Así se conformarán as listas de 'En Marea'

Logotipo da campaña (esquerda) e imaxe en redes sociais CC-BY-SA Praza Pública

En Marea, a candidatura de unidade na que Podemos, Anova, EU, as principais plataformas municipalistas e outras pequenas forzas acudirán ás eleccións xerais, prepara a contrarreloxo o seu sistema de elección de listas.

Podemos renuncia á marca pero o seu logotipo estará nas papeletas

A presión das mareas e doutros axentes políticos fixeron recuar a Podemos, que aceptará finalmente que a súa marca non apareza na candidatura, así como un sistema de elección de candidatos mediante unhas primarias coas que non contaba nun principio. Será definitivamente unha denominación “sen referencias a ningunha das organizacións partidarias” e cun logotipo propio e único que se empregará na campaña. Pola contra, na papeleta prevese que si saia o símbolo da formación de Pablo Iglesias, nunha concesión ao partido morado, que lle permite saltar o incumprimento do mandato das súas bases, ademais das marcas de todos os colectivos que entren na coalición. 

E haberá primarias, pero non abertas, senón con listas plancha: candidaturas pechadas con membros de varias formacións que, segundo as negociacións abertas, deberán ser avaladas por polo menos 15 persoas nas que haxa representación de máis da metade das forzas e plataformas que participen no espazo de confluencia.

As candidaturas para as primarias deben contar con membros de varias formacións e aval de varios dos axentes políticos da coalición

Entre eses actores está asegurada a presenza de Podemos, Anova e EU -que serán a base da coalición-, xunto coas tres plataformas municipalistas que gobernan nas cidades: Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común. Ademais, queda aberto a outras mareas e a forzas máis pequenas como Espazo Ecosocialista. Equo-Galicia, logo dunha consulta realizada entre as súas bases, decidiu "desmarcarse" do acordo, aínda que iso non impedirá que algún membro do seu partido se implique. O 68% dos consultados optou por esta opción e, segundo a dirección, o espazo de confluencia "converteuse nunha coalicion de tres partidos que incumpre practicamente a totalidade do acordado e xa traballado en común".

Tamén fixo consulta entre os seus membros o Encontro Cidadán por unha Marea Galega, que apostou finalmente por participar na candidatura e pola "impliación activa na dirección do proceso iniciado". Así, case o 60% dos participantes no referendo (165 votos) votou a favor de participar en En Marea, mentres que o 40% (112) apostou por non integrarse. En Anova, unha "consulta interna de urxencia á militancia" referendou o acordo cos votos a favor de máis do 80% dos participantes, máis da metade das bases.  

O Encontro Cidadán decide finalmente "implicarse activamente" na candidatura tras a consulta ás súas bases; Equo non se integrará

O feito de que non se poidan presentar persoas a tíulo individual e o ter que, no caso de facer unha lista, competir coas propostas dos partidos máis asentados non convencía de todo no Encontro. Ademais, o censo destas primarias sería o da militancia das diferentes forzas e plataformas, pero aí reside outro dos problemas. A Lei de Protección de Datos impide ceder estas listaxes completas sen permiso de cada un dos membros, polo que a única solución sería que as votacións se fixesen dentro de cada formación e se trasladasen os datos ou que os interesados en participar se inscribisen antes para formar un censo global. Malia que o prazo para rexistrar a candidatura acaba este venres, ata o 16 aínda hai tempo para inscribir os candidatos.

Anova quere que se presente Beiras, que rexeitou polo momento esta posibilidade

Entre eles podería estar Xosé Manuel Beiras, que insiste en non presentarse pero que é presionado por membros da súa formación. "É unha posibilidade que gaña forza” din fontes de Anova, aínda que o partido levará a cabo unha consulta interna entre a súa militancia para elixir os seus candidatos ás primarias. Tanto esta formación como Podemos negan, ademais, que houbese veto a ningunha persoa de formación ningunha, tal e como se asegurou nalgún medio. Así, desde a forza nacionalista desmentiuse “cateogoricamente” a información que aludía á suposta negativa a incorporar o economista Manuel Lago ás listas.

Podemos tería o número un pola Coruña e Anova por Pontevedra

Tone Gómez Reino, de Podemos, soa con forza como o número 1 na proposta oficial pola Coruña, provincia pola que xa fora elixido nas primarias da súa formación. En Pontevedra, pola contra, a cabeza de lista será unha candidata de Anova. 

Ademais, e pensando non só nas xerais senón tamén nas autonómicas de 2016, este novo espazo político creará  unha coordinadora nacional con seis membros de Podemos, Anova e EU (dous de cada forza) e outros seis dos diferentes axentes que participen na coalición.

Riobóo, Beiras e Díaz, na presentación do preacordo CC-BY-SA EU

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.