Os desencontros co PSOE nos concellos "dificultan" o apoio de En Marea a Pedro Sánchez

Os deputados e unha senadora de En Marea, ante o Congreso © En Marea

As mareas advirten ao PSOE. Os atrancos que os executivos locais de Compostela e A Coruña denuncian por parte dos socialistas no seu labor de goberno poderían influír na busca de apoios de Pedro Sánchez á investidura. Así o asegurou este mércores Xulio Ferreiro, alcalde coruñés, moi crítico coa actitude do PSdeG no Concello á hora de intentar aprobar os orzamentos logo de que decidise suspender as negociacións. 

"Vendo o que está pasando na Coruña e Santiago, non sei se En Marea será moi entusiasta á hora de apoiar a Sánchez", advirte Ferreiro

"Evidentemente", respondeu Ferreiro tras ser preguntado por unha eventual influencia dos desacordos entre PSOE e Marea Atlántica na Coruña con respecto da negociación para un executivo de cambio no Estado. "Vendo o que está pasando aquí, o que está pasando en Santiago... Eu non sei se os deputados de En Marea van ser moi entusiastas á hora de apoiar un goberno de Pedro Sánchez vendo como actúa o PSOE noutros sitios", asegurou o rexedor, que insistiu en que "evidentemente" a actitude que denuncia do grupo socialista "é unha dificultade que está aí" á hora dun hipotético apoio por parte da formación galega nas Cortes a unha alternativa ao PP. 

"Non sei que máis chamamento queren que faga, non sei se teño que ir a cantarlle ao balcón a José Manuel Dapena", continuou Ferreiro en referencia ao portavoz do PSOE na Coruña, que esta mesma semana anunciou estar disposto a que o seu partido entrase nun goberno de coalición coa Marea Atlántica logo de suspender as negociacións polo orzamento e de denunciar a "deslealdade" do executivo local.

Un membro de En Marea e outro de En Comú Podem formarán parte do equipo negociador de Podemos co PSOE

O malestar e os desencontros subiron de ton nas últimas semanas na Coruña como antes o fixeran en Compostela e mesmo en Ferrol, as tres grandes cidades gobernadas polas mareas municipalistas que se implicaron activamente na campaña electoral de En Marea de cara ás xerais. Agora, o PSOE comeza a rolda inicial de contactos cos diferentes grupos parlamentarios para un posible apoio á súa investidura e, malia que o rei Filipe VI si recibiu un portavoz de En Marea, Pedro Sánchez ten previsto reunirse de inicio tan só co líder de Podemos, Pablo Iglesias, o vindeiro venres 5. 

No entanto, a formación morada xa anunciou que no seu equipo negociador de cara a futuras conversas co PSOE entrará un representante de En Marea e outro de En Comú Podem, ademais de Íñigo Errejón, Carolina Bescansa e Irene Montero. Malia todo, desde as confluencias laméntase que nunha primeira rolda non se apostase pola xuntanza con elas por separado, malia que os socialistas parecían dispostos nun principio. 

Desde En Comú Podem, o seu portavoz, Xaiver Domènech, amosouse partidario dunha negociación como unha soa voz do denominado grupo plurinacional pero critica a Pedro Sánchez por non recibir por separado á súa formación antes como si fixo o rei. "Demostra outra vez que non entende o que representa a candidatura", engadiu o voceiro catalán, que segue a defender un referendo en Catalunya como condicion chave para apoiar un goberno de cambio mentres o comité federal do PSOE veta mesmo unha negociación con quen defenda a consulta. 

Xulio Ferreiro, ante a prensa © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.