0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Os bancos outra vez. Suma e segue

“O sistema bancario ten demostrado, non so nesta derradeira crise, que a xestión na procura do máximo interese privado remata converténdose no máximo desastre social” (Bancocracia. Eric Toussaint)

Resulta natural que logo da nova desfeita no sistema bancario galego e español –a caída do Banco Popular- moitos cidadáns se pregunten como é posible que volvan a suceder estas cousas –antes fora a desfeita das caixas-.  Natural que o pregunten cando escoitaran das máis altas autoridades políticas e monetarias que tal entidade era solvente e máis cando se enteran de que anteriores directivos retiráranse cunha escandalosa pensión trala súa desastrosa xestión. Resulta natural tamén que vista a resolución desta nova crise dun banco relevante cunha saída que de novo beneficia aos de sempre –Banco Santander mercou a entidade por 1 euro cando o Banco Popular pagara 1.246 millóns- o sucedido levante sospeitas entre os cidadáns tanto sobre o comportamento dos grandes bancos como dos responsables políticos.

Para mellor entender o que vén pasando no sistema bancario español quizás non estea de máis retroceder uns anos e lembrar que pasou fai case unha década. De todos é sabido que a crise financeira última (2008) foi debida o irresponsable comportamento dos mercados financeiros e máis en concreto da banca. Unha banca que aproveitando o inmenso poder e a liberdade que lle da a mundialización neoliberal dedicouse con intensidade a operacións de moi alto risco polo seu forte compoñente especulativo. Todo elo coa seguridade de que si as cousas ían mal, se o negocio fracasaba, como así sucedeu, sempre contaría coa axuda infinita –“a que fixera falta”- por parte duns gobernos coidadosos cos intereses bancarios como así se demostrou.

De tal crise financeira practicamente ningún grande banco europeo se libraría e o sistema bancario español sería un dos grandes damnificados cun apartado especial para Galiza que se quedou sen a columna central –as Caixas Galegas- do sistema bancario propio: un auténtico desastre.

Fagamos rapidamente memoria: en setembro do 2008, de xeito aparentemente inesperado, a máis grande banca financeira do mundo –Lehman Brothers- crebaba sementando o pánico no sistema financeiro internacional e colapsando os mercados financeiros, nunha das máis grandes crises do sistema capitalista mundial. Este derrube do sistema financeiro internacional deixaría ao descuberto como a banca internacional, beneficiándose de políticas monetarias expansivas –abondosa liquidez, baixos tipos de xuros- e utilizando practicas bancarias de alto risco –produtos derivados- tíñase endebedado en cifras astronómicas –cando estourou a crise a débeda privada dos bancos na eurozona superaba o 300% do PIB: 60% da débeda privada total-.

Unha débeda tan desmesurada que colocaría a un numero elevado de grandes bancos ao borde da bancarrota por problemas de liquidez e solvencia. Unha bancarrota que, finalmente –e coas excepcións por caso do Lehman Brothers nos Estados Unidos e un grande número de Caixas de Aforros en España- puido evitarse grazas a firme intervención dos respectivos gobernos a ámbolos dous lados do Atlántico.

Certamente a intervención dos gobernos occidentais impediu a creba do seu sistema financeiro pero non foi quen de evitar –polo propio carácter das intervencións- que quedara ao descuberto unha enorme débeda privada –equivalente, na eurozona, ao 500% do PIB-. Unha intervención –un descomunal plan de salvamento da banca privada feito con fondos públicos- tal que disparou as débedas públicas -82% do PIB na eurozona-. Un auténtico espolio que, nembargante, non serviu para resolver os problemas sistémicos da banca como podemos comprobar un día si e outro tamén. Como vimos de comprobar coa recente caída do Banco Popular.

Como foi posible que tal cousa sucedera? A explicación é moito máis simple do que parecera. A desregulación bancaria, que se mantén a pesar da crise do 2008, non dá os resultados vaticinados polos seus defensores senón que na realidade non funciona ao dar lugar a constantes burbullas, quen rematan estourando, e a procesos de concentración e oligopolización bancaria. As políticas neoliberais que apostan por manter baixos os tipos de xuros ofrecen rendibilidades as entidades financeiras que estás consideran insuficientes pois están sempre a procura da máxima ganancia. Isto lévalles a buscar nichos de negocio que ofrezan altas rendibilidades –superiores as que lles pode ofrecer o investimento na economía produtiva- e a utilizar preferentemente o endebedamento como xeito de financiamento o que lles permite asemade maiores rendibilidades en relación aos fondos propios. Un método de funcionamento que supón tanto asumir grandes riscos –pola aposta por investimentos especulativos- como o “apalancarse” –fondos propios reducidos, moi por baixo dos pasivos-  Algo que so é posible porque as entidades financeiras, maiormente a gran banca, contan co respaldo implícito dos gobernos –compra de activos, préstamos, subsidios,-. Un método de funcionamento que se ve facilitado pola liberalización e desregulación dos sistemas financeiros.

