O documental Tesouro de Corcoesto sae á luz e será presentado ao público o vindeiro 7 de febreiro no Pazo da Cultura de Carballo. Este gran filme sobre o conflito pola intención da empresa Edgewater de instalar unha gran mina a ceo aberto na comarca, chega xusto cando a paralización deste proxecto -cando menos na forma na que se pretendía de inicio- parece definitiva e cando a multinacional canadense prepárase para perder os dereitos mineiros. Aínda coa ameaza de que outras compañías como Sacyr tomen a iniciativa, a directora da película, Cora Peña, fala con Praza de todo o proceso que arrodearon os intentos, tanto desde o punto de vista dos veciños, como da cidadanía mobilizada ou dos actores implicados directamente. Despois de case dous anos de traballo, e grazas a unha campaña de crowdfunding coa que se logrou o apoio de máis de 180 financeiros entre persoas e colectivos, esta fita independente, baixo o selo de creative commons e de marcado carácter social, terá o seu pase inicial a próxima fin de semana. Será o primeiro de moitos máis cos que se pretende a máxima difusión dun traballo que debulla todo o que hai detrás desa procura a toda costa do ouro en Galicia.
É o punto final do proxecto documental. Coincide tamén co punto final deste proxecto mineiro?
Punto final non hai. Partindo da miña percepción persoal, e despois de ter falado con moitos implicados, é certo que se anulou o proxecto da mina en Corcoesto tal e como estaba pensado por Edgewater -que parece que incluso vai quedar sen os dereitos mineiros- pero as intencións políticas de funcionamento destas industrias extractivas seguen adiante. Temos que estar pendentes do Plan Sectorial de Industrias Extractivas, cuxo anteproxecto privilexia totalmente este tipo de industrias. Ademais, se reparamos no que ocorre noutras partes do mundo, podemos pensar que hai bastantes posibilidades de que o proxecto sexa retomado, ben sexa por esta empresa ou por outra.
"Punto final non hai; as intencións políticas de funcionamento destas industrias extractivas seguen adiante"
Notou un rexeitamento total ao proxecto de Edgewater?
O rexeitamento é masivo, é evidente, pero non foi nin é total porque hai xente que estaba e segue estando a favor da mina. O que nos atopamos falando coa xente, coa veciñanza e asistindo a seminarios ou relatorios informativos é que hai moito temor ao que pode supor e a un risco que segue existindo.
Apréndese moito en traballos tan intensos coma este?
Claro que se aprende en todo este proceso. Na elaboración do documental, eu e máis os compañeiros que traballamos nel manexamos unha cantidade enorme de datos e información. Só polo traballo de síntese e de comprensión xa estamos ante un enorme labor intelectual que deixa poso.
"O proceso para facer o documental foi moi complicado; había demasiado información contraditoria e o camiño estivo cheo de atrancos"
Foi complicado debullar todo o que se agocha detrás destes proxectos mineiros tan enormes?
Foi un proceso complicado, moi complicado. Chegamos de cero cando o conflito xa estaba activo e había moitos actores implicados, desde veciños ata activistas pasando por científicos, expertos, intereses empresariais ou políticos... Foi complexo porque había moita desinformación ou mesmo demasiada información mesturada e contraditoria que había que debullar para chegar a conclusións máis ou menos fundamentadas. O proceso para detectar cales eran os actores principais do conflito, antes incluso de elaborar o guión, xa foi complicado porque había que consultar con moita xente e moitas veces non estabamos na zona. Mesmo estando nela, a cantidade de fontes era enorme e o camiño estivo cheo de atrancos e de retos tamén.
Deron contado coa versión dunha empresa que parece tan hermética?
Tentamos achegarnos nun primeiro momento, pero non foi posible porque a empresa non tiña unha actitude en xeral moi falangueira cos medios e moito menos con nós, que eramos independentes, o que lles provocaba máis suspicacias. Logo houbo un cambio na axencia de comunicación de Edgewater e levamos a cabo outro intento, pero quedou en nada.
"Co filme queriamos facer algo para que a xente puidese dixerir toda a información e chegar a un público masivo"
Cal é o obxectivo principal do filme?
O reto é que a cidadanía estea máis informada sobre o conflito mineiro. É un traballo que está enfocado á visibilización de algo que nos parece moi importante e que, polo feito de ser tan complexo, queda soterrado moitas veces. Hai que estar moi interesado para poder seguirlle a pista a todos os factores que se mesturan nun conflito mineiro e social coma este. Queriamos facer algo que permitise dixerir toda esa información e poder chegar a un público masivo.
Para conseguilo, é sempre mellor facelo de maneira independente e con achegas cidadás?
Non sei se é sempre mellor, pero desde un medio de comunicación establecido un sempre vai ter límites. Para nós o límite era o tempo e os recursos, pero non tiñamos límite expresivo nin de punto de vista. Compensa, pero tamén é un traballo moito máis esforzado e voluntarista. Se queremos que o crowdfunding responda, non podemos aspirar a facer un documental cun bo orzamento e con traballo remunerado. Renunciamos a cousas e fixémolo de maneira entregada e voluntarista... Non sabes moi ben por que o fas, pero é o que queres facer. Se cadra non sempre se pode facer ou igual nunca se debería facer sen remuneración, pero neste caso fixémolo porque tiñamos ilusión.
"Nos últimos tempos, conflitos mineiros coma o de Corcoesto xa non son algo atípico nas nosas latitudes"
Conflitos deste tipo sempre se veron moi lonxe e en lugares que son -ou cremos que eran- menos desenvolvidos...
Nos últimos tempos estes conflitos nin tan sequera son algo atípico nas nosas latitudes. O fracking, por exemplo, é un método extractivo que ten moita repercusión ambiental e unhas consecuencias bestiais e vemos como se está a estender por Europa adiante. O problema é que este tipo de proxectos esténdense dentro das nosas fronteiras e van callando na xente, pero hai moito descoñecemento sobre o que supoñen en realidade.