Desilusionados e decepcionados. Así saíron os representantes da asociación de ex mariños de Noruega -Long Hope- da xuntanza mantida este martes coa Xunta no seu enésimo intento por arranxar a situación que mantén uns 8.000 ex traballadores galegos sen cobrar as súas pensións logo de anos ocupados no país nórdico.
Os representantes dos mariñeiros que traballaron en Noruega amosaron a súa decepción tras a xuntanza coa Xunta
O colectivo, que representa un total de 10.000 mariñeiros, intentou este martes conseguir o "compromiso" e a "implicación" da Xunta para que encabece a súa reclamación ante o Goberno central e o noruegués para poder cobrar así as pensións que lles nega o país nórdico, e dado que toda a documentación, as recomendacións da propia Comisión Europea e estudos de expertos avalan unha denuncia ao Estado de Noruega, ademais da posibilidade dun acordo entre ambos os dous países.
Pero a decepción foi absoluta. E xa pola interlocutora que enviou a Xunta. "Foi moi amable, pero non era a máis indicada para se entrevistar con nós; non parece que os seus coñecementos sobre o tema fosen moitos, aínda que os do Gobenro galego semella que tampouco", explicou Alberto Paz, un dos voceiros de Long Hope. Quen os atendeu foi Blanca García-Señoráns, directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, quen segundo o colectivo limitouse a escoitar as súas demandas e a advertirlles das dificultades da situación, malia que toda a documentación, as recomendacións de expertos e a propia Comisión Europea están do seu lado.
"Non houbo compromiso ningún e a representante da Xunta só veu desmolarizarnos", critica Long Hope
"Está todo máis que aclarado, debullado e estudado e a documentación requirida está toda en poder do Ministerio de Asuntos Exteriores", engadiu a asesora legal da asociación, que foi moi dura coa representante da Xunta. "Non houbo compromiso ningún e só veu desmolarizarnos, dicíndonos en todo momento que Noruega non ía aceptar as propostas e que todo estaba moi difícil", engadiu, tras advertir que a director xeral tamén aproveitou para criticar a estratexia levada a cabo pola oposición, nomeadamente por parte de AGE.
O caso afecta a arredor de 8.000 mariñeiros galegos e as súas familias que pelexan polo cobro das súas pensións tras anos ocupados no estranxeiro. Son ex traballadores da mariña mercante que pasaron longas tempadas traballando en barcos de Noruega e que pagaron elevados impostos a Oslo, pero que agora, despois de retirados, ven como non perciben nada en forma de pensión de xubilación malia estar empregados con contratos legais e logo de pagar elevadas cotizacións sociais de ata o 45% do soldo.
O Goberno noruegués rexeita o pagamento destas pensións argumentando que os mariñeiros non eran emigrantes ao non estar traballando fisicamente en terra, malia que si pagaban impostos e as súas empresas tiñan a sede no país nórdico. O problema afecta a todos aqueles mariños mercantes que traballaron para compañías de Noruega entre 1952 e 1994, ano no que o Estado se incorporou ao espazo económico da UE e regularizou unha situación da que quedaron fóra milleiros de españois.
"Tíñanos que ter recibido Feijóo"
"Tíñanos que ter recibido o presidente Feijóo ou, cando menos, o vicepresidente ou a conselleira de Medio Rural e Pesca", insistiron os representantes de Long Hope, que denuncian que ningún membro do Goberno se puxo en contacto con eles para coñecer a documentación probatoria que xa entregaron en Madrid e que lembran tamén que o presidente nunca contestou ás súas peticións de reunión.
"Desde a Xunta insisten en que está difícil, pero non o está porque teñen todo o traballo feito. Recuperamos do arquivo nacional de Noruega a documentación requirida e mesmo nos recibiu o defensor do pobo daquel país... O único que responden son con evasivas", critica o colectivo, que lembra que o profesor e voceiro do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril, un dos maiores expertos no réxime laboral especial no mar, ratifica a posición de Long Hope no seu último estudo. Alí aclárase a coincidencia coa demanda dos mariñeiros e mesmo coa Comisión Europea, sinalando a inxustiza social de non ter cobrado a pensión ao non ter en conta Noruega que os buques onde traballaban non son máis que un cacho de terra do pavillón cuxa bandeira leve. Xa que logo, o Estado gañaría a demanda se acude ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) -tal e como lle reclaman-, unha demanda que tamén se podería presentar de maneira particular.
Un estudo de Xosé Manuel Carril, experto no tema, aclara que o Estado gañaría unha demanda contra Noruega
O caso é que o Parlamento galego xa acordou por unanimidade -e tras iniciativa do BNG- instar o Goberno central a que interpoña unha demanda contra Noruega por discriminar os mariñeiros galegos embarcados nos seus buques ao exixirlles a residencia para a súa inclusión no sistema de Seguridade Social. O Estado gañaría esa demanda, segundo o profesor Xosé Manuel Carril.
Ademais, a comisaria europea de Emprego, Marianne Thyssen, ratificou a AGEe a conveniencia de que España e Noruega cheguen a un acordo a través de acordos bilaterais para arranxar o problema. Pero ao tempo, puxo en coñecemento da eurodeputada galega Lidia Senra "un caso semellante", o dos mariñeiros austríacos que traballaron en buques holandeses antes de que Austria se adherise á UE, recentemente presentado ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, indicándolle expresamente que "se o Tribunal falla en favor dos demandantes, isto será de grande interese para os mariñeiros do Estado que traballaban en navíos noruegueses", e comprometéndose a mantela "informada sobre o desenvolvemento relativo a este caso".
"Somos 8.000 afectados directamente, pero uns 24.000 en total se temos en conta as nosas familias... E todos temos dereito a voto"
Pero Long Hope non ve a Xunta coa mesma iniciativa. "Non ten competencia, pero si a capacidade de poñerse en contacto con Madrid e acordar unha estratexia para a denuncia", insiste a representante legal duns mariñeiros decepcionados. "Foi a peor reunión que tivemos porque nin a tiñan preparada... Estes homes teñen unha media de idade de 83 anos e están fartos", insiste. "Somos 8.000 afectados directamente, pero uns 24.000 en total se temos en conta as nosas familias... E todos temos dereito a voto", advírtenlle ao PP e a Feijóo, "que era quen tiña que estar xunto a nós".
A asociación convoca novas manifestacións o 20 e o 22 de abril, fronte a San Caetano, en Compostela, e fronte ao Consulado de Noruega na Coruña, respectivamente.