Un método de funcionamento que so pode manterse en pe sempre e cando as rendibilidades sexan altas pero que cando as burbullas que a banca monta explotan, como sucede sempre, quedan ao descuberto as debilidades financeiras do sistema bancario tal como ocorreu no ano 2008 cando a crise afectou a todo o sistema bancario occidental. Como, a partir de entón, segue sucedendo periodicamente afectando individualmente a bancos como por caso o Banco Popular. Un impacto que se magnifica porque para gañar máis os bancos precisan de apalancarse máis, xa que a competencia entre os bancos turra a baixa os rendementos dos seus produtos derivados. Neste contexto e para facer fronte aos xuros que deben pagar polos préstamos solicitados os bancos precisan aumentalos ingresos. Para aumentalos ingresos os bancos teñen que  incrementalo volume do negocio  o que lles supón maiores endebedamentos. Maiores riscos de que se o negocio falla o banco se atope con problemas de liquidez  que derivan en situacións de insolvencia con risco de creba se non recibe axuda inmediata (“rescate”) por parte das autoridades públicas, como vén de sucederlle ao citado Banco Popular.

Se non se ten en conta esta preferencia actual dos bancos tanto polas operacións especulativas como polo apalancamento non se entende a periodicidade das crises bancarias. Un método de funcionamento, claro está, que precisa da complicidade duns gobernos que garantan a salvación con fondos públicos cando se trata de grandes bancos en risco de creba e/ou promoven e facilitan a venta cando se trata de bancos de tamaño pequeno ou medio. Un método de funcionamento que xestionan directivos bancarios sen escrúpulos e cunha inmensa avaricia pero moi seguros da súa posición pola enorme influencia que teñen sobre os diferentes gobernos, ben por que financian aos partidos no poder ben por que aproveitan o sistema das “portas xiratorias”.

Velaí o caso do Banco Popular que ata poucos días antes da súa caída non paraba de recibir parabéns por parte das distintas autoridades e responsables políticos quen, a coro -Rajoy, De Guindos, Linde, BCE...-, defendían a solvencia e a boa saúde de tal banco a pesares de tódalas evidencias en contra. Un caso que pon novamente en evidencia a responsabilidade nestas crises bancarias tanto do BCE (Banco Central Europeo) como do BE (Banco de España). O primeiro (BCE) quen coa súa obsesión pola inflación, que leva a tipos de xuros practicamente nulos ou negativos (-0,1), e a súa preferencia pola liquidez abondosa (expansión cuantitativa) non fai máis que facilitar as practicas especulativas da grande banca europea que emprega os abondosos recursos, que aquel lle facilita, tanto no saneamento dos seus balances –demostrando así que non están tan sans como aseguran -como na proliferación de produtos derivados –o 95% da banca europea utiliza estes produtos-. Produtos cuxos valores superan con moito o valor dos activos e os fondos propios deses bancos disparando así un risco xa moi elevado polo excesivo apalancamento que tal liquidez favorece. O segundo (BE) pola incompetencia e servilismo que os directivos mostran coa grande banca española. Uns directivos sempre máis preocupados polos salarios dos traballadores que pola saúde do sistema bancario de España.

Que as autoridades europeas e españolas non teñan posto remedio a esta situación para así evitar estas crises bancarias periódicas responde, como demostran as evidencias, ao enorme poder da grande banca con capacidade para influír nos distintos gobernos e impedir que se regule, como resulta evidente que se precisa, a súa actividade como servizo público. Esta falta de regulación e control público manifestase por caso na posibilidade que teñen os bancos tanto de contar con balances paralelos (“fora de balance”) o que lles permite ocultar as súas débedas reais, como de operar en paraísos fiscais (shadow banking), o que aproveita a grande banca para crear sociedades que quedan fora de control público.

Esta falta de regulación bancaria supón que os “sustos” no sistema bancario seguirán. Xa que as sucesivas crises poñen en evidencia que o sistema bancario non ten ningunha vontade de autoregularse. Seguen sendo os directivos dos bancos quen manexan libremente o negocio bancario. A pesar das inxentes cantidades de diñeiro público que reciben as autoridades monetarias e políticas non lles impoñen aos bancos ningún cambio no actual sistema de funcionamento colaborando así, aínda que sexa indirectamente, a que se manteñan as condicións e os comportamentos que provocaron a crise do 2008.

A experiencia última debera ser suficiente para xustificar a necesidade dunha intervención pública forte no sistema bancario. Dada a dimensión económica e financeira que acadaron os bancos supón un risco enorme, unha tremenda irresponsabilidade, confiar o funcionamento do sistema bancario aos propietarios e directivos dos bancos. A moi recente crise do Banco Popular pon, unha vez máis, en evidencia os riscos de tal comportamento. Un comportamento que, pensando en comunidades periféricas como Galiza, leva a que estas comunidades estean quedando sen sistema bancario propio. Unha perda na que tamén teñen unha grande responsabilidade gobernos periféricos (Xunta de Galicia) coñecidos pola súa incompetencia.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista