0 Gardados para despois

Renfe anuncia como "alta velocidade" o tren a Galicia malia negar que o fose tras o accidente de Angrois

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 10 de decembro de 2011, vinte días despois de que o PP gañase as eleccións xerais por maioría absoluta, o ministro de Fomento en funcións, José Blanco, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidían xunto a outros moitos cargos a inauguración da "liña de alta velocidade A Coruña-Santiago-Ourense". "A posta en explotación da liña representa a inclusión de Galicia no mapa da alta velocidade española", informou o Ministerio naquela xornada. Apenas un ano e medio despois un dos trens desa liña descarrilaba na parroquia compostelá de Angrois e diversas autoridades, a comezar por Feijóo, negaban que aquel accidente fose dun tren de alta velocidade. No inicio de 2016 Renfe e o Ministerio de Fomento volven publicitar a "alta velocidade" a Galicia.

"La primera comunidad del Norte de España en disponer de Alta Velocidad", indicaban os anuncios oficiais naquel decembro de 2011. Eses lemas foron gardados nun caixón cando, xusto despois do accidente, os gobernos galego e español sinalaron, case dende o minuto cero, o descoido do maquinista como única causa da traxedia. Como lembra o xornalista David Reinero no seu libro Angrois: O AVE en anacos (Praza Pública), o titular da Xunta mesmo con máis vehemencia que o responsables do Goberno central, foi o primeiro en desvincular o sinistro da "alta velocidade española" e acusar a quen o fixese de querer atentar contra os intereses económicos do Estado.

Tres días despois do sinistro Feijóo negou que a liña inaugurada como alta velocidade fose tal e alertou de "intereses dalgúns países" en denominala así

Foi, nomeadamente, nunha comparecencia conxunta cos ministros de Fomento e Interior, Ana Pastor e Jorge Fernández Díaz o 27 de xullo de 2013, cando aínda non se fixeran tres días do accidente. "España en alta velocidade e en seguridade é dos mellores países do mundo, aínda que a algúns países lles poida non interesar este feito; non é unha opinión política, senón técnica", advertiu Feijóo mentres receaba das intencións da prensa que o cuestionaba ao respecto.

"É evidente que hai moitos intereses, mesmo algúns intereses económicos por parte de determinadas empresas ou subministradores de alta velocidade", advertiu, lembrando que compañías espñaolas estaban inmersas en "concursos internacionais de construción de liñas de alta velocidade". Pero a liña e os trens que chegan a Galicia "non pode gozar da cualificación técnica" que "conleva o vocablo" 'alta velocidade' "mentres non conclúa a súa conexión con Madrid". En Galicia, oficialmente, deixaba de existir a alta velocidade inaugurada dous anos antes.

No Congreso dos Deputados

Non foron poucas as declaracións oficiais, se cadra menos vehementes pero igual de rotundas que as de Feijóo, que nos meses seguintes negaron que a liña galega fose de alta velocidade aínda que iso supuxese contradicir os propios departamentos gobernamentais que representaban. Foi o que fixeron, por exemplo, os presidentes de Renfe e Adif ante o Congreso dos Deputados nas súas comparecencias de agosto de 2013 a respecto do accidente de Angrois.

"Entre Santiago e Ourense non hai alta velocidade", advertiron no Congreso tras o accidente

"Non se pode considerar que este fose un accidente de alta velocidade", resaltou o máximo responsable de Adif, Gonzalo Ferre. Para falar de alta velocidade cómpre que a vía, os trens e os sistemas de seguridade reunan determinadas características que non era posible atopar no treito do accidente. "Entre Santiago e Ourense non hai alta velocidade", concluíu ante os deputados.

A negativa sobre o carácter de "alta velocidade" do treito Santiago-Ourense foi un dos moitos motivos de indignación entre os colectivos que representan as vítimas de Angrois. Así, por exemplo, no primeiro aniversario da traxedia, a Plataforma de Víctimas do Alvia 04155 instaba o presidente a aclarar se "sabía" que "tanto o goberno anterior como o seu nos enganaron, vendéndonos o produto como alta velocidade aínda que non cumpría a normativa esixible en materia de seguridade". "Leu vostede os informes que din que o accidente se podería evitar se houbese as medidas de seguridade propias da alta velocidade?", cuestionaban.

Os novos anuncios 

Malia todo isto, os anuncios sobre a alta velocidade a Galicia volveron en todo o seu esplendor pouco despois de que, como adiantou Praza Pública, Fomento abrise un novo treito do futuro AVE galego, o que une as localidades castelás de Olmedo e Zamora, en vésperas das eleccións xerais do 20-D. A mediados deste mes Renfe lanzaba o denominado Plan Galicia 2016 con promocións especiais para animar á utilización das novas vantaxes da liña, con media hora menos no tempo de viaxe entre Galicia e Madrid e horarios máis flexibles.

Os anuncios de Renfe difúndense tras a apertura do treito entre Olmedo e Zamora, inaugurado sen o sistema de freado automático ERTMS

As novas vantaxes están sendo promovidas a través de anuncios publicitarios nos que se fala abertamente de "alta velocidade" a Galicia, se ben na nova liña ata Zamora ningún tren pode superar os 200 quilómetros por hora ata que non sexa instalado o sistema de freado automático ERTMS, o mesmo que faltaba en Angrois cando sucedeu o accidente -a súa instalación na contorna da estación de Santiago e no Eixo Atlántico comeza este mes, segundo informaron as empresas adxudicatarias-.

Para que, en rigor, se poida falar de que Galicia e Madrid están unidas por AVE todo o trazado tería que ter doble plataforma -dupla vía- e ERTMS. Isto, obviamente, aínda non sucede, dado que o freado automático non funciona en toda a liña e, ademais, resta saber aínda cando estarán concluídas obras como as dos 14 quilómetros de entrada a Ourense, que tanto Rajoy como Feijóo seguen fixando para o ano 2018 aínda que polo momento se atopan en fase de planificación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.