Augas de Galicia confirma o uso mineiro das balsas de San Fins, que a Xunta fixo pasar por presas hidroeléctricas

Río San Fins, afectado polas verteduras da mina © Verdegaia

O pasado mes de abril Augas de Galicia emitiu un Informe sobre a titularidade das presas San Finx (Lousame), nas que entidades como a Plataforma en Defensa do Mar, ADEGA ou Contraminacción levan anos denunciando a contaminación provocada ao río San Fins, que desemboca na Ría de Noia. O informe conclúe que "a xestión, explotación e mantemento das dúas presas era realizada pola empresa mineira” e que “o uso destas balsas foi de tipo mineiro e non para almacenamento de auga”, a diferenza do afirmado pola Xunta en varias ocasións. 

O Goberno galego defendeu nos últimos anos que as presas "foron construídas con propósito hidroeléctrico"

O Goberno galego defendeu nos últimos anos que as presas "foron construídas con propósito hidroeléctrico", polo que "a titularidade e a responsabilidade sobre estas obras hidráulicas debe resolvela o organismo de conca, sen prexuízo de que os materiais acumulados polas presas teñan relación coa actividade mineira". O documento únese ás análises realizadas noutros momentos por Augas de Galicia, que xa advertían na contaminación por metais pesados.

O novo informe de Augas de Galicia confirma que a seguridade das présas depende dos órganos competentes en materia de minas, é dicir, da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia. Neste senso, a plataforma Contraminacción denuncia que dende o ano 2017 o Goberno galego "mentiu" á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU. E lembra que en varias ocasións, fronte ás críticas realizadas por varios colectivos, a propia Dirección Xeral de Minas "bombardeou a estes organismos internacionais con informes repletos de afirmacións falsas que buscaban desacreditar as denuncias das asociacións ecoloxistas", unhas entidades que sufriron outro tipo de ataques.

Vista da explotación mineira de San Finx © Sacyr

Contraminacción denuncia que dende o ano 2017 o Goberno galego "mentiu" á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e ao Comité de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente da ONU

No seu informe Augas de Galicia conclúe que “sempre previa retirada dos áridos almacenados no vaso, debería considerarse a demolición, restaurando o DPH ao seu estado orixinal e proceder a restauración ambiental da zona afectada”.

O Goberno galego asegura que na mina de San Finx actuou sempre "de acordo coa lei" e seguindo estudos e criterios técnicos. A Xunta afirma que "tramita todos os seus proxectos segundo a legalidade vixente" e defende que o Director Xeral de Minas "xa deu todas as explicacións esixidas nas Comisión de Medio Ambiente".

O pasado ano o director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi convocado como imputado nun proceso aberto por un presunto delito de prevaricación ambiental.  A finais de 2016 a empresa mineira Tungsten San Finx SL, pertencente ao grupo Sacyr, solicitou permiso a Augas de Galicia para verter un millón de metros cúbicos de augas residuais procedentes das galerías inundadas e da escorrentía das entulleiras dun histórico xacemento de estaño-wolfram. A Fiscalía advertiu que a solicitude para a devandita vertedura fixérase "sen acompañar instrumento de avaliación de impacto ambiental", aínda sendo obrigado por lei. 

O pasado ano o director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, foi convocado como imputado nun proceso aberto por un presunto delito de prevaricación ambiental

Contraminacción acusa tanto ao Goberno galego como a diversos técnicos de remitir informes falsos sobre a titularidade das presas mineiras, que en varias ocasións se pretendeu "facer pasar por embalses hidroeléctricos", ou sobre o propio estado das augas. A entidade pon como un exemplo un informe remitido por Ángel Bernardo Tahoces ao Comité de Peticións do Parlamento Europeo no ano 2019 no que afirma que “as presas non foron construídas co propósito de formar parte do proceso mineralúrxico” senón que “probablemente foron construídas con propósito hidroeléctrico”.

Imaxe do Rego do Espiño, afectada polas verteduras da mina © Plademar Muros-Noia

A plataforma acusa tamén ao catedrático da USC Felipe Macías de ter publicado informes con "datos falsos" nos que "se conxectura sen base científica ningunha" a existencia dun “fondo natural de metais” que impediría cumprir cos niveis legais de substancias perigosas prioritarias. Estes informes, segundo Contraminacción, tentarían "ocultar a contaminación por metais pesados causada pola mina", achegando esta explicación sobre unha suposta "contaminación natural" que pretendería "xustificar que a empresa puidese verter augas contaminadas con cadmio con total impunidade e a perpetuidade". 

A plataforma acusa tamén ao catedrático da USC Felipe Macías de ter publicado informes con "datos falsos" nos que "se conxectura sen base científica ningunha" a existencia dun “fondo natural de metais”

Os datos de Felipe Macías serviron de base a numerosos informes emitidos tanto polo Goberno galego como por outros profesionais e entidades e foron rebatidos por un informe do grupo de investigación Aquaterra da Universidade da Coruña. O informe constatou que a contaminación por metais pesados se produce como consecuencia das verteduras procedentes da explotación mineira.

Finalmente, Contraminacción esixe aos colexios profesionais de xeólogos, químicos e enxeñeiros de minas que "se retracten" en relación ao apoio emprestado a Felipe Macías o ano pasado. O pasado mes de xuño estas entidades profesionais emitiron un duro comunicado conxunto que criticaba o traballo de Steven H. Emerman, consultor ao servizo de entidades públicas e ambientais galegas e que cuestionara os datos de Felipe Macías.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.