Feijóo, forzado a volver responder pola Operación Zeta no Parlamento

Feijóo, nun pleno do Parlamento © Conchi Paz

Non será como prefería a oposición, pero será. O pasado martes configurouse no Parlamento a orde do día do primeiro pleno do novo período de sesións e grupos como o PSdeG e o BNG, así como o Mixto, reclamaron incluír nela unha comparecencia do presidente da Xunta a respecto da Operación Zeta, a trama de presunta fraude en cursos de formación na que vén de ser citado como investigado -antiga imputación- Pachi de Lucas, o empresario a quen a Policía e a xuíza consideran intermediario entre os presuntos cerebros da rede e os cargos políticos, a quen a propia investigación ubica no círculo de amizades de Alberto Núñez Feijóo. O PP, como era previsible, vetou a solicitude, pero o titular da Xunta terá que abordar a cuestión.

Dada a máis que agardada negativa do PP, que o seu voceiro, Pedro Puy, xustifica coa necesidade de "non facerlle o xogo" á oposición, o PSdeG trasladou o tema á sesión de control ao presidente. Deste xeito, o voceiro socialista, José Luis Méndez Romeu, instará a Feijóo nesa quenda de preguntas a aclarar as "funcións desenvolvidas" por Pachi de Lucas e se a súa "influencia" logrou condicionar algunha axuda da Xunta ás empresas e entidades que presuntamente xestionaron as axudas de formación de xeito fraudulento.

Romeu preguntará no pleno "se o conseguidor participou dalgunha decisión do Goberno galego"

Cómpre, di Méndez Romeu, que Feijóo "explique en sede parlamentaria a súa conexión co conseguidor", agora investigado "por presunto tráfico de influencias" e que o faga cunha actitude diferente á amosada cando foi cuestionado ao respecto en decembro de 2014. Daquela, "cando se coñeceu a presenza de De Lucas na trama", di, Feijóo "non ofreceu máis que denuestos e descualificacións" cunha intervención que o deputado do PSdeG considera "de vergoña allea". "Se o conseguidor participou dalgunha decisión do Goberno galego haberá que dar algunha explicación", enfatiza.

Jorquera: "Quero lembrar que Pachi de Lucas é unha persoa do círculo íntimo do señor Feijóo"

Tamén o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, reclama explicacións do presidente. O último auto da maxistrada, di, "considera confirmados os indicios que apuntan a un delito de tráfico de influencias ao actuar [De Lucas] como conseguidor de Gerardo Crespo". "Quero lembrar que Pachi de Lucas é unha persoa do círculo íntimo do señor Feijóo", resalta o nacionalista, quen ve confirmado que neste "escándalo" non funcionaron "os mecanismos de control dos cursos". "Estamos -subliña- ante unha trama de financiamento ilegal coa connivencia de responsábeis da Xunta e do PP".

As anteriores respostas de Feijóo

En 2014 o presidente tentou poñer o foco do caso no bipartito e negouse a aclarar os seus vínculos co presunto 'conseguidor' para "non desviar a atención"

Esta non será, efectivamente, a primeira ocasión que Feijóo teña que responder pola Operación Zeta. En outubro de 2014, tras o estourido público do caso, o presidente da Xunta desviou cara ao daquela alcalde da Coruña, Carlos Negreira, as explicacións a respecto dos presuntos pagamentos en 'B' ao PP coruñés. A continuación, xa no Parlamento e despois de que o BNG amosase unha fotografía súa compartindo bancada co 'conseguidor' na praza de touros de Pontevedra, retrucou culpando o bipartito de axudar as entidades de Crespo con maiores contías que o goberno do PP e afirmando, ademais, que se o caso chegara á Xustiza fora grazas ao seu Goberno.

Mentres continuaban a saír datos á luz do sumario, tales como os agasallos anotados pola trama para diversos cargos da Xunta ou o esquema do que os investigadores definiron como "caza de cartos públicos", Feijóo evitaba aclarar a súa relación con De Lucas. "A efectos de sumarios non hai amigos nin inimigos", afirmou. Semanas despois, en novembro, o PP impedía por primeira vez abrir unha investigación parlamentaria sobre o caso para "non politizar" e, nunha nova sesión de control, negou ter un "mediador" na presunta rede corrupta, en referenica a De Lucas, mentres tentaba de novo poñer o foco sobre a xestión de PSdeG e BNG na Xunta. Se non ofrecía explicación sobre os seus vínculos con Pachi de Lucas, sinalaba, era para non "desviar a atención".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.