Así é o "preacordo político" entre Anova, Podemos e EU

Beiras, Iglesias, e Díaz, o pasado xullo na Coruña CC-BY-SA Podemos

O "preacordo político" que perfilan Anova, Podemos e EU vén de mover os marcos no debate sobre a confluencia da esquerda galega de cara ás eleccións xerais. Ben sexa como impulso -como o ven algúns- ou como distorsión -como opinan outros- o documento que as tres formacións negocian para asinar nos vindeiros días promete marcar un antes e un despois nun proceso que leva meses activo. Pero nin as tres formacións negociadoras coinciden na importancia e inminencia do mesmo. Nin tan sequera en que sexa xa o definitivo. 

O texto, ao que tivo acceso Praza, insiste nun "preacordo" para a construción dun "espazo de cambio político e de ruptura democrática e dunha candidatura galega de confluencia ás eleccións xerais", pero aclara que non é máis que "un novo chanzo" na conformación dese bloque de confluencia "aberto a todos aqueles espazos cos que se compartan procesos, metodoloxías e obxectivos políticos". 

O documento di que o acordo é "un novo chanzo" pola confluencia "aberta a todos aqueles espazos cos que se compartan procesos, metodoloxías e obxectivos políticos"

"O acordo ten, en definitiva, unha vocación necesariamente aberta e inclusiva para todos os actores políticos e sociais que teñan a vontade de sumarse ao proceso de unidade popular que, a diferentes niveis, está en marcha", di o documento, que toma como "punto clave de referencia" as candidaturas de confluencia que mudaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M. Ademais, insiste en que "a clave do éxito deste proceso é facer do mesmo un instrumento en mans da cidadanía". 

"Temos o compromiso de abrir un proceso de confluencia onde a cidadanía sexa a protagonista", di o texto

"Temos o compromiso de abrir un proceso de confluencia onde a cidadanía sexa a protagonista, tomando como propio o proceso e modelando, en primeira persoa do plural, todos os seus elementos cardinais: a elaboración programática, a materialización política do espazo, o código ético, control democrático e os elementos que conforman un suxeito político", di.

Anova, Podemos e EU insisten en repetir o modelo da Marea Atlántica e Compostela Aberta e abren o abano á entrada do BNG, sabendo tamén que a súa inclusión neste espazo é moi complicada. Mentres hai voces que apostan -publicamente tamén, como Martiño Noriega- pola inclusión do Bloque na alianza, outras dan por feito que será case imposible.  

E o motivo é claro. O mandato que o referendo estatal que Podemos fixo no verán sobre as súas alianzas electorais -e na que non participou nin o 15% da militancia- implica que a formación de Pablo Iglesias se presente coa súa marca -preponderante ou non- en todos os territorios máis aló dos acordos con outros grupos. A creación dunha candidatura galega unitaria independente con Podemos dentro non só incumpriría co decidido no devandito referendo, senón que obrigaría -para salvar as limitacións do Regulamento do Congreso- a que se enfrontase a unha lista da formación de Pablo Iglesias para poder optar a ese grupo propio no Congreso. É iso ou prescindir do partido morado. 

Pero Beiras repetiu varias veces en que esa lista única debería respectar "Galiza como suxeito político" e non ser unha "sucursal". Fontes da dirección de Anova insisten en que todo o negociado "bloquearíase" no caso de que Podemos non respecte a "soberanía deste espazo de confluencia", desde EU advirten de "protocolos de relación" e posibles acordos que farían posible ata un grupo propio como tal e Podemos-Galiza aposta pola "federación" dese espazo galego coa súa marca estatal.  

O espazo de confluencia que se pretende presentaríase xunto a Podemos pero funcionaría como  un grupo independente "tamén na súa actividade nas institucións"

Son todas esas alternativas as que se manexan cun obxectivo: este espazo galego de confluencia presentaríase ás xerais xunto a Podemos, pero actuaría como "suxeito político soberano en todos os planos, político, xurídico, simbólico, comunicativo e organizativo", pero tamén "na súa conformación como canle de participación cidadá e na súa actividade nas institucións". Xa que logo, e segundo explican varias fontes da negociación, actuaría como un grupo galego no Congreso, con liberdade de voto e capacidade de decisión propia. Un grupo oficioso. 

O exemplo máis empregado é o das múltiples votacións sobre pesca, naval ou agricultura no Congreso nas que a disciplina do grupo provoca que candidatos galegos de PP ou PSOE votasen en contra de medidas favorábeis ou máis acaídas para Galicia. Iso non ocorrería neste caso, insisten estas fontes, algo no que non confían desde outras forzas nacionalistas. 

Por outra banda, quedaría a cuestión das primarias e da validación dos candidatos, tendo en conta tamén que Podemos xa elixiu os seus aspirantes a representantes provinciais. No preacordo asegúrase que o bloque final que "resulte deste proceso de confluencia social e política" debe ser quen de "artellar as canles de iniciativa e decisión para que a cidadanía á que se debe, a galega, poida participar activamente e outorgar lexitimidade a todo o proceso dunha forma viva e continuada". E a figura de Beiras parece claro que tería un papel fundamental. 

Diversas fontes advirten que nin moito menos se tratou o nome da candidatura: "é un preacordo político, para nada electoral"

En canto á denominación desa candidatura galega, nada se concretou aínda, pero parece claro que se intentará limar ao máximo a preponderancia da simboloxía de Podemos, sen que iso supoña ir contra o mandato que en referendo deron os militantes desta formación. Diversas fontes insisten en que o preacordo é "político e para nada electoral" porque iso suporía xa ter falado de primarias, denominación e papeletas. "Nada dixo se tratou aínda, pero si a coincidencia na diagnose", din fontes das negociacións que nin tan sequera dan por seguro que Podemos acabe mantendo o seu nome en determinadas circunscricións. "Deixar a ver se non teñen que baixar da burra", din. 

Beiras, Díaz e Iglesias e outros membros das súas formacións CC-BY-SA Podemos

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.