se lle negara a entrada. No seu relato, explicaba os argumentos que lles deran nos locais para impedirlle o paso. "O peor é que cando lles pides explicacións, con toda a educación, simplemente non cha dan e insisten no da festa privada; cando lles dixen aos porteiros que iso era imposible, porque os meus amigos galegos estaban dentro e non tiñan convite ningún, non souberon que responder e dixeron que non entrabamos porque non lles daba a gana ou non lles saía dos collóns", explicaba o senegalés Massamba Djitté, de 34 anos, que fala galego, español, francés e inglés e está licenciado en Turismo. Para el, en España e en Galicia "hai racismo", aínda que aclara que "para nada é algo maioritario".

"O racismo nestes locais nocturnos é evidente e pódese comprobar, pero o que existe noutros ámbitos é menos visible; simplemente non te contratan ou non che dan a oportunidade de integrarte máis na sociedade", dicía un home que comparte piso con dúas persoas galegas, ten un amplo grupo de amigos na Coruña e colabora con varias asociacións como voluntario. "Non teño soldo pero eu fágoo porque me gusta e porque con isto tamén axudo a xente de aquí", conta quen insiste en que "se non fose de Senegal, teríao máis doado para atopar traballo".

SOS Racismo denuncia a "lixeireza" coa que a Xunta tratou a denuncia realizada cando os locais xa foran denunciados antes

SOS Racismo non comprende a actitude da Xunta. "Tendo en conta que xa con anterioridade estes dous establecementos recibiran denuncias previas por cuestións racistas semellantes, mesmo chegando a empregar a violencia, non entendemos a lixeireza coa que a Axencia Galega de Turismo está a tratar a denuncia realizada dende a nosa asociación e nos parece un consentimento implícito deste tipo de atentados cotiás contra os dereitos humanos fundamentais", quéixase, tras advertir que seguirá a "denunciar e visibilizar todas aquelas situacións discriminatorias por cuestións raciais ou étnicas".

Massamba Djitté, nunha rúa da Coruña CC-BY-SA M. Pereira
Manifestación contra o racismo CC-BY-NC-SA Álvaro Herraiz San Martín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.