0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Claves dun deterioro que pode ser histórico

En repetidos artigos publicados neste mesmo medio teño denunciado que as políticas públicas que se están aplicando (PP) en Galiza van camiño de provocar unha desfeita social sen precedentes. As evidencias son continuas pero unha das mais importantes é o enorme deterioro que estas políticas están provocando no mercado laboral galego quen, xa de seu, agocha graves problemas sistémicos. Un deterioro que ten, como no podía ser doutro xeito, tremendas repercusións sociais xa que si ben maiormente se concentra nos mozos e nas mulleres achega, dada a súa dimensión, un impacto global na economía e na sociedade galegas. Impacto que será de longo alcance tanto pola situación en que quedan os/as afectados/as como polo efecto negativo que o citado deterioro ten sobre a maioría das variables económicas relevantes –as rendas familiares, as pensións e a seguridade social, o aforro e o investimento privados, os ingresos públicos, a demanda global,  ….-.

Vexamos algúns datos que confirman ese deterioro e xustifican a alarma. Se a grande recesión reverteu o saldo migratorio, que na fase expansiva anterior convertera en positivo, a chamada recuperación económica última –con crecementos positivos da produción- non é quen de frear este saldo negativo senón que o consolida. Un reponte que devolve a actualidade un problema sistémico de Galiza, a emigración de galegos/as en idade de traballar, preferentemente xente moza: unha media de 10.000 mozos/as galegos/as emigran cada ano ao estranxeiro a procura dun traballo que aquí non atopan. A explicación témola na citada situación do mercado laboral: segundo as fontes oficiais o desemprego en Galiza castiga con maior forza ós/ás mozos/as e ás mulleres. Entre os/as traballadores/as desempregados/as o 25% teñen menos de 30 anos,  e preto do 50% dos/as mozos/as que procuran traballo non o atopan. Asemade e a pesares dunha menor taxa de actividade (10 puntos menos) o 52% dos/as traballadores/as desempregados/as en Galiza son mulleres o que fai que a taxa de desemprego feminino (15,8%) estea mais de dos puntos por riba da taxa masculina (13,2%). Desemprego dos mozos e as mulleres que si explica o auxe da emigración nestes colectivos ven tamén a lastrar o seu presente e o seu futuro o tempo que dispara a desigualdade e a pobreza en Galiza.

Porque si a lacra de do desemprego non fora dabondo os escasos empregos que se crean son dunha enorme precariedade tal que, por caso, fai que reponte o triste fenómeno dos traballadores pobres (o 31% dos/as traballadores galegos/as teñen un salario por baixo do SMI).  O crecente número de traballadores/as galegos/as que traballan en precariedade (case o 50%) impide que callen proxectos individuais e familiares creando unha enorme inseguridade individual e familiar que retrotrae o consumo e, xa que logo, contribúe decisivamente a manter unha demanda débil. Empregos precarios que por outra parte acentúan as desigualdades sociais: non por casualidade Galiza está entre as poucas comunidades españolas en que as rendas do traballo teñen un menor peso na riqueza global (44,1% fronte ao 47,4% de media española) en beneficio das rendas do capital (46,2% fronte a media española do 42,5%).

Situación laboral que ten distintos impactos familiares e tamén sociais. Menos empregos e peores salarios supoñen menos e mais baixas cotizacións sociais que, por caso, financian o sistema público de pensións, tan importante este para Galiza (preto dun terzo dos fogares galegos teñen como ingreso principal a pensión). Un sistema público que, deste xeito, corre grave perigo de supervivencia. Menos empregos e mais baixos salarios, xunto a un moi deficitario estado de benestar, que contribúen ao débalo demográfico de Galiza.

Estamos, xa que logo, diante dun problema sistémico en Galiza que deriva da debilidade da demanda –publica e privada- de traballo quen, por razóns de política económica -austeridade fiscal, preferencia dos axentes privados polo investimento especulativo, debilidade da demanda global-, non é quen de cubrila oferta. Así, si os axustes fiscais castigan directamente o emprego público (por mor dos axustes perdéronse en Galiza preto de 8.000 empregos públicos -3.000 pertencentes a Administración Autonómica e 5.000 as Administracións Locais, a maioría dos cales pertencían a funcións públicas de benestar tales como ensino, sanidade e servizos sociais). Tamén vemos como o gasto e o investimento privados, que deberan turrar do emprego, non son quen de recuperar nin de lonxe os valores previos ao estoupido da crise (en valores reais: -21,1% e -54,6%, respectivamente) polas razóns apuntadas anteriormente.

En Galiza estase confirmando, como sucede en todas partes, que resulta totalmente falso o dogma neoliberal que sostén que a precariedade abre a porta ao emprego estable. Sucede o fenómeno totalmente contrario, a precariedade non so non facilita a incorporación ao mercado laboral: 182.000 traballadores desempregados que equivalen ao 14,5%, senón que ademais favorece que os empresarios transformen moitos contratos fixos en contratos temporais, emprego de calidade en emprego precario quen se dispara.  Velaí por caso, como sinala a propia Comisión Europea, que Galiza  estea converténdose nunha das comunidades europeas as que mais traballo lle está custando recuperar os niveis e a calidade do emprego anteriores a crise económica. Unha comunidade que, por iso mesmo, sitúase á cola europea na recuperación do emprego.

Por todas estas razóns resulta bochornoso escoitar aos responsables da Xunta de Galicia (PP) a cantadela de que somos unha autonomía solvente. Como se pode falar de solvencia cando aos/as mozos/as que queren traballar so se lles ofrece precariedade laboral, desemprego ou emigración, e as mulleres ademais se lles castiga cunha crecente desigualdade (o salario medio das mulleres en Galiza é un 22% inferior ao dos homes e un 10% inferior ao salario medio das mulleres en España)?

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista