A dereita gaña as eleccións en Portugal e os extremistas de Chega acadan o 18% dos votos

Luís Montenegro, candidato de Aliança Democrática, nun acto de campaña © @LMontenegroPSD

O Partido Socialista, cun novo candidato, Pedro Nuno Santos, tras a dimisión de António Costa, perde a maioría absoluta que tiña ata agora

As eleccións lexislativas celebradas este domingo en Portugal deixan un panorama de práctico empate entre as dúas principais formacións co 99% do voto escrutado, a falta do procedente dos consulados no exterior, que deixa pendente a asignación de 4 dos 230 escanos da Assembleia da República. O Partido Socialista obtivo o 28,66% dos votos e 77 escanos e a Aliança Democrática liderada por Luís Montenegro, formada polo Partido Social Demócrata (PSD), o CDS-PP e o minoritario Partido Popular Monárquico, o 29,49% e 79 escanos. Pero a esta lixeira vantaxe da Aliança Democrática hai que sumar o 18,06% acadado polo extremista Chega que lle da 48 escanos e pode ser así clave para conformar maiorías.

A esta convocatoria chegouse apenas dous anos despois da anterior e logo da dimisión do ata agora primeiro ministro, o socialista António Costa, tras desvelarse que estaba a ser investigado nun caso de presunta corrupción que despois foi reducíndose

Cun novo candidato, Pedro Nuno, ex-ministro de Infraestruturas, o Partido Socialista (PS) quedou no 28% dos votos, insuficientes para a repetición dunha gerigonça, como se denominou o acordo das forzas de esquerda que deu o goberno ao PS entre 2015 e 2022, antes da súa maioría absoluta dos últimos comicios de hai dous anos.

Porén, máis alá do enfrontamento das dúas grandes formacións, que intercambian as súas posicións á fronte da política portuguesa, por detrás o principal ascenso rexístrao a formación de extrema dereita Chega, que pasa dun 7,2% dos votos hai dous anos a máis do 18% agora e fundamentalmente a obter 48 escanos.

Na esquerda, o Bloco de Esquerdas queda co 4,46% dos votos e 5 escanos, lixeiramente por diante dos comunistas e superados ambos por Iniciativa Liberal, co 5,08% e 8 escanos.

Ante estes resultados, está por ver a negociación para conformar un goberno. "Eu nunca farei um acordo político de governação com o Chega”, dixo Montenegro, o que deixaría o goberno en mans de que Chega o apoie incluso sen ese acordo ou que o faga o PS para evitar que a extrema dereita teña maior influencia política, como mesmo suxeriu o socialista Santos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.