0 Gardados para despois

En Marea di que defenderá as propostas galegas na investidura cun "anexo" ao texto de Podemos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Pablo Iglesias presentou este luns no Congreso dos Deputados un amplo documento co que pretende situar o grupo confederal de Podemos e as confluencias galega e catalá no centro das negociacións para formar un goberno de coalición xunto a PSOE e IU. A proposta establece en case cen páxinas as bases programáticas dese novo Executivo, a súa estrutura e mantén como "imprescindible" a celebración dun referendo en Catalunya e a necesidade dunha composición "proporcional" de carteiras e responsabilidades segundo os votos recibidos. Asinado polo partido morado, En Comú Podem e En Marea, e sen propostas detalladas para Galicia, a coalición galega anuncia que está a preparar xunto con varios técnicos un "anexo" no que se incluirán as medidas concretas para o país e que irían máis aló das condicións básicas expostas xa para apoiar a investidura de Pedro Sánchez

En Marea prepara un anexo ao documento base de Podemos con todas as medidas concretas para Galicia

O documento presentado por Iglesias, que xa foi enviado a todas as formacións políticas ademais de sindicatos, patronal, alcaldes e outros colectivos e institucións, foi elaborado por un equipo dunhas vinte persoas entre as que se inclúen deputados de Podemos e das confluencias e expertos alleos aos partidos. Entre elas figura a parlamentaria galega Yolanda Díaz, que explica que este texto supón "a base" programática estatal, pero que En Marea traballa xa nese "anexo" que incluirá as reivindicacións para Galicia baseado "en todo o que ten que ver coas normas de carácter estatal de aplicación e influencia" no país. 

Naval, pesca, lácteo, dependencia, política enerxética, lingua... En Marea asegura que este documento que será incluído nesas conversas posteriores co resto de forzas vai máis aló desas "cinco medidas fundamentais para a cidadanía galega" debulladas nun artigo en Praza e das catro demandas urxentes que inclúen a derrogación da prórroga concedida a ENCE, unha nova lei de financiamento local, un novo acordo lácteo e unha solución para o sector do cerco. Será, segundo fontes da coalición, unha proposta "rigorosa e detallada" que podería presentarse xa esta mesma semana, aínda que queda por ver se será xa o documento completo ou un resumo das demandas a incluír nos propósitos dese novo Executivo. 

O documento de En Marea inclúe propostas centradas "nas especificades de Galicia e nas súas problemáticas propias"

Así, desde En Marea insisten en que levan xa varios días traballando nun documento elaborado coa axuda de varios técnicos e que busca afondar "nas especificidades que Galicia ten en cada tema e nas súas problemáticas propias". Como exemplos, as políticas de dependencia no país, o peso da pesca ou do sector lácteo, a dispersión e o envellecemento poboacional ou mesmo conflitos como a planta de gas na ría de Ferrol ou as térmicas. 

Con todo, Galicia non sae citada no documento base de Podemos pero si Catalunya, aínda que neste caso é sempre en referencia ao "dereito a decidir, o encaixe territorial e a proposta dunha consulta". "Toda referencia catalá vai vinculada ao que ten que ver coa formulación do referendo e a un problema político actual de primeira magnitude que non podemos negar; os cataláns queren votar de maneira colectiva e no grupo exiximos esa consulta", explica Yolanda Díaz, que lembra que ningunha proposta específica catalá, máis aló dese "encaixe territorial", está incluída. "Nin a cuestión do trasvase, por pór só un exemplo", advirte. Queda por ver, agora, se En Comú Podem presenta tamén un anexo como fará En Marea. 

 

"Fronte ao de sempre, Goberno de cambio"

"Mantemos a oferta de formar un Goberno de coalición en España, e por iso presentamos este documento de máis de cen páxinas", sinalou Iglesias na presentación do texto. "Ofrecemos un Goberno cunha base electoral de máis de 11 millóns de votantes. Pensamos que un Goberno en solitario significaría debilidade. Fronte á provisionalidade, estabilidade; fronte ao de sempre, Goberno de cambio. O momento histórico require que nos poñamos de acordo", insistiu o líder de Podemos.

