0 Gardados para despois

Manoel Barbeitos

Unha decada perdida

Analizado coa perspectiva que da o tempo transcorrido o discurso de A. Núñez Feijoo, no debate sobre o estado da autonomía, foi dunha pobreza intelectual e política abraiante. Foi tamén unha manifestación mais de que con esta Xunta de Galicia (PP) perderemos unha década, por que hoxe estamos en moitos aspectos relevantes peor que cando A. Núñez Feijoo ascendeu (2009) a presidencia daquela.

Por iso mesmo penso que tiña razón o portavoz (Luís Villares) do principal partido da oposición (En Marea) cando no transcurso de tal debate chegou a cualificar ao Presidente da Xunta de Galiza de personaxe frívolo. Por que so así se comprende que aquel se despachara con un discurso tan decepciónante, tan pouco elaborado, tan pouco real e tamén tan chulesco –servidumes das maiorías absolutas-.

Como explicar, por caso, que coa situación que se vive en Galiza, a que vivimos a maioría dos galegos maiormente as clases populares, no que debera ser un debate sobre o estado da autonomía o Presidente da Xunta centrara a súa exposición na situación política en Catalunya?. Unha estratexia, por certo, que parece repetiu o PP en outras comunidades autónomas, o que dá idea dunha estratexia do PP, a nivel español, consistente en utilizar a crise política catalán como un dos seus principais arietes defensivos. Unha estratexia destinada a tapar a desfeita provocada polas súas políticas de austeridade fiscal e rebaixa salarial ao tempo que cara a xustificar os sucesivos recortes nas liberdades e dereitos democráticos.

No caso galego cabe tamén unha outra explicación: a Xunta de Galiza non ten unha proposta autóctona de goberno para a actual situación de Galiza e o presidente (A. Núñez Feijoo) non ten un discurso político propio. Entre outras razóns por que nunca tivo un real coñecemento do pais nin interese por telo.

Resulta indiscutible, aí están as evidencias e a maioría dos datos estatísticos, que o pais galego é hoxe mais pobre e o mesmo lle sucede a maioría dos galegos/as que vivimos peor que fai unha década e temos peores servizos públicos. No primeiro caso, a análise da demande e a oferta globais galegas confirman que a economía do noso país, en termos reais, é hoxe mais pobre que fai unha década. Unha situación que non se pode explicar exclusivamente por factores externos –como por caso a grave crise financeira- senón polas políticas aplicadas en Galiza e en España. Ademais, non só somos mais pobres, senón que vivimos con maiores niveis de desigualdade. Asemade, por se non fose suficiente, seguimos moi endebedados.

Galiza é mais pobre por que o gasto privado total –consumo, investimento, comercio- non remata de despuntar definitivamente lastrado polas políticas de axuste fiscal e de rebaixa salarial e tamén pola enorme carga que supón a elevada débeda privada. Non remata de desputar por que o gasto público, que debía servir de arrastre do gasto privado, segue condicionado polas irracionais políticas de axuste fiscal que, para maior sarcasmo, non son quen de frear o continuo crecemento da débeda pública cuia partida de gasto xa é a mais elevada dos orzamentos públicos.

Por si esto non fora suficiente, os indiscutibles aínda que tímidos crecementos da producción (PIB)  (2% de crecemento medio anual que están moi por baixo do 7% de media na fase expansiva última), non poden ocultar que se fan acompañados dun crecemento imparable das desigualdades sociais e territoriais ata niveis descoñecidos en décadas. Algo que sucede por mor das políticas públicas que se aplican: velai por caso os novos empregos (precarios) que se crean, a rebufo das reformas neoliberais do mercado de traballo, especialmente para os mozos e mozas tal que con razón o meu colega e amigo Albino Prada fala de que se está arrasando a xeneración da que depende o noso futuro, ou a constante perda de poder adquisitivo das pensións publicas. Dinámica que leva a que o peso das rendas de traballo na riqueza nacional de Galiza sexa hoxe o mais baixo en décadas (44,1%), sendo a galega unha das poucas comunidades de España na que aquel é mas baixo que o das rendas de capital (46,2%). Dato que reflicte a gran perda de poder adquisitivo por parte das clases traballadores galegas durante esta década algo que nin os empresarios galegos mais lúcidos son quen de negalo.

O mesmo ocorre a nivel territorial onde a caida do investimento (público e privado) e a falta de politicas que reactiven os sectores productivos básicos (agricultura, pesca, industria....) xunto con políticas de infraestructuras fallidas e medidas políticas cunha parca visión do que deben ser a explotación dos recursos e o desenrolo territorial inciden directamente no crecemento das desigualdades territoriais en Galiza.

E ben certo que o debate sobre o estado da autonomía mostrou a A. Nuñez Feijóo como un político veterano que domina –logo de tantos anos vivindo da política- a escena política. Pero tamén mostrou a un gobernante frívolo e con un escasísimo coñecemento da realidade do seu país. As evidencias: a súa xestión gobernamental ao longo de todos estes anos que mostra uns pésimos resultados en materias tan relevantes para o benestar da maioría dos galegos como emprego, salarios, pensións, saldo migratorio, atención sanitaria, ensino e cultura, atención aos maiores e as familias, medio ambiente... Aspectos todos nos que Galiza está, hoxe por hoxe, pior que cando A. Nuñez Feijoo chegou a Presidencia da Xunta de Galiza.

Velai a xusteza de que falemos dunha década perdida.

Acerca de Manoel Barbeitos

Economista