Case tanto como o equipo ciclista galego que a Xunta deixou desaparecer. En febreiro de 2012 o ciclista Ezequiel Mosquera revelaba nunha entrevista en Praza Pública que o Goberno galego deixara desaparecer o Xacobeo Galicia porque, malia aos seus éxitos deportivos, dicía non estar en condicións de achegar arredor dun millón de euros, fondos necesarios para a supervivencia do equipo. Case inmediatamente despois o Executivo apostou por unha vinculación co mundo do ciclismo ben distinta: o patrocinio de diversas etapas da Vuelta Ciclista a España, que agora retoma cunha achega de 700.000 euros para que a competición saia dun balneario da provincia de Ourense en 2016.
Malia ocultarllo ao Parlamento, xa en 2013 a Xunta, a través de Turgalicia, achegou 165.000 euros á organización de La Vuelta. Eses fondos serviron para pagar o anuncio publicitario da proba deportiva, que comezou sobre unha batea da ría de Arousa cun acto no que participaron Alberto Núñez Feijóo, Mariano Rajoy e Rafael Louzán. A inxección de fondos públicos no evento aumentou ao ano seguinte, cando co concepto "promoción do Turismo de Galicia" o Goberno achegou á empresa organizadora de La Vuelta case 300.000 euros, que se sumaron aos patrocinios das deputacións de Pontevedra e da Coruña
Despois de que neste 2015 non existisen achegas públicas e a carreira non pasase por territorio galego, o pasado día 11 a responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, desprazábanse ata a localidade vallisoletana de Medina del Campo para anunciar o que a Xunta cualifica como "momento histórico". La Vuelta regresará a Galicia en 2016 e vaino facer dende o seu inicio. A primeira etapa partirá "dun balneario da provincia de Ourense, onde terá lugar unha contrarreloxo por equipos", avanzou Turismo, que ademais detalla que Galicia "albergará cinco etapas que transcorreran polas catro provincias galegas".
A Xunta deixou desaparecer o equipo ciclista galego por non achegarlle 1 millón de euros, segundo revelaron os ciclistas
No comunicado oficial ao respecto a axencia pública non especificou o impacto que este evento terá nas arcas públicas, que ascenderá a 700.000 euros dos que 50.000 serán pagados xa este ano e os restantes, xa en 2016. Ese é o importe polo que Turismo de Galicia e Unipublic, a empresa propietaria dos dereitos de La Vuelta, pecharon un contrato privado que Nava Castro asinou o pasado 7 de setembro e incorporou á Plataforma de Contratación da Xunta o propio día 11, cando se celebrou o acto en Medina del Campo.
O Goberno achegou, cando menos, 165.000 euros a La Vuelta de 2013 e case 300.000 á de 2014
Segundo este documento, a cifra de 700.000 é a estipulada por Unipublic para desenvolver unha "proposta técnica" que inclúe o pagamento do anuncio promocional de La Vuelta 2016, e a colocación dun "arco quilométrico" na derradeira tirada da edición de 2015, que se celebra este domingo en Madrid, anunciando a saída do próximo ano. Xa en 2016 os fondos da Xunta servirán para a difusión do acto de presentación do percorrido, no "primeiro trimestre" do ano, ademais de para a inclusión de marcas e logotipos de Turismo de Galicia en diversos elementos da proba. A axencia pública disporá, asemade, dunha "carpa con mesas e cadeiras" para a "recepción de convidados" nas etapas que se celebren en Galicia.
Segundo o Goberno galego, "as últimas etapas de La Vuelta 2015 disputadas en terras galegas supuxeron máis dun billón de audiencia e unha valoración de 16 millóns de euros". Atendendo aos cálculos de Turismo, "o retorno económico" do "paso por Galicia" deste evento "foi máis de 4 millóns de euros, dos que máis de 2 proviñeron da repercusión mediática e máis de 1,7, do retorno do investimento directo".