O documento está estruturado en dous eixos principais: unha primeira parte programática, na que responde á proposta que lanzou a semana pasada o PSOE; e unha segunda na que se establece un organigrama do novo Goberno, así como unha repartición de competencias e un sistema de nomeamentos de determinados altos cargos institucionais consensuado.

Iglesias resérvase a vicepresidencia única dun Goberno que encabezaría Pedro Sánchez. A repartición dos 15 ministerios que propón Podemos sería proporcional, pero o líder da formación morada non quixo definir cantos nin cales deberían ser para cada un dos integrantes do Executivo de coalición. "Non toca falar de sillóns. Xa o veremos cando toque falar de Goberno", sinalou.

O que si explica ben o documento é cales serían as competencias da Vicepresidencia que ostentaría Iglesias. Baixo o seu mando estaría unha secretaría de Estado de Loita contra a Corrupción e Crime Organizado, unha das principais novidades da proposta de Podemos e a "medida máis ambiciosa" adoptada en democracia neste sentido. "Esperanza Aguirre segue no Concello de Madrid", lembrou o secretario xeral de Podemos. "Non se pode tolerar que os que ampararon e nomearon os corruptos sigan nas institucións. Non queremos máis casos Aguirre, Rita Barberá ou Gómez de la Serna", resolveu.

Pablo Iglesias controlaría Vicepresidencia e propón unha secretaría de Estado de Loita contra a Corrupción

Na organigrama presentado por Podemos desaparece o Ministerio da Presidencia, que quedaría dentro da Vicepresidencia. Así, Iglesias controlaría o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), o CIS e o BOE. Ademais, tería baixo as súas ordes ás secretarías de Estado de Comunicación e de Relacións coas Cortes, ademais dunha Subsecretaría de Estado de Presidencia.

No marco programático, os obxectivos do novo Goberno serían "priorizar as persoas en situación crítica; lograr emprego digno e con dereitos; reversión dos recortes en servizos sociais; rexeneración democrática e contra a corrupción; e impulsar unha nova transición no ámbito social, institucional e territorial".

No ámbito territorial, Podemos establece un Ministerio da Plurinacionalidade, Administracións Públicas e Municipalismo. Sería unha das bases da "segunda transición" que lglesias avoga por pór en marcha e que, entre outras medidas, pasaría por modificar o artigo 2 da Constitución para o recoñecemento da realidade plurinacional e a celebración dun referendo en Cataluña. Unha consulta que, segundo apuntan, deberá contar "con todas as garantías democráticas, xurídicas e loxísticas" que "permite e ampara" o artigo 92 da Constitución española, que establece que "as decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo".

O grupo de Podemos e as confluencias propón modificar o artigo 2 da Constitución para recoñecer a plurinacionalidade e a celebración dun referendo en Cataluña

Segundo especifica o partido de Pablo Iglesias, a pregunta deste referendo debe ser "única e clara" e ter como obxectivo fixar a posición da cidadanía catalá sobre o futuro político de Cataluña. Este é, a día de hoxe, un elemento "imprescindible" para formar un Goberno de progreso. En canto ao tema linguístico, o documento propón "determinar o carácter oficial, e en igualdade de condicións, das linguas propias do Estado" e que tanto galego, como catalán e éuscaro sexan cooficiais a nivel estatal.  

"A memoria económica", afirmou Iglesias, "demostra que as propostas son viables no económico. No que respecta na formación do Goberno optamos polos pesos e contrapesos, e con lealdade: presidido pola forza política con máis votos, Pedro Sánchez; a segunda consecuencia é que a vicepresidencia política caia na segunda forza máis votada. As garantías teñen que ver cos elementos programáticos e coas persoas".

O PSOE di recibir a proposta de Podemos con "perplexidade, preocupación e decepción"

No entanto, desde o PSOE a proposta de Podemos non foi recibida con bos ollos e semella ter incrementado aínda máis a tensión entre as dúas formacións. "Recibímola con perplexidade, preocupación e decepción", chegou a dicir Antonio Hernando, voceiro dos socialistas no Congreso. "En que momento nos perdemos millóns de españois que o xefe do Estado lle tivese encargado formar Goberno? Que abandone o papel que non lle corresponde", dixo sobre Pablo Iglesias. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.