O PP tamén perdería as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra se as votase a cidadanía

Pleno da Deputación da Coruña, presidido polo socialista González Formoso © Deputación da Coruña

Entre os múltiplos argumentos escoitados este xoves no pleno da Deputación de Lugo no que saíu adiante a moción de censura impulsada por PSdeG e BNG un dos máis recorrentes, en maior medida dende o PP pero tamén pola banda das forzas que sustentan o novo goberno, foi o referido ao apoio da cidadanía, aos votos. Así, a expresidenta, Elena Candia, reivindicou o seu dereito a seguir gobernando como forza "máis votada, gañadora", e socialistas e nacionalistas apelaron a que, xuntos, suman máis votos que os conservadores. Nun intre do debate, o voceiro do PP, Juan Carlos Armesto, mesmo chegou a falar de "eleccións á deputación". Obviamente, a realidade política non sustenta todas estas afirmacións, xa que as deputacións provinciais non son elixidas directamente pola cidadanía, senón a partir dos resultados das municipais en cada partido xudicial. Pero, que acontecería se así fose?

Nun exercicio de ficción política, cando menos tan irreal como o desas supostas eleccións á deputación, os resultados das eleccións municipais do pasado 24 de maio deixarían un escenario non excesivamente diferente ao real, coa posibilidade de formar maiorías alternativas ao PP nos entes provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra. Mentres, en Ourense, os de Manuel Baltar reterían a maioría absoluta por un só escano. Todo isto sen ter en conta, obviamente, variables imposibles de calcular numericamente como a influencia que terían no electorado as persoas que formasen as listas electorais.

Na moción de Lugo apelouse á forza "máis votada" malia non existir votación cidadá

Para realizar esta estimación botaremos man dos votos totais en cada unha das provincias e realizaremos unha simulación de reparto de deputados mediante a Lei d'Hondt, cun limiar do 5% para poder obter representación, isto é, a mesma barreira que existe nos concellos. No caso de Lugo, a máis turbulenta neste inicio de mandato, o PP quedaría exactamente como está, con 12 escanos dos 25 que ten a corporación. O que si se movería sería o reparto de escanos entre os membros da coalición de goberno: a aplicación da Lei d'Hondt ao conxunto de votos na provincia restaríalle dous escanos aos socialistas, que ficarían con 9, mentres que o BNG duplicaría a súa representación, ata os 4.

Os conservadores ficarían cos mesmos escanos en Lugo e Pontevedra, mentres que na Coruña gañarían dous e en Ourense, perderían un

Outra deputación na que o voto directo non mudaría a representación do PP sería a de Pontevedra. Os populares terían 12 escanos, como teñen na realidade, e o PSdeG contaría con 10, exactamente os que ten agora. A diferenza sería que o Bloque no canto de ter 4 deputados e deputadas pasaría a ter 5, mentres que a Marea de Vigo perdería o seu escano ao non acadar o 5% dos votos no conxunto da provincia.

No caso da Coruña habería algún movemento máis, pero que non afectaría ao xogo de maiorías. No canto dos 13 deputados que lle outorga o reparto por partidos xudiciais, os de Feijóo acadarían os 15, a un da maioría absoluta. No entanto, si habería lugar a un goberno na banda esquerda encabezado polo PSdeG, que tería 8 asentos, no canto dos 9 cos que conta. O BNG tería os mesmos 5 deputados que ten na realidade e a Marea Atlántica tería 2, no canto de 3. O limiar do 5% deixaría fóra tanto a Compostela Aberta como á Alternativa dos Veciños, que co modelo actual teñen cadanseu escano.

Neste virtual escenario no que, ao carón da urna para elixir edís dos concellos, habería outra para determinar a composición das deputacións, o PP só conservaría a súa maioría absoluta en Ourense, como sucede co sistema vixente. Alí a familia Baltar seguiría mantendo o control con 13 deputados, un menos dos que lle outorgou o sistema de partidos xudiciais. Populares e socialistas perderían cadanseu escano, e eses dous asentos serían para o BNG, que pasaría de 1 a 3. Democracia Ourensana, pola súa banda, ficaria como está, con 2 representantes.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o grupo de goberno © Deputación de Pontevedra
Deputados de PSdeG e BNG na Deputación de Lugo, tras a moción de censura CC-BY-NC-SA BNG Lugo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.